REVISTA ABRIL

Novidades da música local para comenzar o ano

Como xa vén sendo habitual, traémosvos algunhas das últimas novidades musicais nacidas na nosa cidade. Malia que non está a ser o mellor mes para a música en directo, con moitas cancelacións na salas viguesas, os lanzamentos musicais non cesan.

Foto promocional de Eondry na Sala Kominsky | Renan Quaresma

NICOLÁS PASTORIZA

@nicolaspastoriza

O de Nicolás Pastoriza é posiblemente o primeiro disco deste ano a nivel mundial, pois publicouno en plataformas dixitais o 1 de xaneiro ás 00:01, nada máis rematar as badaladas de aninovo. Leva por título Servicio de atención al cliente, e continúa na liña que xa viña presentando nos seus anteriores traballos: melodías pop de influencia británica con efectos e ruidos varios, case todo gravado no seu estudio caseiro.

NORDE

@nordemusica

Xa nos fixemos eco na última entrega de novidades viguesas desta novísima banda de indie encabezada por Aroa Ferreiro, que agora presentan o seu segundo single, ‘El Reflejo’. Protagonizado pola actriz María Costas, o tema ofrece letras elaboradas e un apartado músical moi melódico e elegante.

SANTI ARAÚJO

@santiaraujo

E falando de elegancia, non podía faltar nesta selección Santi Araújo, que continúa adiantando cancións do que será o seu primeiro longa duración en solitario, Suelta Ø Muerde. Esta vez faino ben acompañado: Leonor Watling entona neste tema fermosos versos en galego e Xoel López actúa no videoclip. Non está de máis lembrar o fantástico EP que é Catedral, o seu debut pola súa conta tras varios anos de parón.

ISIUS

@isius_band

A banda capitaneada por José Viqueira, ex Free Serena, presenta novo tema do que será o seu seguinte álbum, Little Bighorn, que sairá o próximo mes de marzo. Indie rock enérxico ao máis puro estilo Nada Surf, Teenage Fanclub ou Silversun Pickups. Canción guitarreira e apegadiza que fala sobre “a experiencia de ter un profesor que evidencia nas súas clases que aquelo de ensinar non é o seu”.

EONDRY

@eondry

O trío de rock progresivo vén de gravar en directo un dos temas do seu único disco, 7Echoes. ‘Onihr Daed II’ foi a canción escollida para esta reinterpretación no Estudio 21G. Unha pasaxe longa e envolvente no que a banda demostra que tres membros son suficientes para crear ambientes complexos e cheos de enerxía.

ZALOMON GRASS

@zalomongrass

De menor duración é este fragmento de ‘Time Will Tell’ do trío de rock cósmico Zalomon Grass. Trátase dun teaser de Three Hunder Years, un proxecto audiovisual experimental que mestura película e concerto, aínda sen data de estrea. Nas próximas semanas irán compartindo o resto de cancións que conforman esta particular proposta.

KYOTTO

@young__kyotto

REVISTA ABRIL

Tras a publicación do seu primeiro álbum o pasado ano, o novo artista local volve co single ‘Lo escribí un mal día de noviembre’, cun videoclip gravado en diferentes localizacións da cidade. Kyotto é un dos nosos artistas con máis alcance e proxección, xa que no 2021 alcanzou a cifra de 13 millóns de reproduccións na plataforma Spotify.

BROKEN PEACH

@brokenpeach

Primeiro single do que será o próximo álbum de Broken Peach, banda famosa polas súas versións e mashups de cancións moi coñecidas. Neste caso sorprenden cun tema de propio de power pop e cun videoclip moi coidado, como vén sendo habitual nas súas producións.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.