The Wild Fest busca repetir o éxito do ano pasado a finais deste verán
Un dos poucos festivais que se celebraron o pasado verán foi The Wild Fest, un evento que contou con concertos, gastronomía, proxeccións e actividades infantís. Este ano celebrarán a súa 3ª edidicón os días 4 e 5 de setembro no Parque Forestal de San Miguel de Oia, que tamén contará cunha proba deportiva.
“Converterse, un ano máis, nun espazo integrador no que pasar unha xornada diferente, apreciando a natureza e respectando o medio ambiente” en palabras de Juan Pablo Pérez, director de The Wild, continúa a ser o obxectivo principal do evento, que se celebrará de novo no fermoso Parque Forestal de San Miguel de Oia os días 4 e 5 de setembro.
Tras un primeiro ano difícil, a segunda edición resultou ser todo un éxito a pesar das dificuldades organizativas causadas pola covid-19. “Non só se cumpriron todas as medidas de seguridade, senón que tanto o público coma os profesionais quedaron encantados co evento” explica Juan de Castro, xestor cultural do evento, quen estima unha afluencia de máis de 1500 persoas entre ambos días.
Para este terceiro ano buscan repetir e mesmo mellorar esas cifras, cunha programación que incluirá concertos “cunha boa dose de rock&roll”, segundo de Castro; cinema de natureza cunha coidada selección dos mellores traballos medioambientais da tempada; deporte coa carreira de obstáculos The Wild Race, evento cheo de adrenalina que animará aos máis aventureiros a superarse a si mesmos; e actividades infantís, faladoiros e postos de artesanía.
Neste 2021 The Wild Fest buscará destacar como o festival multidisciplinar e medioambiental de referencia na comarca de Vigo, polo que seguirá apostando polos valores cos que naceu: achegar a toda a cidadanía actividades lúdicas, deportivas e de concienciación para converterse nun espazo integrador cun nexo de unión común: facer visible a importancia de respectar e coidar o medio ambiente.