VIALIA
bannerPicnicSesions

Caspervek anuncia a súa programación de cine-concertos deste ano

Caspervek, banda viguesa coñecida pola composición de bandas sonoras para filmes mudos, anuncia a súa programación anual de cine-concertos en Vigo. O programa, formado por dez proxeccións está separado en tres ciclos correspondentes a cada unha das estacións. Os ciclos realizaranse entre o espazo urbano de ambientación industrial MUTA (Rúa de Joaquín Loriga, 9) e os xardíns da Fundación Sales (Av. Europa, 52).

Caspervek no GFFF de 2019 | P. Cermeño

A finais do século XIX e a comezos do XX, os propietarios das salas de cine contrataban músicos para tocar por enriba das películas mudas co fin de camuflar o ruido do cinematógrafo e de entreter ao público. Conscientes das posibilidades que ofrecía, os músicos comezaron a improvisar segundo a intensidade e a tipoloxía das escenas: persecucións, misterio, romance, terror… 

Xa no século XXI, Caspervek toma o relevo destes imaxinativos artistas. Fundado en 2013 polo pianista Brais González e o percusionista Blas Castañer, únese á banda o violinista Eduards Vecbastik. Xuntos compoñen bandas sonoras para clásicos do expresionismo alemán, sendo Nosferatu de F.W. Murnau o seu debut. Tras xirar por unha docena de países europeos e estrear cinco partituras máis, en 2016 Raquel Fernández substitúe a Eduards ao violín. Ademais do éxito colleitado en festivais de cine e institucións académicas, Caspervek é moi ben recibido entre a rapazada, achegando o cinema mudo e o patrimonio cinematográfico ás crianzas.

Entre as películas que se poderán desfrutar, clásicos universais como Metrópolis ou O Gabinete do Doutor Caligari, dúas proxeccións cómicas adicadas a Buster Keaton, un especial sobre cinema abstracto e un lugar tamén para películas menos coñecidas como a xaponesa Y sin embargo, nacimos de Yasujiro Ozu ou Nanuk o esquimal.

REVISTA ABRIL

Como ven sendo habitual nas últimas tempadas de Caspervek, o grupo contará con artistas invitados. Apostando coma sempre polo talento galego, como Laura Lorenzo e Tonio Comesaña, solistas de frauta e clarinete da Joven Orquesta Nacional de España ou Julia Caro, cello principal da Academia do Teatro alla Scala de Milán e solistas nacionais e internacionais como a violista mallorquina Clara Mascaró e Roberto Alonso, profesor de violín da Hong Kong Baptist University.

CALENDARIO

20 marzo: Muta – Especial Buster Keaton
24 abril: Muta – El Golem
22 maio: Fundación Sales – Berlín, sinfonía de una ciudad
11 xuño: Fundación Sales – Robin Hood
2 xullo: Fundación Sales – Metrópolis
6 agosto: Fundación Sales – College
10 setembro: Fundación Sales – Y sin embargo hemos nacido