VIALIA
bannerPicnicSesions

Volve á cidade o Vibra Mahou Fest a finais de outubro

O Vibra Mahou Fest, que xa se celebrou en 2019 no mesmo recinto, volve ao hall do Mar de Vigo o 29 de outubro coa presenza de Depedro, Anni B. Sweet & Los Estanques, Arde Bogotá, Shinova, Nunatak, Mon Band e Sienna. O día antes, o dúo de pop electrónico Delaporte actuará en Molotov Club como parte da programación do festival. As entradas saen á venda o 12 de setembro.

Actuación de Escuchando Elefantes no Vibra Mahou Fest de 2019 | P. Vázquez

Se onte anunciabamos o concerto acústico de Alice Wonder da man de Cervezas Alhambra, agora é Mahou quen trae para este outono unha potente programación musical á nosa cidade. O hall do auditorio Mar de Vigo albergará de novo, como xa fixo en 2019, o Vibra Mahou Fest, que este ano contará coas actuacións de Depedro, Anni B. Sweet & Los Estanques, Arde Bogotá, Shinova, Nunatak e Sienna. A nota local corre a cargo de Mon Band, o grupo liderado por Mon Cancela. O evento tamén ofrecerá sesións DJ e zona gastro, para amenizar esta longa xornada musical.

REVISTA ABRIL

Ademais de ver a vellos coñecidos da cidade como Depedro, Arde Bogotá ou Shinova, o festival é unha boa oportunidade de ver en directo a unha das bandas de recente creación máis interesantes do panorama estatal: Anni B Sweet & Los Estanques. Habituais da escena por separado, este ano o supergrupo publicou o álbum Burbuja cómoda y elefante inesperado, que está a recibir unha grande acollida entre a crítica e o público.

O día antes o festival inclúe un concerto individual do dúo Delaporte en Molotov Club, un xeito de achegar a música a recintos máis pequenos. Presentarán Abril, un disco marcado polo house máis noventeiro e producións con guitarra e batería acústica, para volver aos sons máis clubbing que farán que non pares de bailar.

Preme aquí para saber máis sobre todos os artistas do festival.