Juan de Castro: “Un festival nunca ‘estoupará’ ata que o Concello o apoie totalmente”
Juan de Castro, axitador cultural e ata esta semana director do festival Primavera do Cine, anunciou nun comunicado que deixaba a dirección do mesmo e a produtora da que formaba parte, Reencanto Producións. Iso non significa que Juan vaia deixar de organizar eventos culturais, xa que na actualidade atópase embarcado, agora mediante Abella Producións, nuns cantos proxectos, como son The Wild Fest, o Galician Freaky Film Festival, o Festival Internacional de Cinema Infantil de Ames ou varias iniciativas relacionadas co Camiño de Santiago. Quedamos á espera de coñecer máis noticias sobre o futuro do principal festival de cine da cidade.
No comunicado falas de “diferencias insalvables co equipo fundador e falta de medios materiais” como principais motivos para o teu cese, mais imaxino que non é unha cousa só de agora. Porque decides poñer punto final neste momento?
Traballar ou continuar formando parte de Reencanto (a xestora do Festival) era insostible por esas diferencias e falta de confianza para co proxecto, e como o Primavera do Cine non é da miña propiedade, debía retirarme polo ben de todos e do festival.
Máis axudas por parte das institucións terían feito que a túa decisión fose outra?
Pode ser que o escenario e os ánimos fosen diferentes. É certo que estes anos foron unha loita continua para conseguir apoios, de aí tamén ese desgaste. Ben é certo que nesta última edición este respaldo de entidades e empresas foi moi positivo.
Despois destes cinco anos ao mando do Primavera do Cine, que balance fas? Que acertos e que erros destacarías?
Pois os logros máis destacados son o de sermos quen de conseguir, tras oito anos, posicionar o festival no panorama galego e internacional, non así na cidade, na cal coido non acaba de asentarse. Advertimos, ás veces, máis agarimo de Portugal ou Brasil que da nosa cidade. Coido que ese pode ser un dos grandes erros, non conseguir que o público vigués enchera as salas coas películas da sección oficial. Ao mellor que foran só filmes galegos e lusos non é do atractivo do público vigués. Como acertos destaco o obter o respecto do audiovisual galego e dos seus festivais, os cales considero dun alto nivel, nacional e internacional.
Desde Abella Producións, a vosa nova produtora, prometedes traer máis eventos culturais á cidade. Algo que poidas adiantar, ademais do GFFF e The Wild?
Pois continuaremos coa nosa devoción e alianza cos países lusófonos para seguir aproveitando a redes xa tecidas con Brasil e Portugal. Temos armados tamén catro proxectos coa teima do Xacobeo, para levar filmes e máis artes polo Camiño de Santiago. Seguiremos tamén traballando coa música e os nenos da mán de Cine Miúdo. E seguiremos difundindo e amosando o cinema galego, aquí e fóra das nosas fronteiras.
Falando de The Wild Fest, no cómputo global a súa primeira edición quizais non funcionou todo o ben que se esperaba. Estás satisfeito de como foron as proxeccións? Tedes pensado incorporar algunha novidade para este ano?
Si, realmente os comezos son sempre moi difíciles. É posible que fose demasiado ambiciosa xa desde unha primeira edición. As proxeccións coido foron do agrado do público e foi unha selección diversa e con bo nivel. A fórmula do festival seguirá sendo a mesma. O obxectivo para esta edición é mellorar en todas as disciplinas e conseguir atraer ao público cunha oferta máis coidada.
Polo xeral, os eventos e festivais de cinema da cidade non acaban de ter todo o público e toda a acollida necesaria. A que pensas que se debe? Cres que Vigo non é unha cidade cinéfila?
Pois ese é un debate moi interesante. Temos escolas de cine, de arte dramática e moito movemento cultural, pero é certo que para ter Vigo unha grande poboación non acuden a estes eventos en proporción. Vigo é unha cidade diferente neste aspecto, non é unha cidade “gafapasta” se me permites a expresión. Ademais, un festival, de cinema neste caso, nunca “estoupará” ata que o Concello o apoie totalmente, algo que non sucede, e como ben sabemos a aposta e respaldo á cultura polo goberno desta cidade é canto menos, histriónico.
A continuación podes ler o comunicado completo:
O responsable do Primavera do Cine abandona a dirección do festival así como a presidencia de Reencanto Producións, entidade organizadora do certame. Deste xeito, Juan de Castro e o seu equipo máis cercano tomaron a decisión de non continuar no certame e comezar unha nova andaina profesional con novos proxectos cinematográficos e culturais. Ademais, Juan de Castro confesa que “entre os motivos do cese encóntranse tamén diferenzas insalvables co equipo fundador e o desgaste de sacar adiante o festival con máis forza e corazón que medios materiais”. Cabe destacar tamén que nas súas 5 últimas edicións este duplicou os seus espectadores, superando actualmente os 3000 asistentes. O seu orzamento tamén multiplicouse por 10 nestes anos.
Por todo isto, o que foi o director do Primavera do Cine nos últimos cinco anos e o seu equipo amósanse “satisfeitos da progresión e de ter celebrado en Vigo o festival de cine máis importante ata a data” confirma de Castro. Cos seus erros e acertos, mais aprendendo e gozando do traxecto, desexan un gran futuro ao cine en Vigo e prometen traer a cidade e a Galicia máis proxectos culturais de interese para toda a cidadanía, cos valores e principios que adoitan amosar en todas as súas accións. “Temos o convencemento de que todo o traballo feito non é en van e que os profesionais que recollan a nosa herdanza abandeirarán todos os principios do que foi o Primavera do Cine”, comenta Juan de Castro.
NOVOS PROXECTOS DESDE ABELLA PRODUCIÓNS
O equipo de traballo consolídase agora en Abella Producións, o cal acaba de realizar e producir o III Festival Internacional de Cinema Infantil de Ames. Tamén vai participar como xestor da próxima edición do festival multidisciplinar e sustentable The Wild. Ademais, afirma Juan de Castro que “continuaremos desenvolvendo o Galician Freaky Film Festival, un certame que cada ano segue medrando e que celebrará unha nova edición neste 2020”. Doutra banda esta nova entidade tamén ten en carteira tres proxectos cinematográficos relacionados co cinema e o Camiño de Santiago para conmemorar o próximo Xacobeo 2021.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Revista de Nadal: A cultura a exame - 5 Decembro, 2024
- A cultura de Vigo a exame - 3 Decembro, 2024
- O libro que demostra que os anos 80 en Galicia foron moito máis que a Movida Viguesa - 29 Novembro, 2024
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024