‘Terminator’, ‘A Nightmare on Elm Street’ e Pequefreak na primeira fin de semana do GFFF
Esta fin de semana arrinca na Plaza Elíptica a oitava edición do Galician Freaky Film festival, o certame internacional de cine fantástico, terror e humor dirixido ao gran público e no que a diversión é un dos compoñentes fundamentais.
O Galician Freaky Film Festival presentou esta mañá o programa completo da súa oitava edición, que se celebra entre o 20 e o 28 de setembro nos Cines Tamberlick e a Sala Apo’strophe da Plaza Elíptica. O certame internacional de cine freak e fantástico conságrase como o maior festival de cine de Vigo e un dos poucos eventos adicados ao sétimo arte que existen hoxe en día na cidade.
Durante a primeira fin de semana do festival proxéctanse The Terminator, A Nightmare on Elm Street e La Historia Interminable; celébrase a xornada para público miúdo Pequefreak e arrincan os bloques de curtametraxes da Selección Oficial.
As entradas para as proxeccións nos Cines Tamberlick están dispoñibles na web do Galician Freaky Film Festival, tanto por sesións soltas, cun prezo de 6,00 €; como o abono VIF – Very Important Freak -, que dá acceso a todas as proxeccións do festival, por 55,00 €. O acceso ás actividades paralelas na Sala Apo’strophe é gratuíto, agás o obradoiro de efectos especiais do Pequefreak. A sala tamén albergará a barra de bebidas do festival e a exposición Reimaxinando os 80’s: Freddy VS Terminator.
A inuguración: dobre sesión de The Terminator e A Nightmare on Elm Street
O festival arrinca este venres, 20 de setembro, nos Cines Tamberlick, cunha festa de inauguración na que se proxectarán os dous filmes homenaxeados nesta edición: The Terminator e A Nightmare on Elm Street, dúas iconas do cine dos anos 80 que celebran o seu 40º aniversario.
A inauguración será unha dobre sesión, un formato moi habitual nos cines nos anos 80 e 90 e en desuso actualmente, no que se ofrecen dous filmes seguidos por un prezo reducido. Nesta ocasión, a entrada a ambos filmes ten un prezo de 10,00 € e pode adquirirse na web do GFFF.
O Pequefreak
Na xornada do sábado 21 os protagonistas son os pequenos da casa coa irrupción do Pequefreak, o festival para cautivar ao público miúdo coas mellores curtametraxes internacionais especialmente seleccionadas para a infancia.O día comeza cun obradoiro impartido por Ricardo Spencer de efectos especiais, nos que os nenos a partir de 7 anos aprenderán as bases do chroma e a manufacturar feridas moi realistas con ingredientes caseiros.
A partir das 12:30 proxectaranse tres bloques de curtametraxes da Selección Oficial que os nenos valorarán a través dos aplausos, recollidos polo célebre aplausómetro do festival. A curta máis aplaudida alzarase co premio “Olimpo dos Pequefreaks 2024”. Ás 19:00 pequenos e adultos poderán celebrar o 40º aniversario dun dos mellores filmes infantís do cinema europeo: La Historia Interminable, na súa versión en castelán. Unha viaxe a mundos imaxinarios e afastados dirixida por Wolfgang Petersen.
A Selección Oficial
O espiñazo do festival é a súa Selección Oficial formada por 60 curtametraxes internacionais chegadas de 29 países diferentes. Unha escolma que inclúe unha estrea mundial, cinco estreas europeas, 15 filmes inéditos en España e outros 25 que nunca foron proxectados en Galicia. O traballo de todo un ano visualizando e colleitando o mellor cine fantástico, terror e bizarro por todo o mundo, exhibido en Vigo para desfrute dos freaks máis exquisitos.
As curtametraxes están divididas en bloques temáticos, como Ciencia Ficción, Humor Freak, Serie B-estial, Co cu torcido, Arrepío, ou as inclasificables Que carallo e isto?. Todas elas serán sometidas ao veredicto do xurado e do público e optarán a alzarse con algún dos oito premios que reparte o certame.
Horarios
Venres 20 – INAUGURACIÓN CON DOBRE SESIÓN DOS 90 – Máis información
19:00 h – The Terminator (108 min)
22:30 h – A Nightmare on Elm Street (101 min)
Sábado 21 – PEQUEFREAK – Máis información
10:30 – Obradoiro efectos especiais (prazas esgotadas)
12:30 – Bloque curtas: Pequefreaks + 7 anos
16:00 – Bloque curtas: Todos os Pequefreaks Vol. 1
17:30 – Bloque curtas: Todos os Pequefreaks Vol. 2
19:00 – Clausura Pequefreak con entrega de premios e proxección de La historia interminable (94 min)
Sábado 21 -SELECCIÓN OFICIAL GFFF 2024 – Máis información
21:00 – Bloque curtas: Humor Freak Vol 1
23:00 – Bloque curtas: Ciencia Ficción
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024