VIALIA
bannerPicnicSesions

Volve o Pequefreak,  a xornada para público miúdo do GFFF

Volve o Pequefreak ao Galician Freaky Film Festival. Unha xornada dirixida a cultivar o amor polo cinema e o frikismo nos pequenos da casa. O 24 de setembro no Auditorio do Concello. Con curtametraxes, proxección de Tron, obradoiro de efectos especiais caseiros e xogos de realidade virtual. As entradas xa están á venda na web do festival: galicianfreakyfestival.com.

Trala gran acollida da primeira edición o GFFF volverá programar unha xornada para que os pequenos da casa vivan a experiencia de desfrutar dun festival de cinema. O Pequefreak será o 24 de setembro no Auditorio Municipal do Concello de Vigo e, ademais de proxección de curtametraxes e unha longa pragadas de fantasía e orixinalidade, os nenos poderán participar nun obradoiro de efectos especiais cinematográficos e unha experiencia inmersiva de realidade virtual. 

Estas son as cinco actividades da que se poderá gozar, con horarios e prezos. Tamén está dispoñible un abono de 10 € que dá acceso aos dous bloques de curtas e a Tron.

Obradoiro de efectos especiais con Ricardo Spencer – 10 a 12:30h – 10€ aquí.

A xornada arrincará cun obradoiro no que os pequefreaks descubrirán algunhas das técnicas coas que se crean os efectos especiais das películas e levaranas á práctica creando sanguinolentas feridas, dedos amputados ou unha terceira orella. Todo isto con materiais sinxelos, como o papel ou o algodón, cos que poderán seguir experimentando na casa.

O obradoiro estará impartido por Ricardo Spencer, profesor na IES Audiovisual de Vigo e director da empresa SFX efectos especiais. Spencer ten experiencia no audiovisual galego e brasileiro como director e productor e foi codirector do I Festival de Cine Fantástico de Vigo, no ano 2000.

Dous bloques de curtas internacionais – 12:30 a 14h e 17 a18:30h – 3€ por bloque aquí.

As proxeccións serán o eixo central da programación, con dous bloques de curtametraxes internacionais divididos por idades. As curtametraxes están divididas en dous bloques: as das 12:30h da mañá son aptas para pequenos freaks de todas as idades, mentres que as da tarde están pensadas para desfrutar con máis de 7 anos. En total, 13 filmes nunca vistos antes en Galicia, dos que 7 son estreas en España. Os asistentes deberán elixir a súa curta favorita, que recibirá o Gran Premio “Olimpo dos Pequefreaks”. 

Xogos de realidade virtual con Inmersia – 18:30 a 20:30h – Gratis, preciso reservar praza e contar con entrada para as curtas, a peli ou o abono.

Logo do éxito acadado na primeira edición, a realidade virtual volve ao Pequefreak. A partir das 18:30h, e coa axuda de gafas e mandos, os cativos gozarán de diferentes xogos e experiencias inmersivas nas que aprenderán sobre o mundo da robótica e a electrónica de xeito divertido. A actividade realízase en colaboración coa empresa de ocio de realidade virtual Inmersia, pioneira neste tipo de ocio en Galicia.

REVISTA ABRIL

Esta actividade ten prazas moi limitadas para poder garantir que os pequenos desfruten da experiencia co tempo suficiente. Está reservada para nenos a partir de 7 anos que teñan entrada para as curtas ou o filme.

Proxección Tron – 20:45h – 5€ aquí

A xornada finalizará coa proxección de Tron, un clásico da ciencia ficción dirixido por Steven Lisberger en 1982 co que os organizadores esperan ver as mesmas caras de abraio que puxeron os pais dos pequefreaks hai 40 anos. O filme está protagonizao por un noviño Jeff Bridges e supuxo un antes e despois grazas á súa inconfundible estética, creada por Syd Mead (responsable tamén de Blade Runner ou Star Trek), así como polas súas innovadoras e pioneiras escenas creadas por ordenador. A proxección será ás 20:45h.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.