VIALIA
PLAYDOC

Sukha Funk, unha explosión multicolor

Sukha funk é un divertido restaurante de sushi e hamburguesas no que unha explosión multicolor o invade todo: desde as paredes ata os pratos.

Alegre, atípico e inclusivo son os adxectivos que mellor definen a nova proposta gastronómica de Tomás Alonso, creada pola parella formada por Videlva Fariñas e Rubén Torres. Nada é anódino en Sukha Funk. Das súas paredes de rechamantes colores colgan ducias de mostras de arte local, mentres polas súas mesas desfilan pratos de sushi, hamburguesas e entrantes tinguidos de azul, rosa ou verde.

«Queríamos ter un negocio divertido e distinto», explica a hostaleira, que ten formación en historia da arte e é moi consciente de que a comida entra tamén polos ollos. A xulgar pola explosión multicolor que invade o restaurante, conseguiron transmitir esa alegría que buscaban desde o nome. Sukha é a palabra en sánscrito para expresar a felicidade plena, mentres que funk fai referencia ao xubiloso estilo musical afroamericano. A proposta naceu da man de Fariñas que en 2020 quedou sen traballo e decidiu emprender o seu propio negocio de sushi e hamburguesas de colores e veganos. Axiña se fixeron coñecidos nos mercados locais e nas redes tanto polo seu aspecto como polo seu sabor e a cociñeira decidiu dar o paso de abrir un restaurante este verán xunto á súa parella, Rubén, que se encarga das tarefas de xestión e de servir as mesas. Por que sushi e hamburguesas? «Porque é o que máis me gusta e mellor se me dá», resolve segura Videlva, quen xa traballou en varios restaurantes especializados nestes pratos.

REVISTA MAIO

Ademais dunha experiencia estética, Sukha Funk ofrece cociña caseira de calidade e con moitas opcións saudables. Os rolls están feitos no momento; o pan é caseiro e elaborado con fariña dun muíño local; e a materia prima é, na medida do posible, galega. Outra das súas máximas é que calquera poda comer no seu restaurante polo que os pratos veganos, vexetarianos e sen glute son unha parte importante da carta. Da mestura de produto galego e as raíces venezolanas dos seus creadores saen pratos da terra con gusto latino. «Utilizo moito sabores tropicais como o plátano macho, o aguacate, o mango ou o maracuiá», explica Videlva, que non ten reparo en experimentar e transformar a cociña xaponesa ao seu antollo. De feito, a maioría do seu sushi non leva peixe e está recheo de gambas crocantes, polo, froitas, queixo ou tofu, cubertos de arroz de colores. «Non me interesa facer cociña tradicional», sentencia sorrinte.

En canto as hamburguesas, sérvense en bolos artesanais tinguidos e decorados con espirais, flores, corazóns…As tinturas veñen todas de fontes naturais; o rosa da remolacha, o azul da alga espirulina; o verde das espinacas; o negro do carbón activado de coco e o amarelo da cúrcuma. No interior encontramos discos de carne animal ou vexetal combinados con cebola doce, marmelo, pementos de padrón, friames veganos e salsas caseiras. Unha das máis demandadas está sendo a Galifunk, cuxo pan leva chourizo incorporado.

Tomás Alonso, 19 | @sukhafunk

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.