VIALIA
bannerPicnicSesions

La Mujer Invisible de Noemi Chantada, unha curta viguesa contra a prostitución

Hoxe nos Multicines Norte proxectaranse ás 20:00 tres documentais que terán como temática principal a trata e a prostitución, con motivo das VII Xornadas sobre a trata de persoas. A entrada será de balde ata completar aforamento e as obras a visualizar serán Miente, de Isabel de Ocampo e gañadora do Goya en 2009; Blessy, de creación colectiva e La Mujer Invisible, da viguesa Noemi Chantada. Falamos con esta última, directora de cine e fundadora da productora Islandia, sobre esta premiada curta documental que fala sobre a prostitución en primeira persoa e na que se encarga da dirección, da produción, do guión e da fotografía. 

Cartel da curta documental La Mujer Invisible, de Noemi Chantada

Cando e como xurdiu a idea de facer La Mujer Invisible?

Os meus pais viven en Vigo, moi preto dunha das zonas de prostitución de rúa máis coñecidas da cidade. Eu volvía a casa por esa avenida desde que teño memoria, e atopaba a mozas alí que non tiñan nin a miña idade: a diferentes horas, chovera ou fixese frío, e sempre case espidas. Esas cousas revólvenche por dentro, e fanche pensar que é unha imaxe que pouco ten que ver coa idea social da “muller que exerce prostitución porque gaña moitos cartos” ou “porque non quere poñer cafés nin limpar escaleiras”. Aí comezou a xestarse a idea de preguntarlles a elas mesmas, e de buscar darlles voz dalgunha maneira.

Imaxino que non foi doado conseguir a una muller que se prestase a saír diante da cámara a contar a súa historia.

Grazas a Médicos do Mundo Galicia tiven acceso a falar con moitas mulleres en situación de prostitución ao longo dos dous anos de preparación e gravación da curta, e chegado case ao final dese tempo tiña moitas historias que contar pero nin unha sola cara que accedese a ilustralas. Entón coñecín a Luisa, que chegou nova a un piso no que eu pasaba os días de investigación nese momento. Conteille o proxecto e houbo unha conexión instantánea. Ela estaba disposta, porque sentía que non tiña que avergoñarse de nada, e si moito que denunciar.

Para esta curta encargácheste da dirección, produción, guión e dirección de foto. É o teu proxecto máis persoal ata agora?

De feito é o meu primeiro proxecto dirixido. Agora estou en posprodución dun segundo traballo, pero ata o momento de facer La mujer invisible eu sempre firmara a cámara ou dirección de foto.

Entendo que despois de rodar esta curta estás aínda máis concienciada co tema da prostitución e da trata.

Si, claro. Son ideas que sempre tes claras, pero agora, despois de tantas historias tan alonxadas da “Pretty Woman” romántica das películas ou da muller feita a si mesma dos puteiros e donos de clubes, a miña balanza está moi inclinada.

Xa gañaches varios premios con esta curta, por exemplo tres no Cortocircuito 2017 ou no Xociviga 2018. Que recibimento está a ter entre o público?

Está sendo moi ben recibida en todos os festivais e presentacións aos que vai. E xera debate, crea discusión e isto é o máis importante, porque do que non se fala non existe.

Non pensas que este documental sería moi adecuado para ser proxectado en colexios e institutos?

Si, xa o pasaron en algúns, por petición de profesores e orientadores, e agardo que poida verse en máis.

Gustaríache converter La Mujer Invisible en longametraxe?

Quizais máis adiante, por que non?

REVISTA ABRIL

Volviches a ter contacto con Luisa, a protagonista do filme?

Si, claro, por suposto.

Trailer “La mujer invisible” from Islandia on Vimeo.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.