CONCERTOS CASTRELOS
DIA DE GALICIA

Encordass Fiddle Fest, Orgullo, swing e concertos esta fin de semana en Vigo

Temos por diante unha fin de semana dominada polas citas musicais, na que tamén sobresaen as celebracións do Orgullo LGBT, con batukada, bingo e manifestación; e os festivais Encordass Fiddle Fest e Swing on The Sea. Preme no título de cada evento para máis información. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana entra na axenda de A Movida.

SWING ON THE SEA – Xoves a domingo – De balde (con actividades de pago)

Swing On The Sea ou Swing onde sea, é un festival feito con agarimo pola escola Swing On para celebrar a comunidade swing de Vigo. Aínda que as entradas para as clases e excursións están esgotadas, teñen dúas sesións gratuítas e abertas a todo o todo o público. A primeira o xoves ás 20h na Pedra e a segunda o domingo ás 12:30 na Taberna A Mina.

ENCORDASS FIDDLE FEST – Venres a domingo na Illa de San Simón – Desde 35,00 €

A Illa de San Simón acolle esta fin de semana o Encordass Fiddle Fest, festival especializado en música de corda, que fomenta a diversidade e o diálogo entre diferentes tradicións e expresións artísticas. A temática deste ano céntrase na música da rexión de Rajasthan, en India, músicos de Jaisalmer virán á Illa de San Simón con instrumentos como a Ravanattha ou o Duluc. Tamén haberá representación de músicos galegos.

VERBENA DA POMBA – Venres ás 19:00 no Canellón da Pomba – De balde

Hai un ano a Fundación Emaús e veciños da zona de Don Bosco inauguraron o Canellón da Pomba. Un espazo que eles mesmo rehabilitaron e no que agora os veciños e veciñas reúnense para realizar diferentes actividades. Este venres 28 celebran a segunda edición da Verbena da Pomba, unha festa con música, exposición baile e petiscos á que estamos todos convidados co único requisito de que non levemos alcool.

Canellón da Pomba , debaixo da Ronda de Don Bosco | Foto: Pablo Vázquez

CONCERTO TRIBUTO A JOAN MANUEL SERRAT – Venres ás 21:00 no Auditorio de Concello – Desde 15,00 €

En tránsito é unha homenaxe a Joan Manuel Serrat a ritmo de jazz por parte dos músicos locais Alberto Cunha, Andrés Cunha, Alberto Alonso e Baldo Martínez.

PETARDBINGO – Sábado ás 12:00 na Praza do Abanico – De balde

Nova edición do PetardBingo Solidario Pride Edition, que se leva celebrando desde 2016. Unha maneira divertida para celebrar a diversidade do barrio axudando aos demais e gañando múltiples premios, aportados polos negocios do barrio. Nesta ocasión os fondos recadados a través da venda de cartóns irán para Afaga Alzheimer.

FESTIVAL VACALOURA – Sábado ás 19:30 na Sala Kominsky – Desde 12,00 €

Festival solidario a favor do Santuario Vacaloura, que alberga a casi 250 animais de múltiples especies, rescatados de situacións de maltrato, abandono e explotación para asegurarse que estarán seguros ata o final dos seus días. Concertos de Paulo Pascual, The Blow Up’s e Claptown; ademais de pinchos veganos.

DÍA DO ORGULLO LGBT+ – Sábado ás 20:00 desde Urzáiz – De balde

A celebración e reivindicación internacional conta en Vigo con varias actividades. O venres haberá un obradoiro de pancartas ás 18h no C.S A Desviada e batukada ás 20:00 polo Casco Vello. O colofón será a manifestación do sábado 29 de xuño (un día despois do Día Internacional do Orgullo LGBT) que rematará cunha festa na Porta do Sol.

CONCERTO DE TAITANTOS E PICO – Sábado ás 20:00 no Chiringuito da ETEA – De balde

Entramos na tempada de desfrutar do final do día nun chiringuito e o da ETEA ten moitos dos ingredientes que procuramos: praia, árbores, zona infantil e unhas impresionantes vistas á ría e a Rande, ademais de concertos todos os sábados e domingos. Podes consultar aquí a lista completa cos mellores da Ría de Vigo.

CONCERTO DE SAMUEL LEVÍ Y LOS NIÑOS PERDIDOS – Domingo ás 19:30 no Auditorio do Concello – Desde 5,00 €

Samuel Leví comeza na música en 1997, estudando guitarra no Conservatorio Mayeusis de Vigo e facendo os seus primeiros concertos deixando claras as súas influencias como Pedro Guerra, Silvio Rodríguez ou Luís Eduardo Aute.

CONCERTO DE JOZEF VAN WISSEM – Domingo ás 20:30 en La Fábrica de Chocolate – Desde 12,00 €

Jozef van Wissem, considerado un dos mellores laudistas do mundo, visitará a nosa cidade na xira de presentación do seu último traballo “The Night Dwells in the Day”, despois de visitar Barcelona e Madrid.

VIALIA
The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.