VIALIA
bannerPicnicSesions

A unión fai a forza

Se nos últimos tempos se sente polas nosas rúas algún que outro bonjour, algún oui ou un discreto s’il vous plaît, quizais sexa porque xa van dous anos que non botamos os franceses fóra de Vigo. Como moito, fixémolos alpeirar do Teatro Afundación o pasado mes de setembro, nunha Reconquista adaptada ao interior por un motivo máis que coñecido. Polo tanto, estes dous últimos anos foron os únicos nos que esta hoste non saíu a rúa desde 1997, cando un grupo veciñal da zona vella decidiu poñer en valor esta fazaña e o propio centro histórico.

Polo que conta Fiz Axeitos, membro da Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello de Vigo, a zona vella da cidade estaba moi degradada nos anos noventa, con máis de mil edificacións en mal estado ou directamente ruinosas. «Metéusenos na cachola que a xente tiña que falar ben do barrio e así xurdiu a idea. O obxectivo está máis que superado, pois é a festa da contorna e, para moita xente, a festa de Vigo», lembra. Esta efeméride serviu de escusa para xuntar a veciñanza e presumir de cidade histórica. Ao primeiro só se xuntaban unhas ducias de persoas; co paso dos anos, o evento foi medrando en participación, actividades, duración e medios, ata chegar a ser considerado Festa de Interese Turístico Nacional en 2019, recoñecemento que aínda non se puido saborear por mor da pandemia. Ese ano, o último da vella normalidade, participaron no espectáculo máis de medio milleiro persoas e o mercado contou con máis dun cento de postos de comida, artesanía e outros mesteres ocupados por asociacións veciñais.

A festa empeza a preparase en outubro, e nos seguintes meses hai que multiplicar esforzos para non faltar a outras citas importantes que saen ao paso: o Samaín, o Nadal ou o Entroido. Os almacéns da asociación, ateigados de material das distintas celebracións, dan boa mostra deste labor incansable. Nestas últimas edicións, a metade do orzamento saíu das arcas do Concello, cantidade que complementan cos postos do mercado e con patrocinadores privados. Uns cartos que sempre parecen poucos para todo o traballo que hai detrás: decoración das rúas, confección de vestiario e atrezzo, contratación de diferentes profesionais, alugueiro de medios técnicos, organización do mercado…

Hai tres anos que se incorporou a directora teatral María Torres, que por fin puido levar á rúa a visión de como concibe a festa. Malia que o elenco está formado por xente da veciñanza e non por actores profesionais, a directora utiliza «técnicas interpretativas adaptadas, que en momentos puntuais serven para sacar adiante a escena». A vontade é a de plasmar o feito histórico con moita seriedade e facer fincapé nos momentos de máis carga dramática: o apresamento de María de Aurora, o asasinato na taberna e a expulsión dos franceses. Ao acudir a un dos ensaios na sede da asociación, a intensidade que desprenden a directora e o elenco é palpable. Lonxe de ser un texto estático, a peza vai mudando lixeiramente co paso dos anos, pois os historiadores non cesan de acadar novas pescudas dun dos fitos máis relevantes da nosa vila. Un caso salientable é o da presenza das mulleres. Nun primeiro momento, como viña sendo habitual, foron as grandes esquecidas do relato, mais os expertos atoparon algunha documentación na que se demostraba a importancia que tiveron á hora de botar fóra os franceses en 1809. De feito, a representación permítese unha pequena licenza artística á hora de incorporar á amentada Aurora, un personaxe que non existiu na realidade, pero que encarna todas esas mulleres que lle plantaron cara ao exército galo e defenderon cidade con traballo, quer nun posto do mercado, quer no seu fogar. «Grazas á Reconquista volvín facer teatro despois de moitos anos. É un orgullo poder participar na festa de Vigo por excelencia» explica Estrella Iglesias, a encargada de darlle vida a este personaxe desde hai catro anos.

REVISTA ABRIL

Moitos dos voluntarios que se meten na pel dos diversos personaxes vanse sumando de xeito progresivo aos ensaios semanais desde comezos de ano e rotan de papel en cada edición. Algúns ascenderon no grao militar, como é o caso de José Ramón Carballás, que nos últimos 16 anos mudou o uniforme de soldado raso polo de tenente das tropas francas: «A pesar de acabar perdendo sempre, facer de inimigo é o máis divertido, pois os malos son a alma da festa», comenta con humor. Polo que contan, mesmo hai algún tránsfuga que dun ano a outro pasa do bando francés á milicia local e viceversa. Quen non cambiou nunca de encarnación desde que comezou esta celebración a mediados dos noventa foi Victoria de Teis, a persoa máis lonxeva do elenco. Unha muller que desborda paixón tanto na ficción, como verduleira, como na realidade: «Para min a Reconquista é o máximo, non faltei nin unha vez: mesmo o ano en que me operaron da cadeira vin con muletas», conta orgullosa esta muller que se encarga, xunto coa súa compañeira Elena García, de que todas as froitas, verduras e hortalizas que se ven na función sexan caseiras ou procedentes do comercio local; un detalle que di moito a favor.

Máis aló da troula, das tapas, da representación, da música, da feira, da divulgación ou do gorentoso chouripán —que xa conta con himno propio da man do dúo Sniff & Crash—, o que máis loce na Reconquista é o orgullo de barrio. Nunha sociedade cada vez máis globalizada e deshumanizada, onde grandes superficies e plataformas virtuais compiten contra o pequeno comercio e a cultura local, o éxito logrado pola Asociación Veciñal e Cultural non debe pasar desapercibido. Poñendo a base no traballo colaborativo, creouse do nada unha festa que na actualidade é referencia na cidade, en Galicia e no resto do Estado. Axeitos resúmeo á perfección coa seguinte anécdota: «Lémbrome de que a xente que coseu os uniformes actuais do exército francés choraba cando os vía chegar o día da obra. Tamén acontece que te atopas con algún material que fixo no seu día unha persoa que xa faleceu, polo que é inevitable non lembrarte dela. Iso tócache o corazón, o orgullo de que entre catro veciños fixemos todo isto, e que o seguimos a facer». Se nada se torce, poderemos volver dicirlles adeus aos franceses. Au revoir, pandemia.

Pablo Vázquez
Redactor e fotógrafo

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.