VIALIA
bannerPicnicSesions

Claves para seguir a representación da Reconquista

O acto central da Reconquista ten lugar o domingo a partir das 18:00 horas, cando se representa a expulsión dos franceses e a toma da cidade polos propios vigueses. Os actos comezan na Porta do Sol onde outrora se erixía o Concello. Para entender o que alí acontece é preciso ter en conta un par de datos históricos. O 31 de xaneiro de 1809 os franceses asediaban e facíanse co poder da vila de Vigo. Aínda que a convivencia entre franceses e vigueses era tensa transcorreu sen demasiados incidentes. Entre os locais mantívose unha rede de contactos coas autoridades de fóra para organizar a sublevación, o rexedor vigués Vázquez Varela xogou aquí un papel fundamental. De maneira moi astuta soubo ir minando ao inimigo, racionándolle a comida para que chegado o momento da revolta estiveran baixo mínimos de enerxía.

Percorrido que fan os vigueses (liña vermella) e os franceses (liña verde).

1. Os franceses fanse co control da vila de Vigo. Porta do Sol

Vemos como o exército francés entra na vila pola Porta do Sol e se fai co poder. Aínda que o comandante a cargo das tropas francesas Chalot, intentou ter unha boa relación coas autoridades locais e manter a calma, a situación acabou desencadeando en accións violentas dos seus homes contra o pobo. Derivando, o 19 de marzo, nun enfrontamento nunha taberna que resultou no asasinato de tres veciños en mans francesas. Vemos tamén como o pobo se revela en contra do inimigo, a heroína local Aurora lidera as protestas secundada polas verduleiras. Tamén aquí se nos presenta aos heroes locais: o mariñeiro Carolo, Cachamuiña, Almeida, o cura de Matamá, a Milicia de Mos e o Abade de Valadares.

2. Asalto do pobo vigués. Porta de Gamboa

REVISTA ABRIL

A situación é cada vez máis insostible para o exército francés. No interior da muralla había trescentos voluntarios organizados polo alcalde Vázquez Varela e extramuros a poboación estaba organizada para atacar simultaneamente os dous castelos e as portas da Ribera, do Sol (tamén coñecida daquela como Porta dos Porcos) e Gamboa. Foi nesta última onde tivo lugar un dos acontecementos que máis transcendeu e é o que agora se representa. Na noite do 27 de marzo o mariñeiro Carolo intenta derrubar a porta cunha hacha pero morre no intento por un disparo francés. Sucédelle nesta teima o capitán Cachamuíña que consegue botar abaixo a porta pero lle disparan, aínda que sobrevive cae ao chan ferido. Na representación vemos como son finalmente as mulleres as que conseguen entrar na vila. No espazo dunha hora os vigueses recuperan a vila.

3. Rendición francesa. Porto da Laxe

O último punto da representación ten lugar no peirao, situado ao carón do Centro Comercial A Laxe. Aquí os franceses, co comandante Chalot á cabeza, entregan as armas e embarcan entre os berros da poboación que pide velos fóra. Coa marcha dos gavachos dá comezo a festa: Vigo pon fin a 58 días de asedio. Este fito válelle, tempo despois, o recibir o título de Ciudad ‘leal, fiel y valerosa’ outorgado por Fernando VII.