CAMELIAS MASCOTAS

Posta de longo do folk ‘dylaniano’ de Visions of Johanna

A música norteamericana segue a dar grandes sorpresas na nosa cidade. Visions of Johanna, o cuarteto capitaneado por Jorge Lorenzo e Paul Clarke, presenta este sábado no Sinatra Cóctel Bar o seu primeiro álbum homónimo. Unha viaxe á música folk do outro lado do charco sen movernos de Vigo. Consegue aquí a túa entrada anticipada.

REVISTA NOVEMBRO
Jorge Lorenzo, Jose Calvo, Paul Clarke e Mario Riobó en Villa Solita | Cedida

En 1966 Bob Dylan publicaba Blonde on Blonde, o último disco da triloxía coa que cambiaría a música popular para sempre. Un dos temas máis salientables e recoñecidos dese álbum é ‘Visions of Johanna’, unha fermosa canción acústica de máis de sete minutos. Moito lles debeu gustar a Jorge Lorenzo e a Paul Clarke, pois decidiron bautizar así o seu proxecto musical nado en 2020, durante a pandemia da covid: “Primeiro busquei nomes de cancións dos Beatles, porque os dous somos beatlemaniacos, pero absolutamente todos estaban collidos. Ata probei cos personaxes das cancións, pero tamén estaban pillados”, rememora Jorge Lorenzo. Rebuscando na súa biblioteca e discoteca particular, atopou este suxerente título dentro do seu disco favorito do músico de Duluth: “É un nome moi visual, e eu que tamén me dedico ao deseño gráfico quería que ese aspecto fose moi importante na banda”, explica o que foi membro de Winter Project.

Na súa música atopamos ecos destes dous grandes artistas, pero tamén doutros como The Band, Simon & Garfunkel, Credence Clearwater Revival ou, sobre todo, The Jayhawks, unha banda que se caracteriza pola súas melodías country e pop: “Mentres estabamos a compoñer e gravar o disco fun velos a Pontevedra e a verdade si que me influíron bastante”, admite Lorenzo. Os dez temas deste disco son composicións que o propio Jorge tiña gardadas desde hai anos, e Clarke ocupouse da instrumentación e da produción. As súas voces mestúranse á perfección sobre unha capa de guitarras acústicas, recuperando o gusto polas armonías vocais de agrupacións dos anos sesenta como Peter, Paul and Mary ou The Byrds. Aos poucos meses completaron a banda Jose Calvo e Mario Riobó (artisticamente coñecido como Rivergood). Este último cunha simpática historia detrás: “O noso local de ensaio e a casa de Mario están pegados. Ás veces convidámolo aos ensaios, e un día veu escoitar o disco cando xa estaba case rematado. Gustoulle tanto que quixo entrar na banda”, lembra Lorenzo. Pero había un problema: Mario era cantante e guitarrista, e xa había dous perfís como ese no grupo. “Pois toco o baixo”, espetoulles. E así foi. Mercou o instrumento e aprendeu a tocalo só para entrar a formar parte das filas de Visions of Johanna. Está claro que compromiso non lle falta.

Este sábado estrean o disco no Sinatra Coctel Bar por todo o alto: con banda e convidados. Polo escenario pasarán Rubén Suárez (Family Folks) quen participou coa súa mandolina no disco; David Vázquez (Moon Cresta) e Óscar Novoa (Los Marcianos). Un festín de folk rock no centro dunha cidade que conta cunha importante tradición de artistas que beben das raíces norteamericanas: The Soul Jacket, Dixie Town, High Sierras, Sanny, Óscar Avendaño… A banda afronta o futuro con ilusión pero con realismo, conscientes do exceso de oferta que se está a producir no circuíto de salas de concertos. A intención é deixar aparcado un tempo o formato dúo en prol do cuarteto, co que actuarán o verán que vén no Barbeira Season Fest, en Baiona. Tamén irán presentando aos poucos os videoclips dalgúns dos temas deste debut agradable e de aires atemporais, como toda boa música.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.