REVISTA MARZO

Posta a punto das carrozas para o gran desfile de Entroido

Mañá, sábado ten lugar unha das citas máis agardadas do Entroido vigués, celébrase o tradicional desfile de comparsas. A comitiva, na que participan máis de vinte comparsas sae as 18:00 do nó de Isaac Peral e finaliza na Porta do Sol. A Movida tivo acceso aos talleres onde se están pondo a punto tres delas: a de Bembrive, a de Navia e a de Matamá.

As fofuchas de Bembrive

Pódese definir a comparsa de Bembrive como a máis familiar sen medo a errar. A súa orixe está no Colexio Mosteiro, fai 20 anos un grupo de pais crearon unha comparsa para acompañar aos nenos. Co tempo eses nenos fixéronse grandes, pero querían seguir a participar dese evento carnavaleiro que xa se convertera nunha tradición. Foi entón, fai 12 anos, cando a comparsa colleu vida propia máis alá do colexio. Familias enteiras desfilan nesta comparsa de 125 compoñentes, “é a súa razón de ser”, sinala Emma de Sousa, unha das iniciadoras. De Sousa que participa xunto co seu marido, fillas (xa universitarias) e os mozos destas, agrega que intentan involucrar a xente nova, “queremos que teñan peso na toma de decisións. Porque sen eles esta comparsa non tería sentido”.

As fofuchas de Bembrive tomarán as rúas de Vigo e o farán coas súas coreografías e o seus xogos de interacción co público. Este ano comezaron en outubro cos preparativos, “a carroza foi fácil, o que nos levou máis tempo foi idear os caparazóns que levamos na cabeza”, agrega Miguel Cruces. Establecen un gasto máximo por persoa de 15€ “queremos que toda as familias podan participar e que o diñeiro non sexa un problema para ninguén”, conclúen.

Navia non está morta

A de Navia destaca por ser a máis inclusiva, pois nas súas filas desfilan persoas que sufriron parálise cerebral. Un feito que tamén resaltan os seus compoñenentes “aprendemos moitísimo con eles e os pequenos tamén”, manifesta Pili Amoedo e engade que “sen eles non tería o mesmo sentido”. María Pillado, outra das compoñenentes desta comparsa explica que ao principio non quería ir acompañando a algunha das persoas que vai en cadeira de rodas por medo a facerlle dano. Este ano quixo probar e di estar moi contenta. “Dáste conta que non é máis que unha cadeira. Quebras esa barreira que te estaba a afastar desa persoa”.

Banner A Movidiña

Baixo o título ‘Navia non está morta’ a alegría e a cor son as protagonistas desta comparsa na que participan 90 persoas das asociacións de Novo Vigo, APAMP e Emilio Crespo. É o sexto ano que participan e o fan con moita ilusión. Relatan que fai dous anos recibiron o primeiro premio con ‘Viaje a los 80’ e non o podían crer “somos unha comparsa moi humilde, é difícil competir coas grandes. Pero o recibimos con moita ilusión”.

A Maxia de Matamá

Atlántida de Matamá é das veteranas, por iso saben ben o que é pasar por diferentes etapas. Teñen colleitado grandes éxitos como os premios alcanzados con ‘Priscila’ ou ‘Alicia en el país de las maravillas’. Este ano son só 60 compoñentes pero non por iso faltan ilusión e nervios. “Levamos moitos días de traballo, agora só queremos que todo saia ben e que sexan días de festa”, sinala Simón, que xunto a Belén, a súa parella, forman un tándem perfecto: ela é a cabeza pensante e el ten a maña. Levan dez anos na comparsa e senten que chega o momento de pedir relevo, “cremos que é o fin dun ciclo. Aínda que o levamos pasado moi ben e tamén moi canso, por iso se precisa xente nova”.

Mañá farannos soñar a todos cos seus xogos de maxia. A carroza actúa a modo de anfiteatro con telón e está coroada por un sombreiro xigante de mago. Irán escenificando diferentes trucos e espectáculos.
A troula e ganas de festa son o denominador común de todas elas. Non esixen perfección para participar, só ganas de pásalo ben. O desfile de mañá e a representación de moitos meses de traballo entre persoas que de forma totalmente altruísta se xuntan para compartir e rir.

(GMT+01:00) Rúa García Barbón