VIALIA
PLAYDOC

O Marisquiño medra en Samil coa vista posta en 2025

O evento deportivo e de cultura urbana O Marisquiño celébrase a proxima fin de semana, do 10 ao 13 de agosto, en diferentes espazos da cidade. O principal será, como novidade, a zona de Samil, onde xa están a montar toda a infraestrutura. Consulta toda a programación e horarios aquí.

Mapa do festival

Os días 10, 11, 12, e 13 de agosto volve O Marisquiño, o festival máis grande de Vigo e un dos máis importantes do mundo na súa tipoloxía. A programación deportiva e cultural deste ano consolídase en Samil con cinco disciplinas (Skate, BMX, Dirt Jump, Flatland e Break Dance) inzadas de grandes nomes do deporte de acción. Un emprazamento que “ofrece grandes posibilidades de crecemento para o festival cara os próximos anos”, afirman os organizadores. En concreto o obxectivo principal é chegar nas mellores condicións ao 2025, cando o evento fará 25 anos de vida.

Ademais de Samil, a Porta do Sol albergará as Batallas de Gallos (duelos de rap) e As Avenidas, o lugar habitual de celebracións das últimas edicións, o Basket 3×3. O Descenso Urbano repite o trazado da pasada edición, que comeza no alto do Castro e remata no Berbés. Co cambio das principais disciplinas á zona de praia buscan un espazo máis accesible, amplo, sombreado e que dea a opción de intercalar a praia e o festival. As vistas da ría e das illas Cíes son outro dos puntos fortes deste novo emprazamento, que axudará a difundir unha boa imaxe de Vigo como “cidade moderna e con capacidade para ofrecer unha importante oferta de ocio a turistas e visitantes”, din.

Basket 3×3 | P. Vázquez

No aspecto negativo destaca o desprazamento desde o centro: en datas estivais o aparcamento escasea na zona de praia, a distancia é notablemente grande como para ir a pé (especialmente con altas temperaturas) e a empresa Vitrasa atópase nestes momentos en folga. Con todo, a organización liderada por Piti Domínguez e Joako Ezpeleta aseguran uns servicios mínimos de bus, especialmente á hora á que rematen os concertos, sobre as 2:00 da mañá. Para os vehículos privados recomendarán esta semana unha serie de lugares onde deixalos, sendo un destes o aparcamento do campo de fútbol de Comesaña (A Xunqueira), situado a uns 15 minutos a pé do areal.

Joako Ezpeleta e Piti Domínguez coas montaxe das pistas de fondo | P. Vázquez

Ao remate do evento, aseguran, farán balance de pros e contras desta nova ubicación, que en realidade non é tan nova, pois o ano pasado xa celebraron aí as probas de skate e hai 20 anos, cando o festival era máis pequeno, celebrábano en Samil na súa totalidade.

Outras das novidades teñen que ver cos patrocinadores do evento. Mahou Cinco Estrellas substitúe á norteamericana Budweiser como cervexa principal do evento e, aínda máis sorprendente, Red Bull cae da lista e entra no seu lugar Wat?, unha marca de auga embotellada. Canna, Nissan, Gadis, Clínica Baviera e Go Pro (esta vez a nivel internacional e non só estatal) completan a ristra de marcas patrocinadoras.

Descenso urbano | P. Vázquez

Apartado musical

REVISTA MAIO

Soará en Samil a música de Sticky M.A. (trap español), Pongo (a raíña angolana do kuduro), Albany (sad trap de España), Munic HB (barcelonés de orixe gambiano, nova promesa do trap en España), Oddliquor (madrileño con sons que van desde o R&B á electrónica, pasando por dancehall e o trap), Beauty Pikete (novo talento da canteira local, que xa conta con colaboracións con artistas como C.Tangana). Completan a oferta musical sesións de DJ e showcases de colectivos: Sote e SayaAnita B Queen, as viguesas Antípoda e J.CurtoClara!, Antídoto, Neo2000KLUB, Polenta, POL4KA e VerusK. O concerto de Bad Gyal en Castrelos funcionará de pistoletazo de saída.

A artista angolana Pongo

Apoio económico

Para esta edición a totalidade da financiación pública vén do Concello de Vigo, da Deputación de Pontevedra e da Autoridade Portuaria de Vigo. Preguntados pola ausencia da Xunta de Galicia, Joako Ezpeleta expuxo que eles sempre piden reunirse con todos os estamentos políticos e que, en outubro do ano pasado, o goberno galego non respondeu á petición do festival, e “nós non podemos estar agardando seis meses por ninguén, nin por organismos políticos nin por marcas privadas”, atallou.