VIALIA
bannerPicnicSesions

Porco Celta Tres Fuciños: amarás o cocho sobre todas as cousas

Malia o tempo primaveral, estamos na época de regalarnos a mirada e o padal coa fermosa estampa que nos brinda unha pota fumegante ao lume rodeada de bandexas de legumes, carne e verdura. Podedes cheiralo? Se vos animades a preparar un cocido, prato típico da semana de Entroido, e queredes facelo cunha carne de altísima calidade, propoñémosvos coñecer Tres Fuciños, a única cooperativa do Porco Celta de Galicia.

Que é o cocido galego senón unha oda ao porco? Aínda que o prato conteña a miúdo carne de galiña ou xarrete de tenreira, un cocido non é tal sen carne de cocho. Na cría destes animais teñen boa experiencia na Cooperativa Tres Fuciños. Isabel Costas é agricultora, criadora e presidenta desta cooperativa galega de cría de porco celta, a única dedicada a esta especie. Ela confírmanos o que xa sospeitabamos: que a calidade da carne é directamente proporcional á calidade de vida dos animais dos que procede. Isabel empezou a vida no rural cunha horta ecolóxica no ano 2011 e no 2016 empezou a criar porco celta para dar saída aos restos derivados da súa horta.

Elixiu este animal porque quería levar a cabo un plan de gandería extensiva, onde os porcos campasen polas 15 hectáreas de terreo de que dispón na Ribeira Sacra e se alimentasen dos recursos dos soutos e carballeiras. Axiña a demanda foi maior do que podía producir, e así naceu a fórmula da cooperativa, da que hoxe en día forman parte criadores de varias zonas de Galicia, o que lles permite ter un sistema de distribución baseado na premisa da proximidade.

A calidade do porco celta é xusto o que procuramos para o noso festín porcívoro. «Son animais atléticos, de carne vermella e saborosa, porque están ben alimentados e camiñan moito. Viven mellor que moitos de nós», explica a empresaria, que nos fala da estreita relación que teñen traballadoras e animais. O estilo de vida activo destes porcos ten ademais efectos beneficiosos na calidade da graxa, que é insaturada en gran medida e, xa que logo, máis saudable. Amantes do touciño, velaquí o salvoconduto!

Outros dos produtos de porco celta que podemos atopar baixo a marca Tres Fuciños son cacheira, chourizo, entreteto, lacón, e lomedro. Con todas xuntas ou escollendo as que máis nos gusten, temos o éxito asegurado nos cocidos desta tempada. Debemos ter en conta que, excepto o chourizo, estamos a falar de produtos salgados, polo que é imprescindible poñelos en remollo na neveira con 48 horas de antelación e renovarlles a auga cada 12 horas. Se queres saber máis sobre como preparar o cocido, visita este artigo.

Desta cooperativa tamén saen embutidos e xamóns curados. Estes último comezaron a curalos en 2018 e puxéronos no mercado en 2021. Podemos adquirilos en diferentes formatos, ben a pata enteira, en taco de 100 g ou en paquete de talladas cortadas a coitelo.

REVISTA ABRIL

Para comprar os produtos de Tres Fuciños en Vigo temos varias opcións. Por unha parte, a maioría das carnes están dispoñibles nos supermercado Alcampo da cidade (Coia, Avenida de madrid e Vialia), por outra, na tenda de alimentación gourmet e degustación A Garatuxa, situada na praza da Colexiata, venden chourizo cular, salchichón, paté e o mencionado xamón, que tamén poderemos probar cortado no momento.

Tres Fuciños está traballando en mellorar e ampliar a tenda online da súa web, que neste intre aínda non se atopa activa. A alternativa polo momento é poñerse en contacto a traves do teléfono 619 76 67 13 ou deste formulario na súa web.

Web: tresfucinos.gal
Facebook: @tresfucinos
Instagram: @3fucinos

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.