Nuria Vil recupera a historia de la Maradona nun videopoema
A poeta Nuria Vil busca financiamento a través dun crowdfunding para realizar unha curtametraxe que mestura a historia da delincuente xuvenil la Maradona, coa loita obreira viguesa e poesía galega contemporánea.
Delincuente é o título da peza que a poeta e filóloga Nuria Vil quere comezar a grabar este mes de xullo. Todo comezou buscando inspiración para un recital sobre Xela Arias o ano pasado, cando topou coa historia de la Maradona, a líder dunha banda xuvenil de ladróns que operaban na zona da Ferrería, no Casco Vello Alto nos anos 80.
De Eduarda, nome real da ladrona, encandilouna a súa xuventude (só 15 anos cando conseguiu roubar 400.000 pesetas) e a súa vinculación co contexto do momento, cando as drogas e as revoltas sociais estaban á orde do día.
Para narrar a historia o equipo de Delincuente inspírase no cine quinqui dos anos 70 e 80, no que abundaban os personaxes do hampa coa transición do franquismo á democracia como pano de fondo. Como explica na páxina do crowdfunding “La Maradona serve de ponte xeracional, non só cara ao pasado, senón tamén cara ao futuro… esperta os recordos, as vivencias e o imaxinario de moitas persoas das que a min me fixeran crer que estaba desconectade”.
Delincuente será unha obra visual de 10 minutos que xa conta coa bolsa Ensaia, concedida por unha comunidade de apoio económico ao talento galego. Para poder remunerar o traballo de todas as persoas que participan (unha ducia de profesionais só na equipa técnica) acaba de abrir unha campaña de crowdfunding na plataforma Verkami na que ofrece como recompensas, entre outras cousas, carteiras, camisetas e parches deseñadas e serigrafiadas para a ocasión coa palabra “delincuente”. A aportación máis baixa é de 20 € e as máis altas de 700 e 1.500 €.
Na rodaxe, que está prevista para os días 10 e 11 de xullo en Vigo, participarán persoas usuarias de APAMP, así como as artistas e divulgadoras Alex Morgade, Andrea Nunes, Angelly Ferreiro, Cinthia Ermitas, Eric Dopazo, Lu Cohen, Lucía Aldao, María Lado, Nee Barros, Nelu Vermouth, Saya Mohamed, Vanessa Glemsel e Violeta Mosquera.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024