Galaxia

O Centro de Recursos Feministas recupera as actividades presenciais

Despois de varios meses mantendo unha programación virtual, o Centro de Documentación e Recursos Feministas volve a presencialidade cos seus xa habituais faladoiros, laboratorios de lectura e escritura, presentacións de libros, etc.

Muller na manifestación do 8 de marzo, en 2022 | P. Vázquez

A Concellería de Igualdade do Concello de Vigo vén de anunciar o programa de actividades que, durante o período de abril a xullo de 2022 se organizarán no Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo, situado no2º andar da Biblioteca Pública Juan Compañel do Casco Vello. A principal novidade desta programación trimestral é que volve a ser presencial, tras varios meses de actividades realizadas a través da plataforma Google Meet.

Banner A Movidiña

Os faladoiros versarán sobre diferentes temáticas: violencia machista, a presenza feminina no movemento galeguista, as redes de axuda de mulleres durante a Guerra Civil ou sobre Cristina Peri Rossi, gañadora do Premio Cervantes 2021. Entre as relatoras atopamos autoras e divulgadoras como Eva Mejuto, Nuria Prieto, Aurora Marco ou María Jesús Fariña. No tocante aos libros, Sabela Losada presentará Maternidad, cuidados y COVID, que relata a influencia da pandemia nas mulleres nais traballadortes; e Raquel C. Pico fará o propio con Noticias da modernidade, que versa sobre a representación da muller galega na prensa galega dos anos 20.

Continuando cos libros, o clube de lectura xirará ao redor das obras Tierra desacostumbrada de Jhumpa Lahiri, Infamia de Ledicia Costas e Tierra de mujeres de María Sánchez. O laboratorio de lectura e escritura sobre a Escritura de relatos a través da lectura e comentarios de textos literarios estará repartido en nove sesións do do 5 de maio ao 30 de xuño. Por último, tamén realizarán charlas temáticas e encontros con escritorias de maneira online dirixidos ao alumnado de secundaria e bacharelato. O Club de lectura e o Laboratorio precisan de inscrición previa. O resto de actividades son de acceso libre.

O Centro de Documentación e Recursos Feministas dependente da Concellería de Igualdade, é un servizo de xestión de información, documentación e materiais de traballo sobre muller, xénero e igualdade dirixido ao público en xeral ou a persoal especializado e interesado nas citadas temáticas.

X