CAMELIAS MASCOTAS

‘Pacificado’ e ‘Manoliño Nguema’, favoritas do público do Primavera do Cine 2020

Logo de 5 días de proxeccións e diferentes actividades paralelas como debates, encontros ou o Proxecto Remolque, o Festival finalizou a súa edición máis desafiante cunha gala presentada pola actriz Débora Vukusic e o actor Adrián Ríos na que desvelaron os gañadores da súa novena edición.

Nesta edición, marcada polas medidas hixiénico-sanitarias, o director do certame, Alfonso Castaño, salientou a boa resposta do público, que, “ávido de oferta cultural, encheu as salas cumprindo escrupulosamente, con amabilidade e respecto, os protocolos de seguridade“. Castaño agradeceu especialmente a este público “o amor que nos amosa cada día e os azos que nos dan para continuar cada ano con esta Primavera, aínda que sexa en outono“.

Durante a gala, que tivo lugar o domingo 20 no auditorio do Concello, outorgáronse oito premios que deron como resultado o seguinte palmarés: O Premio  do Público á mellor curta lusófona foi para Carne (2019), de Camila Kater, un retrato en animación de cinco mulleres e a súa relación co corpo, desde a infancia á terceira idade. Na produción de Carne participa a coruñesa Abano Films, produtora dirixida por Chelo Loureiro, quen agradeceu o premio a través dun vídeo.En canto á mellor curta galega o favor do público gañouno16 de decembro (2019), de Álvaro Gago, unha crúa historia de violencia machista que atrapa ao espectador de principio a fin. É o terceiro ano que o realizador de Vigo recibe este premio no festival.

O Premio do Público á mellor longa da Lusofonía: Pacificado (2019), de Paxton Winters, un retrato íntimo e alentador dunha familia que intenta achar a paz nese sempre cambiante campo de batalla urbano ao que chaman fogar, ubicado nas favelas de Río de Xaneiro. O Premio do Público á mellor longa galega recaeu no documental Manoliño Nguema (2019), de Antonio Grunfeld, un poderoso e valioso alegato sobre a cultura como ferramenta de reparación e desenvolvemento, da man dun artista de sangue ecuatoguineana e alma galega.

En canto o Premio do Público ao mellor videoclip, o gañador foi La vuelta al mundo, do cantante Bebo San Juan e dirixido por David Fidalgo Omil, unha peza de animación que mantén o persoalísimo estilo do seu multipremiado autor, quen tamén competía no certame coa curtametraxe Homomaquia.

REVISTA NOVEMBRO

En canto ao xurado, composto por Sara Donoso, Iria Vázquez e Fon Cortizo, resolveu outorgar o Premio á mellor longa lusófona a A febre (2019), de brasileira Maya Da-Rin, por consideraloun filme que xoga e racha cos dualismos: a cidade e o bosque; o día e a noite, o supostamente civilizado e o salvaxe … e que retrata dun xeito magnífico en toda a súa complexidade a construción identitaria dun Brasil que aínda segue caracterizado por unha intensa relación de poder sobre os pobos indíxenas”.

O Premio á mellor longa galega recaeu en  Eroski Paraíso (2019), de Jorge Coira e Xesús Ron. Segundo os membros do xurado, ” Eroski Paraíso recolle problemáticas do contexto galego e consegue traspasar as fronteiras xeográficas perfilando unha memoria colectiva directamente vencellada á transformación socio-económica que foi soportando España nas últimas décadas“.

Por último, o único premio con dotación económica do certame: o Premio CREA á mellor dirección galega, outorgado pola Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización, foi para Manoliño Nguema (2019), de Antonio Grunfeld.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.