REVISTA ABRIL

‘Tódalas mulleres que coñezo’ e ‘Elis’ vencedoras do público no Primavera de Cine

O filme galego ‘Tódalas mulleres que coñezo’, de Xiana Teixeiro, recibe o premio do público á mellor longametraxe galega e ‘Elis’, de Hugo Prata, á mellor longa lusa. Pola súa banda o xurado concedeu os premios a ’30 lumes’, de Diana Toucedo e ‘A fábrica de nada’ de Pedro Pinho.

Despois de cinco días nos que Vigo se inundou de cinema galego e lusófono, o Primavera do Cine celebrou onte a gala de clausura na que se fixo entrega dos galardóns. Un acto presentado en clave de humor por Chola, a it girl, e no que non faltou a música a cargo João Paulo que mesturou nas súas pezas ritmos brasileiros e baianos.

Os primeiros galardóns en darse a coñecer foron o premio á mellor curta lusa, outorgado a Lucas H. Rossi por ‘O vestido de Myriam’, un filme que se centra na vida dunha parella de anciáns e o premio á mellor curta galega onde houbo un máis que merecido empate entre ‘La mujer invisible’, unha curta documental que retrata a prostitución en Vigo, de Noemí Chantada e ‘Matria’, de Álvaro Gago e que narra as dificultades que ten que pasar Ramona no seu día a día e as relacións coa súa filla e a súa neta.

O grupo musical Basanta, cun videoclip titulado ‘Inferis’ e feito por Xaime Miranda, foron os galardoados co premio do público ó mellor videoclip.No ecuador da gala a protagonista foi ‘Áuga Mole’, un filme que reflicte o problema da desertificación no interior de Portugal, de Laura Gonçalves e Alexandra Ramires e que se alzarán co premio á mellor curta de animación.

REVISTA ABRIL

Xa a piques de rematar a noite, o xurado profesional composto polo profesor de literaturas lusófonas da Universidade de Vigo Burghard Baltrusch, a produtora executiva e directora de produción Analía G. Alonso, o crítico cinematográfico Celso López Pazos e a cineasta Sara Traba outorgaron os premios á mellor longa lusa e á mellor longa galega.  Así, os vencedores foron Pedro Pinho coa sua obra ‘A fábrica de nada’, onde se narra a rebelión levada a cabo polos obreiros portugueses nunha fábrica a piques de desmantelarse e Diana Toucedo con ‘30 lumes’ onde se da a coñecer a Galicia máis máxica e misteriosa que se atopa no Courel.

Para rematar a gala deuse a coñecer os tan ansiados premios do público ás mellores longametraxes, uns resultados que non coincidiron cos do xurado. O galardón a mellor longa lusa que foi para Hugo Prata e o seu filme ‘Elis’ que retrata a Elis Regina, unha das cantantes máis queridas de Brasil, mentres que Xiana do Teixeiro foi a gañadora do premio á mellor longa galega grazas a ‘Tódalas mulleres que coñezo’, un documental que reflexiona sobre o desequilibrio que existe entre homes e mulleres.

O acto rematou coa súbida ao escenario de Juan de Castro, director do festival, que quiso recordar os valores cos que naceu o festival, buscando sempre mostrar o cine que se fai tanto en Galicia como nos países lusófonos e que se seguirá apostando por el e polo cine reivindicativo e comprometido. Desta edición, o director destacou “a calidade dos filmes de este ano consagran e consolidan o primavera do cine como o festival de referencia de cinema galego e lusófono” e rematou o discurso dedicando a edición deste ano “ó equipo de voluntarios e colaboradores xa que sen eles este certame sería imposible”.