VIALIA
CAMELIAS NADAL

As cancións favoritas de Francisco Fernández del Riego soarán no concerto das Letras Galegas

O 16 de maio, a Xunta de Galicia celebra o tradicional concerto das Letras Galegas, que este ano corre a cargo da Real Filharmonía de Galicia e o Coro Rías Baixas, que interpretarán algunhas das músicas favoritas do homenaxeado Francisco Fernández del Riego.

CAMELIAS NADAL

Esta mañá tivo lugar a presentación da décimo terceira edición do Concerto das Letras Galegas, que xira musicalmente arredor de Francisco Fernández del Riego e que corre a cargo da Real Filharmonía de Galicia e o Coro Rías Baixas. No programa destaca a estrea de Sinfonietta, peza en tres movementos elaborada expresamente para a ocasión por Brais González.

O concerto celebrarase no serán do 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas, no Teatro Afundación Vigo. Xirará arredor de dúas ideas: a importancia que Fernández del Riego lle deu á música, especialmente a popular; e contar cun programa que está pensado coma unha síntese dos seus gustos musicais. O homenaxeado desta ocasión foi un home aberto, que coñecía o que se estaba a facer musicalmente no país e tiña unha especial predilección pola música tradicional. De neno, a súa avoa, que tocaba a guitarra, cantáballe cantigas populares que formaron unha parte destacada da súa personalidade.

O concerto comezará coa “Suite Vigo” do compositor Reveriano Soutullo. Deseguido, “Concerto grosso”, escrita en homenaxe a Bach por Jesús Bal y Gay , nunha clara conexión entre o papel de del Riego co que se estaba a escoitar no seu contexto. A terceira peza é a estrea da “Sinfonietta” composta para a ocasión polo vigués Brais González a partir de textos de Salvador García Bodaño e Xaime Isla Couto de dicados a Francisco Fernández del Riego, e mais A miña burriña, unha melodía popiular que “don Paco” declarou en varias ocasións ser a súa favorita.