CAMELIAS MASCOTAS

Os tesouros da ría de Vigo a golpe clic con 13 grados

13 grados é o proxecto de dúas viguesas para dar a coñecer os fondos mariños da ría de Vigo. O proxecto engloba unha web na que amosan a fauna e flora mariña, actividades medioambientais e tamén un libro, ‘Alén do azul. O mundo submarino da ría de Vigo’, que estarán presentando na Biblioteca Juan Compañel o sábado 14.

Se tivésemos que describir Vigo nunhas poucas palabras seguro que mar sería unha delas. O vínculo da nosa cidade co mar é indubidable… Mais, que sabemos realmente do que se agocha nas súas profundidades? Tras o seu primeiro mergullo Sara Carrasco e Silvia Iglesias quedaron tan sorprendidas con todo o que viron que desde aquel momento non deixaron de indagar “Cando nos mergullamos por vez primeira gustounos moitísimo, pero era moi complicado atopar información da biodiversidade que temos aquí e iso tamén foi o que nos impulsou. Ao comezo era unha labor moi complicada, porque non tiñamos nin idea do que era un sargo, por exemplo. Gravabamos cousas e logo tiñamos que buscar e non atopabamos guías focalizadas na fauna e flora de aquí”, explican as dúas viguesas.

REVISTA NOVEMBRO

Ámbalas dúas proveñen de campos que nada teñen que ver coa ciencia mariña, Silvia estudou psicoloxía e Sara fisioterapia, pero pouco a pouco foron formándose en bioloxía mariña, ecoloxía, educación ambiental… en total tres anos ata que en xuño deste ano se constituíron como cooperativa sen ánimo de lucro e deixaron as súas antigas profesións para facer de 13 grados a súa forma de vida. Un proxecto moi ambicioso a través do que queren achegar a todo o mundo o mar. “Queremos que a xente poida ver o que nos descubriramos. Tamén coa intención de que para coidar as cousas hai que coñecelas e fomentar hábitos de vida máis sustentables.”

O proxecto tamén engloba un libro ‘Alén do azul. O mundo submarino da ría de Vigo’, que mañá, sábado 14 de novembro, estarán presentando na Biblioteca Juan Compañel. As autoras explican que “É o libro que nos encantaría ter atopado no momento que comezamos e estabamos totalmente perdidas. Para ler o libro non é necesario saber bioloxía, nin querer mergullarse ,só se precisa ter un mínimo de interese por descubrir o que hai ao outro lado da superficie. Queriamos facer algo moi visual e ameno, sendo sempre rigorosas cos datos científicos.”

Na súa web atopamos cantidade de fotografías e vídeos filmados por elas mesmas, un buscador que nos axuda a identificar as especies do fondo mariño e moitísima máis información á que foron dando forma durante este anos. Entre risos explican que aquí a maioría da xente coñece os animais típicos da ría polo aspecto gastronómico pero poucas persoas saben dicir como viven, como se reproducen… Agora, os que ademais de degustar os froitos do noso mar queiran coñecelos de cerca sen necesidade tan sequera de mollarse, o teñen a un simple clic con 13 grados.

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.