REVISTA ABRIL

Os tesouros escondidos da ría

No libro de Jules Verne Vinte mil leguas baixo dos mares, o Capitán Nemo, ao percorrer a ría de Vigo a bordo do submarino Nautilus, exhibe un fondo mariño cheo de lingotes de ouro e pregúntalle ao señor Aronnax se algunha vez imaxinara que o mar podería gardar tantas riquezas. A teoría de que a fortuna perdida durante a batalla de Rande (1702) aínda se atopa na nosa baía parece pertencer unicamente á literatura e ao imaxinario popular, pero é innegable que as rías galegas albergan numerosos tesouros de carácter medioambiental, biolóxico e histórico. Saber o que esconden as nosas augas tamén preocupou ao equipo investigador Galiverso Somerxido, que iniciou un ambicioso proxecto para o descubrir. Despois dun traballo de seis meses que involucrou submarinistas, artistas dixitais, e profesionais da bioloxía, da comunicación, da historia da arte ou patrimonio, pódense ver os resultados nunha exposición que se atopa no Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, organizada pola Xunta de Galicia.

REVISTA ABRIL

No interior dun batiscafo, levando unhas lentes de realidade virtual, embarcámonos nunha viaxe de 25 minutos que nos permite descubrir os tesouros do fondo mariño. Unha narración en galego, castelán e inglés vainos mostrando a fauna, a flora e os lugares que imos encontrando ao longo do percorrido. Entre as especies mariñas recollidas hai algas, mexillóns, polbos, raias, sardiñas ou mesmo baleas. Con elas, damos con restos arqueolóxicos tridimensionais que se poden manipular coas mans. Cómpre destacar un canón da batalla de Rande, unha ánfora romana, un astrolabio ou restos do pecio do Achondo, un pesqueiro vasco afundido en 1986 entre as Illas Cíes e as Illas Estelas. Trátase dunha experiencia de realidade virtual única en España, que mestura vídeos obtidos polo equipo con recreacións feitas a partir de fotografías de diferentes zonas da costa galega.

As imaxes dos fondos mariños foron gravadas na contorna das Illas Cíes polas mergulladoras Sara Carrasco e Silvia Iglesias, compoñentes de 13 Grados, sociedade cooperativa galega situada en Vigo. Foron necesarias 18 inmersións de ata 38 metros de profundidade que se levaron a cabo en 12 xornadas diferentes. Estas submarinistas contan que entre os principais retos aos que se enfrontaron estiveron as limitacións da luz e da turbidez da auga. Por outra banda, a encargada do deseño e da animación foi a empresa compostelá Maxina, que recibiu asesoramento en bioloxía e ecoloxía mariña para conseguir un efecto realista nas apariencia e no comportamento das especies recreadas. Tamén se contou co apoio do Museo do Mar e do Museo Massó para a dixitalización da ánfora, do astrolabio e do canón para reconvertelos en obxectos tridimensionais. En total, foron necesarias máis de 340 horas de renderización para chegar a compoñer a experiencia de realidade virtual que chegou ata nós.

A exposición pódese visitar gratuitamente de martes a venres, previa reserva, entre as 16:00 e as 20:00 horas. Os sábados, domingos e festivos tamén se pode ir en horario de mañá, das 11:00 ás 14:30 horas. O «Galiverso somerxido» é a continuación dunha experiencia de realidade virtual que a Xunta de Galicia iniciou co proxecto «O Galiverso empeza aquí» (outubro de 2022) sobre escenarios do Camiño de Santiago. Con esta nova iniciativa, preténdese que nos acheguemos de forma divertida interactiva aos nosos fondos mariños, para mostrar que a abundancia que abranguen é unha riqueza que nos debería alegrar tanto coma un mar cheo de lingotes de ouro.