REVISTA ABRIL

Novo golpe para as salas locais: moitas vense obrigadas a pechar

Tras a nova normativa decretada pola Xunta de Galicia o pasado 15 de agosto no Diario Oficial, as salas de concertos da cidade volven verse nunha situación incómoda e precaria, véndose obrigadas a pospoñer ou cancelar a súa programación, ou mesmo a pechar. Unha decisión controvertida que os locais vén como unha persecución a un sector que está a facer todo o posible por saír desta crise.

Tras a aparición de novos gromos en Vigo e en Galicia, a Xunta decidiu aumentar a dureza da normativa, especialmente dirixida cara o ocio nocturno. A pesar de que ata agora todos os concertos estanse a realizar coas máximas medidas de seguridade e de que en Galicia non hai constancia de contaxios neles, o Ministerio de Sanidade indica que “os locais de lecer con horario maioritariamente nocturno (bares de copas, discotecas e salas de baile), constitúen actualmente a orixe dos abrochos epidémicos con maior número de casos asociados. A pesar das medidas adoptadas polas autoridades sanitarias autonómicas para restrinxir ou limitar a actividade destes locais de lecer, seguíronse rexistrando gromos asociados a este sector de actividade. Neste sentido, a propia natureza da actividade que se desenvolve no interior destes locais dificulta enormemente a implementación práctica doutras medidas como o distanciamento interpersoal”.

REVISTA ABRIL

Polo tanto, todo local de hostelería deberá pechar máximo á unha da mañá, e non poderá deixar entrar a ninguén a partir de medianoite. Ademais, todo establecemento de lecer nocturno quedará pechado. Por lecer nocturno enténdese, segundo o DOG, “as discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas, así como as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores. A medida será de aplicación tanto respecto do interior dos locais como das terrazas destes establecementos”.

Como resulta lóxico, a gran maioría do sector cultural mostrouse moi en contra desta resolución, xa que se lles está a prohibir realizar a súa actividade mentres outros sectores non son tratados con tanta severidade. Sen ir máis lonxe, as cifras de ocupación hoteleria da cidade celébranse como éxitos mentres as salas non deixan de pechar e os festivais de suspenderse. Non esquezamos tamén que a Xunta vén de aprazar todos os concertos programados nos Directos Xacobeo’21, unha iniciativa anunciada hai dúas semanas que pretendía revitalizar o sector musical galego e da que as salas viguesas saían moi beneficiadas.

A falta de coñecer máis información, esta é a situación das salas locais:

  • Sala Rebullón: continúa programando concertos, tanto na terraza como no interior do auditorio, coas máximas medidas de seguridade.
  • La Casa de Arriba: a súa programación musical trasládase a Deilán Praia (Vilaboa), mais continúa aberta.
  • Kominsky: cancela a súa programación musical, mais continúa aberta.
  • La Pecera: cancela a súa programación musical, mais continúa aberta.
  • El Contrabajo: pechado ata novo aviso.
  • Radar Estudios: pechado ata novo aviso.
  • La Iguana: pechada ata novo aviso.
  • La Fábrica de Chocolate: pechada ata novo aviso.
  • The Village: pechado ata novo aviso.
  • Mondo: pechado ata novo aviso.
  • Sala Master Club: pechada ata novo aviso.
  • Sala Rouge: pechada ata novo aviso.
  • Sala Doppler: pechada ata novo aviso.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.