Os nosos redutos teatrais
Pasos apurados me levan. O sol radiante non chega á setentrional Beiramar. Entre o enxordecedor ruído das radiais e as chispas procedentes da soldadura dos estaleiros; aquí, nunha rúa ateigada do tráfico matinal dun xoves, está a sala Ártika, no que no seu día foi unha nave industrial lóbrega de todo. E o nome vaille ben porque, a pesar de que houbo función matinal para nenos, aquí non sobra o abrigo. Tampouco sobrou en calquera das outras salas que levo visitado. É inverno e os espazos teatrais son grandes. E o que pasa neles tamén o é.
Fernanda Barrio e Marcos Alonso, fundadores da sala Ártika en decembro de 2014, senten orgullo pola recente inclusión da sala en La Red Española de Teatros, Auditorios, Circuitos y Festivales de Titularidad Pública, o que lles axudará a traer compañías de maior calado á cidade. Eles diferencian así o teatro doutras artes: «É o directo, a experiencia envolvente e única. A atmosfera da sala está chea da maxia do aquí e agora». Marcos engade: «O teatro é o verdadeiro cine en 3D».
Desa experiencia envolvente tamén fala Luis Vieitez, rexente do autentiquísimo café teatro Mimosa, na Travesía de Vigo. Lugar labiríntico con escaleiras que soben, que baixan, portas que levan a novas portas, todo enmascarado tras unha cafetería do corte máis clásico. Luis asegura que lle recomenda o teatro a quen precisa evasión, estar noutra cousa por un breve e máxico período de tempo. Os mecanismos do teatro demandan a participación do espectador que, unha vez na sala, é arrastrado irremediablemente á ficción creada ao seu redor. O teatro proporciona así unha experiencia única cada vez, compartida entre o público e artistas. Durante o acto teatral, a maxia é o aroma que flota na sala, o silencio expectante, as engurras xestuais na escena, a maquillaxe, a posibilidade de escrutar as teas, os estampados, os corpos, a música vibrando dentro dunha mesma. En definitiva, a ficción experimentada en primeira persoa. Neste tempo de pantallas omnipresentes, o teatro é a experiencia máis liberadora, e mesmo transgresora, da oferta cultural da cidade.
De transgresión, de «reivindicación do pensamento», se fala no teatro Ensalle. Raquel Hernández e Pedro Fresneda comezaron sendo compañía teatral nos anos noventa en Madrid e sentiron a necesidade de crear o seu propio espazo no norte da Península. Despois de estudar a oferta cultural doutras cidades, finalmente pousaron o seu proxecto en Vigo, no ano 2003: «Un espazo para a creación, o encontro e a confrontación, no sentido máis amplo da palabra, das artes escénicas contemporáneas». Para chegar ao teatro Ensalle hai que precipitarse pola rúa de Chile ou comezar a escalada desde a rúa de Pi i Margall. Parece cousa de meigas a pouca promoción local desta sala que noutras latitudes da xeografía española é denominada el milagro del norte. «Un “erro burocrático” deixounos o ano pasado sen a axuda de 4.000 euros do Concello de Vigo». Pedro lamenta que unha sala que xa trouxo a Vigo dous millóns de euros en axudas, non conte con máis apoio da administración local.
Con cero axudas conta outro «espazo para o fomento e a promoción das artes escénicas». É o Teatro Aforo de Leonel García. Ao Aforo, como á vontade de gozar do teatro, hai que saber onde atopalos, porque de casualidade non se chega. Situado nunha travesa da rúa de Colombia, a decenas de metros da sempre ateigada tapería Imperial, mesmo estando alí, preguntarémonos se estamos no lugar indicado. Non digamos máis.
De Bouzas a Teis, non hai persoa que se prece que non pise os espazos teatrais da cidade, redutos das artes escénicas. Estas artes primixenias e sinxelas en ferramentas, expresión da voz e do corpo, son todo o que necesitas para fuxir da anestesia tecnolóxica de hoxe en día.
Ártika, cultura e arte
Non perdas: A variedade de espectáculos escénicos diversos cada fin de semana, tamén para nenos. O seu emprazamento industrial, con cantina, mesas e literatura (por exemplo, a Erregueté – Revista Galega de Teatro). As súas formacións teatrais para a cativada e os adultos.
Enderezo: Avenida da Beiramar, 113.
Sitio web: artikavigo.com
Redes: Facebook
Prezos: 10 € (adultos, xeral), 8 € (adultos, anticipada), 6 € (infantil, xeral), 5 € (infantil, familia numerosa)
Mimosa café teatro
Non perdas: A súa inenarrable variedade programática. Hai de todo e para todos os gustos: micros abertos, maxia, tango, teatro, X-Games… Funciona tamén como local de ensaio para espectáculos escénicos… ou como simple café.
Enderezo: Travesía de Vigo, 72.
Redes: Facebook
Prezos: 5-7 € aproximadamente
Teatro Aforo
Non perdas: Cada dúas fins de semana, teatro para familias curiosas e intelixentes. A última finde de cada mes, o espectáculo de microteatro Breverías (3 pezas diferentes cada vez), onde a barreira entre público e artistas é puramente psicolóxica. Os seus cursos e formacións teatrais.
Enderezo: Rúa de Colombia, 36.
Sitio web: teatroaforo.com
Redes: Facebook
Prezos: 4 € (adultos, teatro familiar), 3 € (nenos, teatro familiar), 3-8 € (Breverías)
Teatro Ensalle
Non perdas: O «impacto» do seu teatro, danza e música contemporáneos con función todas as fins de semana. Os festivais Isto ferve (febreiro), Vigo en bruto (xuño) e 4 pezas, de danza contemporánea (novembro).
Enderezo: Rúa de Chile, 15.
Sitio web: teatroensalle.com
Redes: Instagram, Facebook, Vimeo, YouTube
Prezos: 9 € (xeral), 7 € (estudantes e xubilados), 6 € (desempregados), 4,5 € (estudantes de arte dramática)
Texto: Maruxa Gesto
Fotos: Pablo Vázquez
Maruxa Gesto
Últimos posts de Maruxa Gesto (ver todos)
- Sipi Nopi, roupa colorista e sostible elaborada en Cangas - 10 Marzo, 2022
- Fotografía ‘newborn’ con Diego Gómez - 10 Marzo, 2022
- Progresa, a saúde no centro - 10 Marzo, 2022
- Loli Francos, o coidado dunha mesma - 9 Marzo, 2022
- Vigoentrena - 9 Marzo, 2022