CAMELIAS MASCOTAS

Os edificios máis bonitos de Vigo

A pesar das moitas desfeitas levadas a cabo nas últimas décadas, Vigo continúa a ser o fogar dunha boa cantidade de edificios de gran valor cultural e arquitectónico. Como non nos parecía xusto quedarnos só cos máis feos, fixemos tamén esta listaxe coas construccións que, ao noso xuízo, axudan a facer de Vigo unha cidade fermosa. (Fotos: Noelia Míguel)

1. EDIFICIO EL MODERNO

Xa avisamos que non será a única obra do xenial arquitecto francés Michel Pacewicz. Inaugurada en 1902, poucos anos despois pasaría a chamarse Hotel El Moderno. A pesar da máis que cuestionable modificación sufrida en 1977, que estragou a cúpula de escamas cromáticas orixinal, continúa a ser unha das edificacións referenciais da cidade, situada no lugar máis céntrico posible. A fachada de estilo barroco francés é unha absoluta delicia. Xusto diante temos o Edificio Simeón, unha fantástica construcción modernista dos irmáns Benito e Manuel Gómez Román, e o Edificio Pardo Labarta, obra de Jenaro de la Fuente Domínguez.

2. CASA YÁÑEZ

Seguindo con Pacewicz, a Casa Yáñez ten posiblemente a galería neogótica de madeira máis impoñente da cidade. Un edificio historicista de cinco andares situado na Alameda e firmado polo mestre de obras Dimas Vallcorba, xa que Pacewicz, ao ser francés, non estaba capacitado para asinar os seus propios proxectos. O escritor Pedro Feijoo, un gran coñecedor da nosa arquitectura, localizou parte da trama do libro Os fillos do mar neste edificio.

3. TEATRO GARCÍA BARBÓN

Sen saír do centro da cidade atopamos o Teatro García Barbón, na actualidade Teatro Afundación, fogar de grandes espectáculos, concertos, monólogos ou óperas. A construcción levantouse en 1927 despois de que o Teatro Rosalía de Castro, situado no mesmo lugar, ardese por completo nun incendio en 1910. As sobriñas de José García Barbón continuaron cos desexos do seu tío e encargaron a Antonio Palacios o proxecto de reconstrucción. Na década dos setenta Desiderio Pernas foi o responsable da ambiciosa rehabilitación levada a cabo polo novo dono do inmoble, a Caixa de Aforros Municipal de Vigo.

4. EDIFICIO ALBO

O arquitecto vigués Francisco Castro Represas e o madrileño Pedro Alonso encargáronse do levantamento deste formidable edificio situado no cruce das rúas Urzáiz e Gran Vía, un punto no que tamén fan esquina outras dúas notables construccións (Hotel Lisboa e o coñecido como “A Peineta”). Sete anos (1942-1949) foron necesarios para rematar a vivenda debido a escaseza de ferro e cemento nos anos de posguerra. O edifcio leva o nome da familia Albo, procedente de Santander, que fixo fortuna na industria conserveira. No seu vértice máis alto atopamos unha reprodución da escultura de orixe grega que conmemora a Vitoria de Samotracia, que se atopa no Museo Louvre.

5. EDIFICIO BONÍN

Na rúa Areal atopamos este espectacular edificio modernista obra de Jenaro de la Fuente Domínguez. Polas datas e polo seu estilo, hai que sinala que podería tratarse dunha resposta ao Hotel Moderno de Pacewicz, o cal non sería estrano xa que ambos arquitectos mantiveron unha rivalidade profesional ao longo das súas traxectorias. A fachada conta con numerosos e excelentes detalles de cantería e cunha fermosa cúpula na esquina coa rúa Oporto.

6. EDIFICIO DE CAMILO E BENIGNO FERNÁNDEZ

Continuando co arquitecto vallisoletano, no nº28 de Urzáiz atopamos esta marabilla modernista construída para os irmáns Camilo e Bengno Fernández, membros de familia rica e burguesa. A ornamentación da fachada é dun eclecticismo abraiante, especialmente as tres galerías de granito que recorren o edificio verticalmente. O portal merece unha mención a parte, amparado baixo unha estupenda circunferencia e decorado con motivos florais en ferro e pedra. Entre 1957 e 1966 viviu o escritor Celso Emilio Ferreiro, dato que vén recollido nunha placa á beira da entrada. Nese tramo de Urzáiz atopamos outras destacadas construccións como o Edificio Aurora Polar, Edificio Emilio Méndez, Edificio El Reloj, Casa Vicente Coma…

7. INSTITUTO SANTA IRENE

Situado ao pé da Praza de América, foi un agasallo á cidade de Policarpo Sanz, quen lle puxo o nome da súa esposa falecida, Irene de Ceballos. Foi obra do arquitecto vigués Antonio de Cominges y Tapias, autor doutras construccións emblemáticas da cidade como a Igrexa da Soidade ou a actual Sede de Abanca. Realizada totalmente en granito, conta cun gran reloxo no alto da torre, polo que desde hai anos vense celebrando o aninovo nas súas inmediacións. O instituto fundouse en 1946, e polas súas aulas pasaron mestres como o escritor Xosé Luis Méndez Ferrín.

8. EDIFICIO BANCO DE VIGO

Non sería xusto non incluír ningunha obra do xenial arquitecto Manuel Gómez Román, autor dalgúns dos mellores edificios da cidade (Simeón, Mülder, Casa de Correos ou a Panificadora). Este esdificio, actualmente sede do Banco Pastor, trátase dun chafrán entre as rúas Policarpo Sanz e Colón. Foi elaborado con granito de Castrelos de gran calidade, debido a que na contrucción colaborou o mestre canteiro José Araújo Pérez, socialista pioneiro e organizador da Sociedade de Canteiros. Entre os moitos detalles da súa fachada destacan o busto de Hermes, deus do comercio, e cinco figuras que representan os cinco continentes.

9. CASA MÜLDER

REVISTA NOVEMBRO

Este edificio situado en Montero Ríos recibe o nome do seu primeiro propietario e a persoa que o mandou construír, Enrique Mülder Palmer. De novo, unha marabilla modernista de Manuel Gómez Román, desta vez con claras influencias centroeuropeas, recollidas nas rúas de Bruselas e Viena. O máis destacable desta casa de tres pisos é a cúpula recuberta de cerámica que moldea a totalidade do edificio facéndoo curvo e carente de esquinas. Baixo a cúpula, podemos atopar mosaicos, tamén de cerámica, con motivos mitolóxicos e vexetais.

10. CASAS DE OYA

Casas de Oya é o nome orixinal do que todos os vigueses coñecemos como “o NH”, o hotel situado no cruce entre Policarpo Sanz e República Arxentina. De novo, Pacewicz está detrás da idea que foi encargada en 1904 por outro famoso empresario da época: José García Barbón e construído en granito a imaxe e semellanza dos que se facían en Francia naquel tempo. Cando se reformou no 1998 engadíuselle un faiado metálico.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.