Once dos monumentos máis famosos de Vigo
Continuamos o noso particular roteiro polos elementos ariquitectónicos e decorativos máis famoso da cidade. Tras facer un repaso a edificios feos e bonitos, pasamos agora aos monumentos. Xa sexa presidindo paseos, prazas ou rotondas, atopámonos con todo tipo de creacións, materiais e formas polos diferentes barrios. Cal é o teu favorito? Cal botas en falta?
1. O SEREO
Metade home metade peixe, outea a cidade desde o alto do quilómetro cero. Obra do cambadés Francisco Leiro, quen o bautizou como Hombre Pez, é posiblemente a escultura máis famosa de Vigo. A pesar diso, esta peza de aceiro inoxidable elevada a 11 metros de altitude xera controversia entre a cidadanía, posto que moita xente non a acaba de atopar excesivamente estética. Malia contar con 30 anos, non falta nin un só día a mirar as obras da Porta do Sol. Leiro tamén é o autor doutra polémica obra dividida en partes, O Nadador.
2. JULES VERNE
José Molares é o responsable desta escultura de bronce en honor a un dos grandes autores de aventuras e ciencia ficción da historia, Jules Gabriel Verne. O escritor francés dedicou un capítulo á Baía de Vigo nun dos seus libros máis famosos, 20.000 leguas de viaxe submarina, alimentando a lenda sobre o tesouro de Rande a través do popular personaxe do Capitán Nemo e o seu famoso Nautilus. Ademais, visitaría a cidade posteriormente en dúas ocasións. Foi colocada en 2005, no centenario da morte do xenial literato, pola Asociación de Mulleres Empresarias de Pontevedra.
3. A FADA E O DRAGÓN
Unha das esculturas máis peculiares da cidade atopámola no Paseo de Alfonso XII: unha fada cabalgando ao lombo dun dragón con ás. Esta peza de bronce realizada por Xaime Quesada inaugurouse en 2006, e se trata dunha homenaxe aos poetas e trovadores medievais tales como Martín Códax, Mediño ou Pero Meogo. Xa que estás alí podes gozar dun dos nosos mellores miradoiros urbanos, á espera de ver que sucede co famoso túnel da Porta do Sol.
4. PORTA DO ATLÁNTICO
A Porta do Atlántico, realizada en granito rosa de Porriño por Silverio Rivas e cunha altura de 14 metros, preside a praza de América desde 1991. O que menos xente sabe é que a escultura conta con dúas pezas máis, unha situada ao comezo de Gran Vía e outra ao principio da Avenida de Castelao. Desde 2019 a rotonda é peonil, polo que os afeccionados do Celta xa non poderán bañarse dentro do encoro circular para celebrar os éxitos do equipo.
5. MONUMENTO AOS CABALOS
Un ano despois colocariase, no medio da Gran Vía, o Monumento aos Cabalos. Juan Oliveira realizou esta obra de bronce de 18 metros que recorda os cabalos que poboaban os montes de Vigo, especialmente no Castro. Antes da súa colocación, a glorieta estaba habitada primeiro polo Monumento á Reconquista (agora na Praza da Independencia) e despois pola primeira fonte luminosa da cidade (cedida por Cesáreo González), algo tan do gusto do noso actual alcalde.
6. MONUMENTO AO TRABALLO – OS REDEIROS
Seguimos baixando por Gran Vía ata chegar ao cruce con Urzáiz. Alí atopamos O Monumento ao Traballo, ou Os Redeiros, ou Os Forzudos. Tamén de 1991, foi obra do ourensán Ramón Conde, quen representou a estes sete homes de bronce hipermusculados para destacar a forza e o traballo das xentes do mar. Na actualidade existe un debate público sobre o seu traslado, posto que en caso de moita afluencia nas rampas mecánicas de Gran Vía dificulta a fluidez do tránsito.
7. BERNARDO ALFAGEME
Continuando con homenaxes á xente do mar, navegamos ata Coia e alí atopamos encallado o Bernando Alfageme, o último pesqueiro de altura da primeira metade do século XX que sigue en pé. Foi colocado nesta rotonda en 2015 e, a pesar de atopar unha enorme oposición por parte da cidadanía en xeral e do barrio en particular, o Concello impúxose e colocou alí o navío, que mesmo contou con vixilancia policial pola noite para evitar actos vandálicos. O cineasta local Pedro Sancho rodou nas súas inmediacións Marusía, unha curtametraxe protagonizada por Antonio Durán ‘Morris’ e Fran Paredes na que ambos intentan atentar contra o buque con dinamita.
8. CRUZ DO CASTRO
Nunha das ladeiras do monte do Castro, a que dá xusto ao Concello, atopamos unha gran cruz de pedra de 12 metros inaugurada polo dictador Francisco Franco en 1961 e que formou parte do Monumento aos Caídos ata 1981. Ata este ano, contaba cun sarcófago, dúas coroas de laurel en bronce, escudos pre-constitucionais, o símbolo da Falanxe e a inscripción “Caídos por Dios y por España. Presentes 1936-1939”. Desde hai anos, asociacións e partidos políticos fan presión para demolela ou trasladala, mais desde o Concello defenden que esta construcción xa perdeu a súa simboloxía fascista e que na actualidade só se trata dun elemento relixioso máis.
9. MONUMENTO AO FERREIRO
Situado no centro da Praza de Eugenio Fadrique, representa a un obreiro do metal marteleando nunha peza. A pesar de que en moitas páxinas (entre elas a oficial do Concello de Vigo) vén que foi ensamblada in situ en 1970 polo escultor Guillermo Steinbrüggen, a realidade é que foi colocada en 1982. O autor, nado en Vigo en 1952 pero emigrado á República Federal Alemá, non se traslada novamente a Vigo ata principios dos 80. Ao estar ubicada nunha rotonda rodeada por coches, non é posible apreciar todos os seus detalles de preto: o cigarro, os cabelos, os músculos… Todos estes matices, o material utilizado e a postura co martelo en alto crean a sensación de esforzo e traballo duro que, un pouco máis abaixo, ten lugar nos asteleiros.
10. DINOSETO
O máis recente e o máis viral de todos os monumentos. Consiste nun arbusto con forma de dinosaurio que na actualidade se atopa na Praza de Compostela debido ás obras na Porta do Sol. O seu primeiro destino ía ser Navia, mais por un error colocárono en Rosalía de Castro. O interese que suscitou acabou por levalo ao centro da cidade, e máis adiante, a ser acompañado por un dinosetiño. De tantas fotos que a xente tomou con el, terminaron por poñerlle un photocall diante para facilitar a tarefa a turistas e vigueses. O seu irman, o Rinoseto (un triceratops) podemos atopalo, agora si, en Navia.
11. MANUEL CASTRO
Diante do MARCO podemos ver a escultura dun home facendo malabares cun xornal. O seu nome era Manuel Castro, un famoso vendedor de prensa que realizaba este tipo de equilibrios sobre o dedo índice. A obra foi ideada polo escultor Jandro Rodríguez e finalmente impulsada polo político nacionalista Lois Pérez Castillo, a pesar de que non se inaugurou ata 2011, xa co actual goberno ao mando, debido a algunhas discrepancias sobre o contido da portada do xornal que sostén (o orixinario ía levar o Prestige na capa e un poema de Xela Arias na contracapa). Un xornal, por certo, que xa foi arrincado en diversas ocasións.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Revista de Nadal: A cultura a exame - 5 Decembro, 2024
- A cultura de Vigo a exame - 3 Decembro, 2024
- O libro que demostra que os anos 80 en Galicia foron moito máis que a Movida Viguesa - 29 Novembro, 2024
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024