REVISTA ABRIL

Catro obras e un festival

A nosa cidade continúa a albergar interesantes propostas para os amantes da sétima arte, como é o caso do Festival de Cine Inclusivo de Vigo (VIIFF), que ten lugar do xoves 23 ao sábado 26 no Auditorio Municipal do Concello, que dispón para visualizar, de xeito gratuíto, máis de trinta obras audiovisuais entre curtas, longas, series e webseries. O evento conta con obras nacionais e internacionais, sendo a primeira vez que algunhas delas se proxectan en todo o Estado. Estas abranguen temas como doenzas mentais, enfermidades raras, inclusión mediante o deporte ou outras temáticas como a eutanasia ou a pobreza. 

O festival reserva un apartado para o cine autóctono, onde atopamos os nomes de Álvaro Gago, Pedro Sancho, Pablo Fontenla, Noemí Chantada e Óscar Pardo,cinco nomes vigueses que dan conta do bo seu facer coas catro obras que mostran no festival. É a primeira vez que as curtametraxes de Gago, 16 de decembro, e de Sancho, Marusía, rodadas en Vigo no último ano, se proxectan en aberto na nosa cidade, nunha xornada que pode ser moi especial para os dous realizadores. O mesmo ocorre co falso documental de Fontenla, Helsinki 79, unha curta que se rodou en lugares tan dispares como Benidorm ou Finlandia. Para rematar, o proxecto Sorrisos transformadores, de Noemí Chantada e Óscar Pardo, está composto por un breve documental formado por vídeos que se poden atopar en YouTube, alén dunha exposición fotográfica homónima que percorre a provincia desde finais de 2017.

Todas estas e as obras participantes, traten ou non temas relacionados coa inclusión, proxéctanse aquí audiodescritas e subtituladas, achegando o cinema a todo tipo de público. Outra estrea é A vosotros mi reino, unha peza documental sobre o vigués Simón González, kickboxer laureado a nivel mundial, que rexenta no centro da cidade o ximnasio leva o seu nome de pía.


Pedro Sancho (Marusía)
«Creo que en Galicia temos que facer comunidade, sumar en vez de restar»

A curta xa se proxectou en Bueu, Cans, Elxe, Lugo e Madrid, entre outros lugares. Como está a ser a recepción ata o de agora?

A distribución está a ser un pouco máis lenta que a de La Madrina, penso que porque é unha historia máis complexa. Non é tan de festival, Marusía esixe un pouco máis ao espectador. Pero cada vez que a vexo, gústame máis. Aínda estamos no comezo.  

Como foi a experiencia de cortar varias rúas de Coia, o teu barrio, para a rodaxe?

Foi unha experiencia moi surrealista. Verme andando polo medio da estrada totalmente baleira… suponse que unha persoa non debe estar aí. A nivel de produción é a miña curta máis supermegaprodución, porque para rodar na rotonda do Alfageme hai que cortar varias rúas moi longas. Estaba presente a Policía Local, a Protección Civil… ademais, como Morris estaba no seu pico de fama con Fariña, había moita xente tras os valos vendo a rodaxe, pensando que era para unha segunda temporada desa serie.   

Neste festival vas compartir cartel con Pablo Fontela, que foi o teu axudante de dirección en Marusía.

Noutros festivais coincidín con Dani Viqueira, o director de Limbo, que tamén traballou na rodaxe e que, por certo, sempre me está a gañar o cabrón. No fondo alégrome, creo que en Galicia temos que facer comunidade, sumar en vez de restar. Paréceme bonito, é unha forma de medrar xuntos. O importante é que a xente vexa a túa historia. Se é con amigos, pois moito mellor.


Pablo Fontela (Helsinki 79)
«A miña obra ten todos os elementos que me gusta atopar»

Como se che ocorreu facer esta especie de Searching for Sugarman á finlandesa?

O que intentei foi buscar un paraíso exótico para Galicia, e acheino en Finlandia. Este falso documental estaría realizado polo fillo dun dos protagonistas, que quere descubrir a esencia da carreira musical do seu finado pai.

Canto tempo pasou desde a idea inicial ata que estivo rematado?

A idea inicial foi hai catro ou cinco anos, pero foi nos dous últimos cando de verdade traballei no tema. Pensei en pedir subvencións, pero esixen uns prazos determinados e eu sabía que este proxecto ía para longo. Pensa que se rodou en Finlandia, Benidorm, Madrid e Galicia, e eu precisaba do ánimo suficiente para sacar todo isto adiante. Ao final, preestreouse o pasado mes de maio.

Por que decidiches facela a modo de falso documental?

O falso documental permíteme introducir moita xente á que non lle gusta a ficción ou que prefire o documental, deste modo xogas coas dúas vertentes. O feito de poder mentir desde unha perspectiva aparentemente real fai que sexa aínda máis divertido, ademais de xerar dúbidas na xente sobre a veracidade. Gústame este xénero porque non é nada habitual en Galicia, a ver se máis xente se anima a utilizalo como opción de futuro no noso audiovisual.


Álvaro Gago (16 de decembro)
«A propia realidade berrábame que hai grandes cantidades de violencia contra as mulleres»

De onde xorde a idea de facer unha curta sobre un tema tan desgraciadamente común como a violencia contra a muller?

Propúxenme escoitar a miña realidade máis inmediata e ademais cruzouse no meu camiño Cris Iglesias, a actriz protagonista do filme. A miña realidade berrábame que continuaba a haber violencia contra as mulleres en grandes cantidades baixo o amparo dunha sociedade contaminada. Ademais, durante a preprodución de Matria,eu ía moito a unha cafetería de Santiago na que traballa unha rapaza chamada Elena. Non eramos amigos, pero coñeciámonos. Na fin de semana do 16 de decembro de 2016 foi asasinada. Ese mesmo día unha rapaza que estudara cuns amigos meus foi asasinada en Vigo. Foron dous sucesos moi comúns que, moito máis do que nese momento me pareceu a min mesmo, me empurraron a facer esta película.

Que tal está a ser recibida polo de agora?

Intento non dedicarlle demasiado tempo a pensar niso. Tiven unha experiencia moi positiva cando se estreou a nivel estatal en Valencia. O teatro quedou bastante frío, creouse unha enerxía especial. Algunha alegría espero que nos dea, pero con chégame con que se vexa.

É doado facer cine en Galicia hoxe en día?

Non. Sería máis doado se existise unha sorte de mecenas con espírito filantrópico á que recorrer. As axudas son boas, pero hai poucas. Os orzamentos son baixos, a pesar de que se están a facer moitos esforzos.


Noemí Chantada e Óscar Pardo (Sorrisos transformadores)
«Esta é unha forma marabillosa de transmitir ao alumnado unha temática que non é curricular, pero que está na súa realidade»

En que momento nace este proxecto en colaboración coa Deputación de Pontevedra e Arelas, a asociación de familias de menores trans?

A webserie e o documental viñeron motivados polo éxito dunha exposición fotográfica coa mesma temática e case cos mesmos protagonistas que fixemos o ano anterior. A raíz de movela por máis de cincuenta colexios e institutos, e a pesar de que Cristina Palacios (presidenta de Arelas e nai dunha nena trans) acompañou a exposición explicando o tema de marabilla, fomos conscientes de que a rapazada quería saber máis.

Aínda segue itinerante a exposición?

Si, aínda hai colexios que a piden, leva movéndose xa desde xaneiro de 2017! A verdade é que é unha mostra moi completa porque vai acompañada dunha charla-coloquio, é unha forma marabillosa de transmitirlle ao alumnado unha temática que, aínda non é curricular, está na súa realidade.

Que foi o máis positivo que sacastes ao realizar este proxecto?

Coñecer unha realidade na que nós mesmos estabamos moi perdidos. É normal non sabelo todo, algúns conceptos foron moi mal tratados ata hai pouco. O interesante é informarse, coñecer e abrir as portas.

REVISTA ABRIL

É un contido idóneo para proxectar en colexios e institutos.      
Si, agora Cristina ilustra coa obra algunhas das súas charlas. É importante chegar ao maior número de xente posible. Xa houbo casos de rapaces ou familias que despois de ver o documental no colexio, se achegaron a Arelas dicindo «isto mesmo é o que eu sinto».

Por Pablo Vázquez

[Podes ler a reportaxe íntegra na revista A movida de Outubro 2019. Faite con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución ou comeza a recibila na túa casa facéndote #AMOVIDALOVER]

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.