O mellor da cultura viguesa (e galega) neste 2021
Malia ser un ano do máis estraño, a cultura viguesa segue a demostrar un estado de forma envidiable. Os nosos artistas compartiron este ano moita música, moita literatura e moito cinema con nós, polo que non está de máis recompilar algunhas destas obras como resumo deste 2021. No apartado audiovisual abrimos un pouco o radio de acción, incorporando tamén filmes de autores galegos.
MÚSICA
Sen Senra – Corazón cromado
O músico de Forcarei, quen medrou na nosa cidade e formou bandas como Demonhigh, está a vivir o seu momento máis doce. En 2022 ten organizado un concerto no WiZink Center madrileño, un dos recintos máis grandes do Estado.
Os Vacalouras – Xuventude prexubilada
Despois de sete anos de silencio discográfico, os pioneiros do pataca’n roll volven cun disco variado e fiel ao seu estilo, que conta coa colaboración de luxo da lenda lusa Quim Barreiros.
The Soul Jacket – Let Me Stand
Novo traballo do sexteto vigués, que neste quinto álbum se atreven con ritmos disco e afonda máis na experimentación.
Óscar Avendaño y Reposado – Perros negros
Gravado desde 2016, Avendaño decidiu publicalo neste ano no que os concertos non abunda. Gran colección de temas rock, folk e americana.
Disco debut da cantautora, producido por Eladio Santos. Un traballo íntimo e delicado cunha edición física do máis coidada.
Os Resentidos – Operación Nautilus
Primeiro disco da mítica banda en 28 anos, que se di pronto. Un álbum máis rockeiro e menos experimental que outros anteriores.
Adrian Timms – Part Won
Debut de larga duración do músico británico afincado en Vigo, un habitual na rúa do Príncipe. Pop e folk en inglés dun dos artistas máis inquedos da cidade.
Maldito Murphy – Horizontes
Segundo álbum do cuarteto vigués, no que continúan afondando neses sons entre o pop, o indie e a americana. Contén unha colaboración con Mikel Erentxun.
Dirty Suc – Morriña
O artista vigués afincado en Madrid, exintegrante de Banana Bahia Music, publicou este ano o seu primeiro disco, onde colabora con Danni Ble, Boy Mars, Amex, Samuraï, Beauty Pikete, iaghost, Royce Rolo, Tekilas e Marshak.
Lacosta – 16
Primeiro álbum do dúo urbano no que Movinfast leva a voz cantante, con Danni Ble producindo algúns dos temas desde México.
LIBROS
Ledicia Costas – Golpes de luz
Despois do éxito de Infamia, Ledicia volve dirixirse ao público adulto nunha novela agarimosa e cargada de humor que tamén afonda no narcotráfico, no mundo dos coidados ou na Galicia rural.
Domingo Villar – Algúns contos completos
O autor da triloxía do inspector Leo Caldas cambia de rexistro con esta colección de contos breves, acompañados por uns fermosos linogravados de Carlos Baonza.
Francisco Castro – O cemiterio de barcos
Baixo a apariencia de novela xuvenil, Castro ofrece misterio, amor, amizade e memoria, pero tamén violencia, abuso e corrupción.
Xurxo Martínez e David Rodríguez – Marxes (Guía ilustrada do Vigo rebelde)
“Marxes” traza un mapa afectivo con itinerarios por Vigo no que se rememoran, con textos, fotografías e ilustracións, as batallas do Vigo rebelde e solidario. Son 40 historias reais que retratan con emoción episodios relevantes para as clases populares viguesas.
Xela Arias e Desertores – Cancións
Durante a segunda metade da década dos oitenta, Xela Arias compuxo numerosas letras para a banda de rock Desertores. Máis de 30 anos despois, o grupo vigués grava todos estas cancións, que veñen recollidas nun libro-disco con todas as letras da autora.
Obra que dá voz a moitas galegas que emigraron por distintos motivos e que a través das súas experiencias configuran as características desta nova vaga migratoria galega.
Antonio García Teijeiro – As palabras están a mirarse arredor da mesa
Poemario metaliterario dun dos nosos autores máis recoñecidos. Esta obra transita polos vieiros da creación e das emocións para intentar atopar un piar desde o que construír un discurso artístico sobre o mundo.
Distopía que funciona como unha lupa sobre os problemas da sociedade actual e na que se indaga nas relacións humanas, o poder, a ecoloxía e os roles de xénero.
Rompente – Que hostia din os rumorosos?
Un libro que supón o retorno bibliográfico case 30 anos despois dun dos colectivos líricos máis influintes do século pasado no noso país, formado por Antón Reixa, Manolo M. Romón e Alberto Avendaño.
VVAA – Relatos na rúa 8
A pandemia non logrou frear o único certame literario propiamente vigués, o Concurso de Relatos Vigo Histórico. Os máis destacados atópanse neste novo volume, que conta con portada do artista local Peri Helio.
FILMES
Negro Púrpura – Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva
Orixinal documental que xira arredor do claviceps purpurea, fungo alucinóxeno coñecido como “ouro negro” na Galicia do século XX. A banda sonora está composta polo thereminista vigués Paulo Pascual.
Deux Options – Gon Caride
Deux Options é unha curtametraxe escrita, rodada e posproducida en cinco días polo vigués Gon Caride, durante un laboratorio internacional de curtametraxistas en Francia.
O director do Festival de Cine Inclusivo de Vigo (VIIFF), Gonzalo Suárez, estreou este ano na SEMINCI de Valladolid unha longametraxe onde fala do accidente que o deixou en cadeira de rodas e do baloncesto, o fío conductor do filme.
A comuñón da miña prima Andrea – Brandán Cerviño
Con esta divertida e orixinal curta sobre, como ben di o título, a comuñón da súa prima Andrea, o realizador pontevedrés conseguiu ser candidato aos Premios Goya.
O que queda de nós – Miguel Gómez
Curta de ficción de temática distópica protagonizada por Lidia Veiga e María Costas, realizada por un equipo de profesionais moi novos.
Homeless Home – Alberto Vázquez
O debuxante e cineasta Alberto Vázquez continúa a afondar no seu particular estilo, sempre tenebroso, cínico e cun toque humorístico, con esta nova curta de animación.
Devolvendo o golpe – Carlos Prado
Premiada no Festival Primavera do Cine, a obra de Carlos Prado versa sobra o boxeador marinense Aarón González, campión de España e vítima dun accidente de tráfico aos 10 anos.
Cuñados – Toño López
Taquillazo do ano no cinema galego. A comedia de Toño López gozou de gran éxito tanto en Galicia como máis aló das nosas fronteiras.
Escribir o imposible – Simone Saibene
Documental sobre o escritor ourensán Juan Tallón, onde narra a historia do proceso de creación da novela Rewind e de como a nova realidade acabou apoderándose da ficción.
¿Qué hicimos mal? – Liliana Torres
Historia dunha ficción construída sobre unha realidade que supón unha reflexión sobre os erros de guion da vida, cun tema central: a relación de parella e a crise da mesma. Dirixida e protagonizada pola catalana Liliana Torres, conta con varios nomes galegos no reparto.