VIALIA
bannerPicnicSesions

Ari Magritte preséntanos o seu ‘Oráculo’

Tras case unha década enriba dos escenarios, a artista viguesa Ari Magritte publica o seu primeiro disco, Oráculo. Envolto nunha coidadísima edición física con ilustracións de Abi Castillo, o álbum contén 13 cancións compostas ao longo dunha vida.

Ari Magritte coa versión física de Oráculo | Cedida

Temos visto discos con libros, DVD e pósters no interior da caixa, pero nunca coas cartas dun tarot a modo de oráculo. Ari Magritte pon, valga a redundancia, todas as cartas sobre a mesa no seu primeiro traballo, un fermoso obxecto para coleccionistas obra de Guillotina Estudio con ilustracións da viguesa Abi Castillo. Cada unha das 13 cancións ten a súa carta homóloga neste tarot personalizado, ademais dunha explicación do seu significado no libreto interior. “Era algo que eu precisaba facer así. Xa que publico algo despois de tanto tempo quero que sexa moi coidado e con moito contido, non un simple CD nun sobre de cartón”, comenta a artista.

REVISTA ABRIL

Máis alo do continente, o contido tamén dá moito de si: 13 cancións compostas ao longo dos anos que resumen unha traxectoria musical e vital: “Algunhas cancións son de antes do nacemento do proxecto de Ari Magritte, de antes de que es me subise a un escenario por primeira vez. Mesmo do século pasado. Seguro que dalgunhas delas, se as compuxese agora ou as retocase, tería cambiado letras ou partes da melodía, pero intentei que as cancións foran moi fieis ao seu momento, honestas coa miña vida musical” explica Ari.

O disco foi integramente gravado antes da pandemia no estudio caseiro de Eladio Santos, líder de Eladio y los Seres Queridos, ao que coñeceu despois de que este lle vendese unha guitarra. Non é a primeira vez que colaboran xuntos, pois a súa voz deixouse escoitar nos discos Cantares e Historias de Caza do cuarteto olívico. “Eladio contábame que traballar en Oráculo servíalle para desintoxicarse das súas cancións, porque estaba gravando e producindo Academia de EYLSQ e precisaba facer outras cousas” engade a cantautora.

Unha das malas novas que deixou esta pandemia foi o peche da sala El Contrabajo, un escenario no que Ari acudía a tocar habitualmente, mesmo como artista residente. De seguir aberto, seguro que alí presentaría este novo disco. Polo momento realizará un acto en El Corte Inglés o xoves 23 para presentar o formato físico cun pequeno concerto acústico, que continuará en outubro por cidades como Santiago, Valencia ou Madrid. A artista ve con bos ollos a idea de montar unha banda para os directos, ppolo que non perde a oportunidade de pasarse polas jam sessions que se organizan en Mondariz, o seu actual lugar de residencia. Podes mercar o disco contactando coa artista nas súas redes, nos actos de presentación, en Vaidhé ou na web Diecisietecosas.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.