O MARCO redescubre a Manuel Colmeiro
Onte inagurouse a exposición MANUEL COLMEIRO. Espazos e encadramentos no Museo Marco que estará aberta ata o 24 de maio e dá a coñecer a Manuel Colmeiro en toda a súa dimensión artística.
Este venres 24 de xaneiro inaugurouse no Museo Marco de Vigo unha mostra da obra de Manuel Colmeiro (Chapa, Silleda , 1901-Salvaterra de Miño, 1999). O comisario, Xosé Carlos López Bernárdez, fixo unha selección de obras procedentes do comodato e de diferentes coleccións, e nolas amosa relacionándoas cos contextos vitais do artista.
Preséntase un percorrido pola súa formación en Buenos Aires nos primeiros anos vinte; na Galicia anterior á Guerra Civil; no exilio Galego e na integración no contexto arxentino ; na súa inserción no París de Posguerra e na estreita relación co medio cultural galego desde os anos cincuenta. O obxectivo principal segundo o propio curador da mostra e facer unha relectura desde outra ollada para poder darlle a Colmeiro todo o recoñecemento que se merece.
Destácase a vontade que tivo o creador para xerar na arte unha corrente alternativa á dominante, reforzando a identidade galega desde a modernidade. Tamén se resalta o carácter claramente feminista da súa obra, no que a muller ten un papel preponderante , non coma una modelo estética senón como unha referencia social: mulleres labregas e nais, que traballan, sosteñen a sociedade e que tamén as vemos sufrindo os horrores da guerra. Tema , o da guerra, que influíu profundamente en Colmeiro e nas súas pinturas e debuxos: “Como poderei pintar alegrías?” preguntáballe nunha carta a Eduardo Liste, expresando a tristeza que lle invadía a el e a súas creacións nos anos da Guerra Civil. Tamén viviu e pintou París onde non deixou de traballar cos seus contemporáneos na dualidade que supón reflectir a esencia do galego sen deixar de ser moderno.
Por todo isto no acto inaugural, o director do Museo Marco, Miguel Fernández Cid e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, reivindicaron o dereito de Colmeiro a estar presente nos grandes espazos da arte fóra de Galicia, e de España. A mostra permanecerá aberta ata o 24 de maio.
Elena Álvarez
Últimos posts de Elena Álvarez (ver todos)
- ‘Afinidades selectivas’, Goethe, Chomski e oito artistas falan na Casa Galega da Cultura - 8 Febreiro, 2020
- O MARCO redescubre a Manuel Colmeiro - 25 Xaneiro, 2020
- Alberto Ardid, gañador do certame Plastika19 - 14 Xaneiro, 2020
- PLASTIKA 19, un certame de arte vigués con proxección internacional - 4 Xaneiro, 2020