UVIGO
FILLOAS

O MARCO publica na súa web entrevistas históricas a Manuel Colmeiro

A partir de hoxe o Museo MARCO dá acceso a través da súa web a unha serie de entrevistas ao artista Manuel Colmeiro, procedentes dos arquivos de CRTVG e CRTVE. Estas proxeccións formaban parte das actividades complementarias á exposición ‘Manuel Colmeiro. Espazos e encadramentos’.

Durante todo o período da exposición “Manuel Colmeiro. Espazos e encadramentos”, estaba previsto un conxunto de actividades paralelas e complementarias desta mostra, comisariada por Xosé Carlos López Bernárdez, que ten como obxectivo ofrecer unha nova ollada sobre a obra dun dos pintores chave na historia da arte galega. Dada a situación xenerada polo COVID-19 estas actividades vense afectadas, pero na medida do posible o MARCO facilitará que se leven a cabo online.

Varias entrevistas realizadas a Manuel Colmeiro, procedentes dos arquivos de CRTVG e CRTVE, e que estaban previsto proxectarse nas salas do Museo, agora se irán publicando periodicamente na web do MARCO a partir de hoxe, mércores 15 de abril. Grazas á colaboración de CRTVE e CRTVG, o público terá acceso á obra e pensamento de Colmeiro en primeira persoa.

O seu interese reside non só no seu valor como documento histórico, senón por achegar a perspectiva e reflexións do artista en tres momentos diferentes da súa traxectoria vital e artística. Os documentos do propio pintor insiren a súa obra na tradición política do realismo histórico e explican as motivacións sociais e estéticas das obras. O seu testemuño fai máis comprensibles as obras de claro matiz social ou a serie de tintas sobre a Guerra Civil.

As reflexións de Colmeiro explican tamén a súa procura dun novo clasicismo ligado ao cotián. O traballo do noso pintor, como el subliña, teima en presentar as cousas comúns, o milagre da existencia na súa imperturbada duración: as maternidades, as panadeiras, as tres grazas, as paisaxes, as naturezas mortas; temas que se presentan desde unha análise de enorme rigor que pode parecer inxenua porque evidencia as virtudes sinxelas ou os feitos típicos da vida local, pero que posúe unha forte carga analítica.

CAMELIAS NADAL

A primeira das entrevistas, dispoñible a partir de hoxe mércores, foi realizada en 1981 por CRTVE: “Nombres de ayer y de hoy”, 1981.