‘Afinidades selectivas’, Goethe, Chomski e oito artistas falan na Casa Galega da Cultura

Este xoves inaugurouse  na Casa Galega da Cultura a edición número 11 da exposición Afinidades Selectivas, unha mostra anual que reúne a profesores e alumnos egresados da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. A exposición  permanecerá aberta ata o 15 de Marzo de 2020. (Fotos Pablo V.)

Nesta undécima edición de Afinidades Selectivas , co título  Ideas verdes, incoloras dormen furiosamente, Chelo Matesanz,  comisaria da mostra, propón un diálogo entre artistas e tamén  entre obras, reflexionando  sobre o ensino e a aprendizaxe da arte, sobre as regras e o uso que se fai delas. De aí o título da mostra: unha oración creada por Noam Chomski na súa obra Estruturas sintácticas (1957) como exemplo de estrutura gramaticalmente  correcta pero sen significado aparente, e que, sen embargo, no mundo da arte podería chegar a ter múltiples interpretacións. 

Tamén na arte existen regras que aprender, e que é necesario coñecer para, en moitas ocasións, transgredir na  procura de respostas ou de novas preguntas,  xerándose novos códigos nos que a falta de significados non é tal.

Catro profesores: Elena Lapeña, Teresa Pajares, Jesús Pastor e Juan Carlos Román  dan a man a catro ex-alumnos: Enrique Lista, Blanca Nieves Lourés, Eva Quintero y Ventura A. Pérez, para construíren coas súas obras unha mostra gramaticalmente perfecta, e por suposto con moitos significados individuais e de conxunto.

Estes binomios profesor/ex-alumno xorden  a partir das conexións  creadas no seno da  Facultade, e reflicten esas unións que non se xustifican por unha técnica ou unha maneira común de facer arte,  senón coma algo similar ós  elementos da Tabla Periódica química, que se organizan segundo  as súas afinidades químicas.  Este feito  que utilizara o propio Goethe para titular a súa novela “Afinidades electivas”, serve tamén como xogo de palabras para nomear as sucesivas exposicións que Universidade e Concello organizan cada ano na Casa Galega da Cultura.

Alí poderemos ver  os doce minuciosos e detallistas  debuxos a tinta,  en múltiples cores, de corpos celestes pertencentes  a Elena Lapeña. Pola súa banda Enrique Lista  fotografía e expón, de maneira delicada,  accións súas relacionadas co debuxo, a liña  e o seu corpo.

Teresa Pajares amósanos a importancia do papel como soporte da obra,  e o color e a forma coma linguaxe fundamental. Blanca Nieves  Lourés mostra tres pezas nas que  traballa ca fragmentación e a reconstrución da propia materia artística. Jesús Pastor pon a lupa e fotografía o mínimo para convertelo en máximo, e Eva Quinteiro preséntanos dous esculturas  de terra e raíces.

Juan Carlos Román,  expón dúas pezas  nas que fai un irónico xogo, en óleo e tamén en tinta china,  con superposicións do retrato do Conde Duque de Olivares de Veláquez e a cara de Mariano Rajoy. A súa parella no binomio, Ventura A. Pérez, con moitas e  pequenas formas  xeométricas de  cerámica, que resultan moi atraentes para os visitantes, comeza e cerra o recorrido da mostra que permanecerá aberta ó público ata o 15 de Marzo.

REVISTA VERAN