UVIGO
FILLOAS

Alberto Ardid, gañador do certame Plastika19

O pasado sábado 11 de xaneiro fíxose público o fallo do xurado da terceira edición do certame internacional de artes plásticas, organizado pola galería de arte Ap’ostrophe no que o vigués Alberto Ardid alzouse como gañador.

De entre os trinta seleccionados  o  artista vigués Alberto Ardid (1986) foi nomeado gañador do certame  de arte PLÁSTIKA19 coa súa obra “Non Tocar”: unha instalación que incitou á interacción do espectador desde que foi colocada no Museo do Mar o 3 de decembro.

A obra vencedora é unha proxección de vídeo que fala a través dun texto, pedíndolle aos visitantes que acaben con ela.  Alberto Ardid confirmounos que ninguén se atreve a cumprir as súplicas, pero sen dúbida  a máis de algún planteóuselle a disxuntiva.  Ese era o obxectivo, a reflexión dos visitantes do museo sobre a súa relación coa arte no ámbito das exposicións. Un humor fino e reflexivo, característico das obras do artista, impregnaba “Non tocar” que recibiu o recoñecemento do xurado formado por Carlos L. Bernárdez, Elena Bangueses, Paula Cabaleiro, Thomas Apostolou e Xulio Lago. Tamén acudiu á entrega dos premios o director xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo Lorenzo. 

Outorgáronse ademais dous accésits. O primeiro foi para a moañesa Yolanda Ríos e “Habitar as obsesións” na que os límites físicos dun xogo de naipes son desbordados ata invadir e modificar o espazo que o contén. O segundo accésit entregouse a agrupación Conjuntos Empáticos, formada por Sálvora Feliz, Marta Benito y Tomás Pineda que presentaron a obra ‘#estaesmiplaza’ coa que pretenden intervir o espazo urbano co obxectivo de poñer en valor lugares abandonados, esquecidos ou desaproveitados.

Os organizadores do concurso, Sara Perez Bello e Álvaro Rodríguez, fundadores da sala de arte Apo´strophe aproveitaron a ocasión para agradecer o Museo do Mar a súa colaboración ao acoller durante algo máis dun mes a exposición das trinta obras finalistas, e tamén pregaron por máis apoio institucional, necesario para manter unha iniciativa tan interesante  para a cidade de Vigo.

CAMELIAS NADAL