O I Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza recae en Lupe Gómez, Roberto Morales e Amancio Prada
Este martes 7 desveláronse os nomes dos gañadores do I Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza, organizado pola Asociación Évame Oroza e a Editorial Elvira. Os premiados son Guadalupez Gómez Arto (premio de poesía na modalidade de galego), Roberto Morales Miranda (premio de poesía na modalidade de castelán) e Amancio Prada (mellor iniciativa musical de divulgación da poesía).
Podemos calificar, polo menos cuantitativamente, como moi exitosa a primeira edición do Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza, pois segundo a organización recibiron máis de 1000 obras de diferentes partes do mundo. O xurado, presidido polo poeta Antonio García Teijeiro (para os textos en galego) e Patricia Meira (para os textos en castelán), debeu traballar arreo para escoller aos tres gañadores que se deron a coñecer na mañá do martes 7 de novembro. A galega Lupe Gómez e o chileno Morales Monterríos son os vencedores da primeira edición do Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza, nas modalidades de galego e castelán, respectivamente. Os premios teñen unha dotación de 6.000 euros cada un e os galardoados recibirán unha figura de Oroza realizada en bronce pola artista Cuqui Piñeiro.
O 17 de novembro (20:00 horas) celebrarase, no auditorio da Afundación en Vigo, a gala de entrega do Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza, nun emocionante acto no que tamén se presentará o libro ‘Oroza 100’, no que máis de cen escritores, artistas e amigos ofrecerán o seu punto de vista sobre a figura do gran poeta oral. Uxía Senlle porá a nota musical nun evento cheo de poesía e arte. A entrada é libre ata encher o aforo.
Premio de Poesía en Galego: GuadaLupe Gómez Arto, por “Herbario da noite pecha”
Na acta, o xurado valora “a linguaxe limpa, transparente e luminosa dos seus versos. O seu carácter sensorial é quen de transportar o lector cara a un universo da memoria vencellada coa infancia a través dunha ollada tenra e feminina. Un poemario directo de verso curto, onde se percibe o latexo da terra”.
Guadalupe Gómez Arto, nada en Fisteus (Curtis) en 1972, é unha poeta e xornalista galega, coñecida como Lupe Gómez, que publicou libros de poesía como Pornografía (1995), Camuflaxe (2017), Caracois de Belvís (2020) ou Montaña Ioga (2022). Obtivo, entre outros, os premios Johán Carballeira, Premio da Crítica, Miguel González Garcés e Fiz Vergara Vilariño. É autora da narración autobiográfica Fisteus era un mundo (2001) e do epistolario Fosforescencias (2019). O 2023 está a ser o seu ano: Con Salón de Té.
Premio de Poesía en Castelán: Roberto Morales Miranda, por “Carbono 14”
A obra “Carbono 14”, de Roberto Morales Miranda – que firma as súas obras como Morales Monterríos – foi elixida como gañadora do Premio Carlos Oroza na modalidade de castelán. O xurado destaca na acta de concesión do premio “o coidadoso traballo coa linguaxe nunha obra que explora o poético desde o razoamento lóxico sen deixar de
atender ao lirismo e á procura da beleza. É, en definitiva, un poemario que na súa sutileza mestra esconde un manual para entender o mundo no que fisicamente vivimos”.
Morales Monterríos (Chile, 1970) publicou os libros Antichton (2000), Pantheon (2004), Príncipe de Chile (2007), Hécate (2009), Popol Vudú, Libro 1, Nómade in Chile (2017), Poemas de amor do obreiro John Bágoas. Os seus grandes éxitos (2018), O Tabo Che King (2022), NODO (2022). En 2022 resultou gañador do Premio Hispanoamericano de Poesía de San Salvador co libro NODO, e do XXII Premio de poesía Vicente Núñez (Córdoba, España), co seu libro Seda-Sade.
Mellor Iniciativa Musical de Divulgación da Poesía: Amancio Prada
Amancio Prada, autor que ao longo da súa carreira fixo un percorrido pola literatura de todo o territorio español e de todas as épocas, dende Jorge Manrique, San Juan da Cruz, Santa Teresa, Gustavo Adolfo Bécquer e Rosalía de Castro,
ata Federico García Lorca, Juan Ramón Jiménez, María Zambrano, Álvaro Cunqueiro, Carmen Martín Gaite, Agustín García Calvo.
Este premio non ten dotación económica e consiste nunha peza realizada ex profeso polo artista Antón Lamazares, así como unha figura de Oroza feita en bronce pola artista Cuqui Piñeiro.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024