REVISTA MARZO

Carlos Oroza instálase na Casa da Collona

A Asociación Évame Oroza instálase no Casco Vello Alto e programa un certame de poesía, unha exposición itinerante e a publicación dun libro para celebrar o centenario do nacemento do poeta vigués, Carlos Oroza.

Banner A Movidiña

Xavier Romero, presidente da recén creada asociación Évame Oroza e tamén director da Editorial Elvira, arrancaba o acto de presentación do inmoble declarando que “hoxe é un día moi especial, porque por fin se materializa un proxecto no que levamos moitos anos traballando.” Desde a morte de Carlos Oroza en novembro de 2015, Romero e outros seguidores e amigos do poeta ambulante se empeñaron en reivindicar a súa figura. Hoxe ese traballo materializouse coa apertura da sede da asociación na planta baixa da Casa da Collona. Desde Évame Oroza incidiron en que se trata dun espazo aberto a todas as iniciativas culturais e convidaron a cidadanía ao acto inaugural que terá lugar este venres 27 ás 19:30h, no edificio da praza do Abanico.

No acto, ao que tamén acudiron a delegada da Xunta en Vigo Marta Fernández Tapias e o secretario da Consellería de Cultura Anxo Lorenzo, se presentaron as iniciativas que se levarán a cabo este ano para celebrar a efeméride do centenario de Carlos Oroza. Fernández Tapias anunciou que o 21 de marzo, coincidindo co día da poesía, se convocará o Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza. Este certame, de caracter bianual, contará con dous premios, cada un deles cunha remuneración en metálico de 6.000 euros, para as modalidades de libros escritos en castelán e libros escritos en galego. Ademais, os gañadores verán publicado o seu poemario de forma individual. Haberá tamén unha convocatoria para premiar á mellor iniciativa musical de divulgación da poesía. Outro dos fitos dos actos culturais con motivo do centenario é unha exposición itinerante, que comezará en Vigo e percorrerá as principais cidades galegas. ‘Oroza 100’ é o título do libro que se publicará este ano e no que participan 100 artistas, intelectuais e escritores, que aportan a súa visión do autor e as súas propias experiencias.

A Asociación Évame Oroza ten sede nun dos vinte locais que foron outorgados tras o concurso celebrado polo Consorcio Casco Vello para dinamizar o barrio histórico vigués.

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.