CANS
XERAIS

O Premio Nacional de Música Eduardo Soutullo, prato forte do Marco no Día Internacional dos Museos

O artista vigués e Premio Nacional de Música Eduardo Soutullo proxectará no Marco, por primeira vez en España, catro das súas curtametraxes polo Día Internacional dos Museos. Ademais da súa presenza, o museo olívico propón de mércores a domingo xornadas de robótica para todos os públicos e de formación para profesorado.

O 18 de maio é o Día Internacional dos Museos, e o Marco súmase a esta celebración cunha variada programación desde o mércores 15 ao propio domingo 18. Os eventos comezan o mércores cunha xuntanza de Bibliotecas, Arquivos e Centros de Documentación de Vigo, un acto reservado para profesionais do sector co obxectivo de intercambiar coñecementos e experiencias sobre as súas áreas de traballo.

O xoves ás 19:00 terá lugar o prato forte da programación: o músico vigués Eduardo Soutullo, Premio Nacional de Música 2023, conversará coa xornalista Amaia Mauleón sobre a súa obra audiovisual, que poderemos ver de xoves a domingo na Galería A3 en bucle de 11:00 a 14:30 e de 17:00 a 21:00 (domingo só de mañá). É a primeira vez que unha institución española reúne estas catro curtametraxes xuntas para a súa proxección, e varias destas pezas tamén debutan en Galicia, como é o caso da multipremiada Songs of Dead Children in Auschwitz. As outras curtas son Fons vitae: a new era for the planet (2022), Canciones para después de una revolución (2022) e A Ukranian Trojan Horse enters Russia (2023), pola que foi galardoado co amentado Premio Nacional.

O xoves 16 tamén terá lugar, no recén reformado Anexo do museo, unha xornada sobre recursos e materiais para educación infantil conducida por Ash Santos, Iria Costas e María Xosé Martínez. Segundo afirman desde o Marco, o mestrado cada vez reclama máis actividades formativas para os docentes, algo que queda demostrado pola velocidade á que se esgotaron as prazas.

REVISTA MAIO

Outra actividade que esgotou prazas a gran velocidade foi o obradoiro familiar de robótica educativa, que ten lugar dentro do programa Lumes o sábado de mañá no Anexo. O resto de actividades de Lumes, as xornadas de robótica, educación dixital e IA, son abertas ao público e terán lugar o sábado de tarde a partir das 16:30: robótica de competición, robótica aplicada, tecnoloxía e escola e IA ética e responsable.