REVISTA ABRIL

Marem Ladson: “O meu disco resume moi ben eses sentimentos tan paixonais que ten un na adolescencia”

Mentres que moitos de nós aos 20 anos aínda non tiñamos moi claro qué facer coas nosas vidas, Marem Ladson (Ourense, 1997) xa ten un disco no mercado, concertos en festivais como o Dcode, Sinsal e o Noroeste, unha carreira universitaria case rematada e unha xira programada que o próximo venres 28 de setembro parará na sala viguesa Radar. Aínda sen un recoñecemento maioritario, o disco debut e homónimo desta rapaza de pai estadounidense e nai galega promete ser unhas das revelacións musicais deste ano.

Cres que o feito de medrar en dous países como España e Estados Unidos influiu na túa música? 

Sen dúbida, formar parte de dous sitios tan distintos dáche unha visión máis global das cousas. Á hora de compoñer tamén axudoume o feito de saber inglés. As miñas familias son moi distintas e iso deume referencias culturais moi variadas.

Xa que falas do inglés, planteácheste algunha vez escribir en castelán?

Non, síntome cómoda no inglés.

Descubriches a música de Bob Dylan e Joni Mitchell moi nova. Imaxino que influiron notablemente na túa forma de compoñer.

En realidade a maior parte da música que dsecubrín de nena foi a través de internet. Pode soar atípico, xa que moitos artistas cando citan as súas influenzas soen falar dos discos que os seus pais tiñan na casa. A miña familia non é que fora demasiado musical. As miñas referencias as fun atopando eu pola miña conta en internet, algo moi millennial (risos)

Do teu disco debut destacaría a súa boa produción e o son tan persoal que ten, algo sorprendente tendo en conta a curta idade que tiñas á hora de compoñelo e gravalo.

O bo son do que falas é en parte gracias aos produtores, Brian Hunt e Juan Diego Sales, que me axudaron a gravalo a finais do ano pasado en El Invernadero (Madrid). Conseguimos darlle un pouco máis de sentido a todas as miñas cancións con arranxos algo máis elaborados.

Tamén destaca a variedade do disco. Non te atas a ningún estilo ou xénero. 

Supoño que iso se debe a que está formado por cancións que fun escribindo nestes últimos anos. Nunca sentín a presión de pecharme a nada en concreto. É un disco moi libre nese sentido. Eu penso que os discos debut de todo o mundo tenden a ser máis libres artísticamente, xa que non tes ningunha presión ou expectativa.

Lin que algunhas das cancións que escribiches fai varios anos hoxe en día non as farías igual, pero aínda así as mantés no disco. 

Claro, pero eu creo que iso sempre pasa. Cos anos evolucionas e cambias, e tamén imaxino que inflúe o feito de tocalas en directo. Podes chegar a cansarte das túas propias cancións. Pero aínda queda para iso, teño moitos concertos por diante. Moitos compositores din que teñen unha relación amor-odio con algunhas cancións antigas, pero que tamén é posible reconciliarse con elas co paso do tempo.

Entón poderiamos dicir que este álbum é como un resumo do paso da adolescencia á madurez.

Sen dúbida. Son cancións que escribín nesa etapa da miña vida, polo que resumen moi ben eses sentimentos tan paixonais que ten un na adolescencia.

É moi cedo todavía para pensar no teu próximo traballo?

Si, agora estou centrada na xira, pero si que é certo que de cara ao segundo disco xa estou compoñendo. Tampouco quero sentirme agobiada, porque senón as cancións non saen. Polo momento estou contenta de como están a ir as cousas. Temos datas pechadas de aquí a decembro e despois a idea é enlazar a xira coa tempada de festivais no verán do ano que vén.

Nestes meses tes tocado en A Coruña, Cambados e na túa cidade natal, Ourense. É a túa primeira vez en Vigo?

Si. Vigo é como unha parada obrigatoria en Galicia. Faime moita ilusión tocar este venres na Sala Radar. Ademais irei coa miña banda ao completo.

En Vigo non, pero este verán si que tocaches preto, no Festival Sinsal, na Illa de San Simón. Que tal a experiencia? 

REVISTA ABRIL

Incrible, é un festival flipante. A xente que vai, ao non mercar as entradas por un grupo en concreto, vai coa idea de ir descubrindo distintos artistas na illa. Iso para os músicos é xenial, xa que o público é moi auténtico e nótase que goza realmente da música.

A túa carreira musical aínda está a comezar, mais a universitaria (Relacións Internacionais, en Madrid) estás a piques de rematala. Como compaxinas ambas cousas? 

Non o sei nin eu (risos). Pouco a pouco. Este ano agardo rematala por fin. As veces teño que faltar a clase, por exemplo o ano pasado cando estaba a gravar o disco ou este ano coa xira. De momento non estou a ter problemas porque máis ou menos vouno xustificando. Eu creo que cando algo te gusta sempre acabas atopando a forma de compaxinalo co resto de obligacións.

(GMT+01:00) Radar Estudios

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.