O Festival Revoltallo celebra 30 anos cunha fin de semana de rock e actividades gratuítas
O Festival Revoltallo fai 30 anos de historia e celébrao os días 15, 16 e 17 de setembro en Valladares cun cartel dominado polas bandas de rock galegas e actividades para toda a familia durante o día. Todo o festival é de balde.
Música, actuacións para público de todas as idades e actividades lúdicas durante o día son só algúns dos atractivos do festival Revoltallo de Valladares, un dos máis lonxevos de Galicia,que ademais se celebra n enclave natural da Carballeira do Predregal. A súa 30º edición chega os días 15, 16 e 17 de setembro.
Os concertos comezarán o venres coa actuación de Archivo Adxunto, banda de punk rockformada por tres rapares de Murs. Seguirá sobre o escenario Lidia india, que baixará revolucións cunha “fusión na que ritmos afrobrasileiros mestúranse con estilos máis actuáis e pinceladas do folclore galego”, unha proposta orixinal, influenciada polas viaxes da cantante e compositora por América Latina.
a partir das 23:00 h soará en Valladares a música de Pauliña acompañada da súa banda, “artista, directa, sinxela, inquieta, achegada, e posuidora dunha das voces femeninas con máis carácter do panorama actual”. As súas composicións móvense entre o folclore galego, o country e o rock cunha actitude punk. Pechará a noite o grupo vigués Liska!, especialistas en poñer aos máis trasnoitadores a bailar con temas de ska e reggae. Un “exército de ventos, guitarras e voces leva como bandeira a festa comprometida” e que tamén estarán celebrando o seu décimo aniversario.
O sábado inaugurará o escenario a banda galega Suevia, un novo proxecto con composicións orixinais e son potente composto por catro mulleres. Seguirá o trash metal do quinteto Kratos e o son grave e industrial de Minos. O prato forte da noite será Ktulu, un grupo de metal fundado en Barcelona en 1986 e con nove discos ás súas costas. O seu estilo musical, con influencias da escena metálica da Bay Area californiana dos ’80, abarca o thrash metal, groove metal e industrial metal.
Ademais dos concertos da noite, o festival celebra sesións vermú ndurante a fin de semana. O sábado será con Twinpims e o domingo con Ollo, lóstrego!, ambos ás 13:00 h.
O Revoltalliño, actividades para grandes e pequenos
De xeito paralelo e en horario diurno o público familiar poderá desfrutar de actuacións como a de Tarabelos, co espectáculo de monicreques Sabela e o paxaro máxico ou o show de maxia Mago Zanas ou o de acrobacias de Asaco Circoshow. Ademais desenvolveranse obradoiros de percusión con materiais de refugallo, para aprender a tocar o theremin, a gaita, a guitarra ou a percusión brasileira. O venres ás 19:oo h a compañía de teatro travesti Marinita y sus Maromas ofrecerá unha divertida tarde de ambiente cabareteiro.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024