REVISTA ABRIL

O Festival Kerouac celebra 13 anos de poesía esta fin de semana

O Festival Kerouac, o evento de poesía, performance e música organizado por Marcos de la Fuente e Vanesa Álvarez, volve os días 19, 20 e 21 a diferentes espazos da cidade na súa 13ª edición.

Recital na praza do Abanico | Cedida

Este mércores pola mañá presentouse en El Corte Inglés, unha das sedes do evento desde hai máis dun lustro, o Festival Kerouac. Marcos de la Fuente, quen desde hai un tempo reside en Nova York, volve cada ano á súa cidade para organizar este evento de poesía, performance e música que este 2023 celebra a súa 13ª edición: “O festival empezou porque daquelas non había nada igual e Vigo necesitaba un evento así. Seguiremos facéndoo mentres a xente siga enchendo os espazos”, afirma o organizador.

Desde os seus inicios Marcos propúxose co Kerouac (que leva este nome porque se celebra no aniversario da morte do poeta estadounidense) “baixar a poesía dos pedestais e levala á rúa”. Nesta ocasión prepara tres xornadas de programación repartida na sede da Asociaicón Évame Oroza, El Corte Inglés e o Museo Marco. De la Fuente percibe que cos anos “convertíronse nunha referencia para outros festivais de poesía” malia as dificultades coas que teñen que lidiar edicións tras edición, especialmente no apartado económico. Este ano, por exemplo, perderon o apoio do Concello de Vigo, que viña sendo habitual en anteriores edicións. Sen querer dar unha cifra exacta, afirma que deben “ter un dos presupostos máis baixos de España no relativo a festivais de poesía”.

Marcos de la Fuente nun concerto do su grupo Pólvora | P. Cermeño

Programación

XOVES 19 de outubro – Casco Vello Alto, 19:30h

O festival comeza no Casco Vello Alto, na Praza do Abanico, onde se atopa a asociación cultural Évame Oroza. No centenario do poeta Carlos Oroza, o festival (que xa celebrou a Oroza na súa edición neoiorquina en maio deste ano) volve a renderlle homenaxe nun evento moi especial, con dous artistas da poesía que estrean as súas novas propostas líricas.

O rapsoda Malvares de Moscoso presenta o seu último traballo O deserto dos Leoes, un disco de hip hop en galego, producido polo músico J. CNNR desde Arteixo. Seis cancións inspiradas no traballo do poeta Mario Regueira. A poeta viguesa Oriana Méndez presenta o seu novo poemario, Chairas Sucesións, unha conversación sobre o amor onde se confunden o real e o imaxinado, e que está a piques de ser publicado pola editorial Chan de Pólvora.

VENRES 20 de outubro – El Corte Inglés, 19:30h

A segunda xornada do festival desenvólvese na sétima planta do Corte Inglés, no espazo que se atopa á beira da terraza. Alí poderemos gozar da poesía do madrileño Mario Obrero, o fenómeno poético que vén asombrando ao mundo literario do noso país. Poeta máis novo en gañar o Premio Loewe, impresiona escoitar a súa voz poética, chea de referencias e matices. O seu programa en Televisión Española Un país para leerlo levoulle a coñecer a poetas de toda a nosa xeografía, e o seu gran amor por Lorca ata Nova York en reiteradas ocasións. Recita en todos os idiomas do estado e o seu alcance lírico traspasa a páxina para namorar á audiencia. “Lorca renacido, o Rimbaud do século XXI, o Mozart da poesía”, comentou Marcos de la Fuente sobre este novísimo artista.

REVISTA ABRIL

Tradutora e filóloga, Montse Villar lerá poemas dos seus libros Sulagar o soño e Os abrazos do mar, edicións bilingües da editorial Lastura. Carmeliña García é unha poeta atípica, que se crece na declamación e a lírica oral, un ciclón no escenario que recita co corazón na boca do estómago. O poeta Alberto Avendaño, do grupo pioneiro Rompente, emigrante retornado tamén construtor de pontes, acompáñase do músico Pepe Bordallo para xogar coas cordas e as palabras, nunha revisión do seu Caosmos persoal.

SÁBADO 21 de outubro – Museo MARCO, 19:30h

No Museo MARCO reúnense a música, a poesía e a performance. Desde Barcelona viaxa Lola Nieto, poeta e performer experta en cultura oriental, especialmente no Xapón, que nos trae a súa peza Caracol, unha investigación sobre o corpo como receptáculo sonoro e gestual que se pervierte para buscar novas identidades. Desde Madrid, o literato Óscar Curieses acompáñase do músico Pablo Ramírez para presentar La poesía, si es que existe, unha improvisación escénica audiovisual que homenaxea a Machado, Whitman e Bob Dylan.