UVIGO
FILLOAS

Pauliña: «Cáeme a cara de vergonza cando oio nos bares dicir que xa non hai machismo»

Falamos con Paula Chaves Pérez, Pauliña, cantautora cambadesa de 25 anos, muller e galega ante todo. Coa súa voz forte que tira a dar, cóntanos que o primeiro deste mes sae á luz o seu novo traballo, A Malfalada, no que se deixa sentir a madurez musical. Unha proposta «moi persoal» que busca sen medo a apertura a novas fusións con sabor da música do país.

Estarás chea de ilusión polo novo traballo.

Estou. Algo abafada coa presentación, pero moi ben. Este é xa o terceiro traballo despois de De-Xeneración e un EP cun par de cancións. O bo do proceso de creación do disco novo, A Malfalada, foi ver como madurou e como puiden levalo polas liñas que eu quería. Iso paréceme fermosísimo.

Ti compós as letras e a música.

Eu compoño os meus propios temas desde os 14 anos, coa guitarra. Tamén producín os dous primeiros discos. Neste, a musicalidade e a harmonía dánllela Paco e Lolo, que son o meu produtor e o meu manager. Con De-Xeneración apostei forte, deixei o choio para facer un traballo que levamos a Madrid, a Puertollano… A Malfalada é un traballo de máis madurez no que se funden as miñas ideas e mais as de Paco para facer unha música moi diferente.

Levas o galego fóra de Galicia.

Eu fago a miña música sen prexuízos ningúns. O mesmo coa miña imaxe: rapo o pelo, cámbiolle a cor… Cando me preguntan se non cambio de idioma cando vou fóra, respondo: «Se non cambio de imaxe, como vou cambiar de idioma?». É o meu medio de expresión. Á xente que está acostumada a oír música e é consumidora de country, rock etcétera éntralle moi ben polos oídos. Por suposto que non é necesario entender absolutamente todo para que chegue. A min paréceme marabilloso transmitir para o público.

“Miña nai é o meu piar, teño bastante mamite”

Es unha cambadesa orgullosa?

Ao primeiro, na adolescencia, reneguei. Marchei para Inglaterra, despois Santiago, Vigo, A Coruña… Marchei noviña a Eastbourne, con 17 anos, porque en Cambados papábame a ansiedade. Traballei de camareira, vivía soa, saía de noite… e puiden beber un pouco da música que había. Alí mesturan o que lles é propio con outros xéneros, sen miramentos. Iso é o que trouxen. A mistura do tradicional, que me encanta, con cousas novas, frescas. Iso gústalle a todo o mundo. Desde a cativada ata a miña avoa.

A Malfalada ten un son que tira cara á sinxeleza.

As letras escribinas na época do meu regreso a Cambados. Foi unha época de reencontro comigo mesma e a saída da depresión na que estaba caendo. Peguei un chouto e compuxen un disco moi rocanroleiro no que mesmo hai unha rancheiraporque admiro moito México. Dixen en Sony Music que non quería algo moi diferente do que fose soar no escenario. Prefiro que se escoite a calidade da música e que quede un resultado que se poida transmitir no directo.

A cuberta chama moito a atención.

É un traballo que fixen con Jipi Duarte. A través de fotos e diálogo demos con isto. A día de hoxe, todo o mundo amosa o bonito e agocha o triste, o negativo. Eu quería facer precisamente o contrario, amosar tamén a miña debilidade e os meus problemas, que son a Pauliña da esquerda e a da dereita. A do medio é a da afouteza. Vivimos escravos dos seguidores nas redes, a xente xa non sabe ser real. Intento dicir que eu si o son, no escenario e fóra del. Creo que é un problema do futuro inmediato, a xente vive na ficción que se xera ao mostrar só a parte boa.

“Se non cambio de imaxe, como vou cambiar de idioma?”

Considéralo un disco feminista?

Moito. Eu son de bares e cando oio dicir que xa non existe o machismo a verdade é que me cae a cara de vergonza. Levamos máis de dez mulleres mortas no que vai de ano. Ata que non chegue o día en que ese contador pare, haberá motivo para a reivindicación, que estará sempre presente nos meus discos. Na industria da música, paréceme incrible que non haxa máis igualdade nos carteis dos festivais.

Como se presenta este 8-M?

Eu ás manifestacións do 8-M vou en representación de min mesma e é un movemento que, deixando de lado os intereses partidistas, ten que ser por e para as mulleres. Estamos na guerra máis longa da historia e dáme no nariz que aínda lle queda. Este ano é probable que vaia a Pontevedra con miña nai. Respectarei a folga de consumo e supoño que despois estaremos xuntas na casa. O certo é que miña nai é o meu piar, teño bastante mamite. Moitas das miñas cancións están dedicadas a ela.

Texto: Maruxa Gesto
Fotos: José Estévez

[ Podes ler a entrevista íntegra na revista A movida de marzo. Faite con ela de forma gratuíta nos nosos puntos de distribución ou comeza a recibila na túa casa facéndote #AMOVIDALOVER ]

(GMT+01:00)

CAMELIAS NADAL
The following two tabs change content below.

Maruxa Gesto

Últimos posts de Maruxa Gesto (ver todos)