UVIGO
FILLOAS

Villanueva: “Se estou vivo podo asegurarte que é grazas á música”

Josete Villanueva ten novo disco desde hai uns meses e este sábado 15 poderemos escoitalo por primeira vez en vivo na nosa cidade. O artista vigués subirase ao escenario da Sala Mondo xunto cos seus amigos de Maldito Murphy, que serán os encargados de abrir esta gran noite de música. Falamos con el antes desta data tan especial. Podes mercar aquí a túa entrada desde 8€.

Villanueva durante os Solpores do Museo o pasado mes de agosto | Tamara N.

Volves á túa cidade para presentar o teu último disco, Cuarto de Invitados. Que diferenzas podemos atopar respecto aos teus dous anteriores traballos?

Hai unha maior clarividencia nas letras, que falan de cousas que me pasaron no último ano, a min e a xente próxima. Ten unha compoñente máis de rock, a produción é distinta, máis rítmica. A nivel lírico son letras que falan con moita sinceridade, na maioría delas nas estrofas hai como unha catarse do que está a pasar. O retrouso dá a solución e as estrofas plantexan o problema.

Comentabas que este disco “salvouche a vida”. É para ti facer música unha forma de enfrontarte e superar os problemas?

Si. Para unha persoa que pensou en suicidarse dúas veces, imaxínate. Se estou vivo podo asegurarte que é grazas á música.

Xa que falas da compoñente más rockeira das cancións, considéraste un compositor de rock, pop, indie… ou dánche igual as estiquetas?

Dánme igual as estiquetas, si.

O xornalista musical José Manuel Sebastián reflexionaba por mor do teu último traballo sobre o talento e a sorte. Que cres que é máis importante para lograr o éxito, ou polo menos o éxito comercial?

Claro, está o éxito comercial e o persoal. Desde o punto de vista do segundo é o amor polo traballo, esa é a clave. En canto ao comercial, é unha mestura de todo. Moitas veces botámoslle a culpa á sorte, pero tamén debemos facer autocrítica. É a típica excusa de “eu xogaría no Real Madrid se non fose por unha lesión”. É un conxunto de cousas: a sorte, a picardía, saber moverse… E facer boas cancións, as cousas como son.

E ti cres que te está faltando sorte?

Nin o penso, eu a verdade é que estou a gozalo bastante. O éxito comercial para min é unha anécdota. A todos nos falta algo e, no fondo, todos estamos a vivir un bo momento.

Falabas antes da produción, o disco destaca entre outras cousas polos seus variados arranxos de ventos, teclados, sintetizadores, melódica, etc. Como van evolucionando as cancións desde a súa composición ata estar terminadas?

Eu teño un pequeno estudio na casa e alí vou gravando todas as maquetas e mesmo de cada canción fago diferentes versións. Fago como un disco de 20 ou 25 cancións e llo levo ao produtor, que é a persoa obxectiva que me axuda a escoller as definitivas. É intelixente ter en conta opinións de fóra, porque un mesmo non é obxectivo co seu propio traballo. A partir de aí traballamos máis ou menos segundo a canción. Hai temas que quedaron practicamente iguais que na maqueta, só que gravados nun estudio profesional.

E nesas maquetas gravas ti todos os instrumentos?

Si, as baterías as programo e despois para o disco xa buscamos a alguén que as humanice. O baixo, piano, teclados, guitarras, sintetizadores vouno facendo eu botándolle horas e agarimo. Como supoño que fan outros moitos compositores.

Este sábado vas compartir escenario con Maldito Murphy. Que nos podes dicir deles?

Son moi amigos meus. É un grupo que está a evolucionar moito e as súas cancións falan de cousas normais, palpables, que todos podemos entender. Sorprendeume moito o que evolucionaron neste último ano. Son un amor e teño moitas ganas de velos.

E por mor disto, como ves a escena local actual e todos os grupos novos que están a xurdir estes últimos anos?

Vigo sempre foi un referente en toda España, porque se algo ten Vigo son grupos, de todos os tipos e cores. Temos a sorte de levarnos moi ben, mesmo temos un chat en común. Hai moitísimo talento que desgrazadamente, polo que sexa, non ten a oportunidade de proxectarse cara fóra. Estaría ben que o resto do país botase unha ollada en Vigo, porque descubriría grupos moi bos.

Destacarías algúns deles?

Métesme nun compromiso (risos). Gústanme moito Basanta e Presumido.

Se non me equivoco actualmente estás a vivir no outro lado da península. Notas moita diferenza na escena musical respecto a Vigo?

Si, hai bastantes cousas distintas. En Murcia por exemplo están xurdindo moitos grupos e pasando moitas cousas, e ademais o entorno está moi a favor. As salas énchense, a xente ten ganas de música local e están orgullosos do seu veciño que toca en tal grupo. As institucións apoian máis e fan que teña maior exposición. Por outro lado, o clima fai que a maioría dos festivais de España sexan nesta zona, o que xenera moita afición.

Ademais de con banda tamén adoitas tocar ti só con guitarra, percusión e loops. Que che gusta máis ou que consideras máis complicado?

Gústanme moito as dúas, pero a verdade e que desgasta máis ir só. É un acústico no que teño que estar moi concentrado e ao que lle dedico toda a semana para ensaiar. Un ten que buscarse a vida e dentro do posible axustarse aos presupostos para levar a súa música a cantos máis sitios. Tamén teño a opción de trío, con outra guitarra e un violinista/teclista.

CAMELIAS NADAL
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.