The Soul Jacket: “No rock hai moito militantismo, pero nós temos máis inquedanzas musicais”
Calquera que teña ido a un dos seus concertos ou escoitado algún dos seus discos saberá que falar de The Soul Jacket como unha das mellores bandas de rock nacionais non é en absoluto esaxerado. De feito, definilos como unha simple banda de rock é quedarse curtos, xa que o seu estilo vai dende o soul ata o folk, pasando polo rock n roll, o blues ou o funk. Música negra de raíces viguesas. Quedamos para falar con Mauro Comesaña (batería) e Toño López (cantante) na Casa de Arriba, a escasos dez metros de Radar Estudios, lugar onde gravaron Plastic Jail, o seu último e máis ambicioso traballo.
Comezamos polo básico: por que Plastic Jail?
Mauro Comesaña: Pois moi boa pregunta, porque aínda non nola fixeron.
Toño López: Pois é un pouco polo momento no que vivimos, no que a xente créase unha máscara. Vai polo ficticio, polo irreal. E por outro lado, polo materialismo. Un pouco os grandes males da nosa sociedade.
MC: O mundo é así, é unha cárcere de plástico. (Agarra o meu móbil) É como isto, catro paredes, e a peña vive aquí dentro.
TL: É curioso, porque despois os problemas reais a xente non os afronta. O plástico é o símbolo de todo iso, é algo creado polo ser humano, que non está na natureza.
É a primeira vez que non sacades un EP entre dous discos. A que se debe isto?
MC: De primeiras iamos facer un EP de catro temas, pero Jorge [Mizer, guitarrista] comezou a sacar temas sen parar e ao final había suficientes para facer un disco. Esta vez gravamos as que son, non houbo ningún descarte.
Pero é algo que vos propoñedes, o de sacar EPs entre discos?
MC: Non levamos tanto como para que sexa unha costume, pero polo de agora cadrou así.
TL: Con Gunpowder Valley [2013] foi que tiñamos uns temas que xa levabamos un tempo tocando en directo e non estaban no disco anterior e que quizais non tiñan un oco no seguinte. Soul BBQ (2016) foi un divertimento, explorar ese rollo funk e latino.
MC: Tamén nos cadrou que tiñamos un sitio onde facelo economicamente. Esta vez non tiñamos ningún estudio dispoñible.
Tamén sorprende o paso de gravar en Guitar Town (Cantabria) con Hendrik Röver, como era habitual, a facelo aquí en Vigo en Radar Estudios con Pablo Iglesias como produtor.
MC: Foi por loxística, sobre todo. Non podiamos ir alí tanto tempo e desatender á familia ou o traballo. Foi a raíz de gravar un tema en Radar no Nadal pasado cando vimos que a sala soaba incrible, non sabiamos que soaba tan ben.
TL: Tamén buscabamos un cambio de son, algo máis contemporáneo e experimental. Sabiamos que as cancións ían levar un proceso máis longo de produción. Neste disco seguimos a mestura día a día, e iso en Santander ía ser moito máis complicado.
Que diferenzas musicais atopades entre este traballo e os anteriores?
MC: O feito de gravar foi igual aquí que alí. Pero a nivel de son, este estudio soa distinto, moito máis apretado. Á hora da mestura, cousas como efectos nas voces ou así, Pablo xa sabía ao momento o que era. Hendrik é de gravar todo moito máis natural, e niso é un maestro, pero non é moi amigo dos efectos e de apretar frecuencias. Ambos produtores deixáronos facer.
Cuan preparadas levades as cancións antes de entrar ao estudio?
MC: Depende. Había temas que o día anterior aínda os estabamos repasando no local.
TL: Foi a combinación de dous factores: había tres ou catro temas que levabamos meses tocando en directo, algo pouco habitual en nós, polo que ao chegar ao estudio saíron como unha frecha. E outros todo o contrario, como dicía Mauro. Houbo esa mestura entre frescura e traballo feito.
Chámame a atención do novo disco algúns temas máis breves, lixeiros e directos respecto aos anteriores.
MC: Esa era a idea, facer temas máis curtos e directos. Non tiña sentido facer un disco curto e despois meterlle unha de dez minutos.
TL: Agora mesmo, co disco xa na rúa, a xente di que lle recorda ao noso primeiro traballo, Wood Mama [2012], por eses temas máis inmediatos e de rock n roll. É un disco máis inglés que americano. Volvemos ás nosas raíces pero con máis calidade.
MC: Tamén é verdade que o outro día na presentación do disco en Ponteareas collimos os temas e os alongamos, é inevitable (risos).
Diciades que facedes temas de todo tipo: rock n roll, funk, soul, baladas…
TL: Non, baladas non poñas.
MC: Baladas fai Sergio Dalma (risos).
Bueno, medios tempos. Pode dicirse que o voso estilo é non ter un só estilo concreto?
MC: É non atarse a nada porque iso é aburrido. Entendo que para unha banda facer sempre o mesmo mercantilmente é útil porque te sitúa no mercado. Pero todos nós temos máis inquedanzas musicais. No rock hai moito militantismo, tipo “a min só me gusta o punk rock!”. Pois vale, ben por ti. A nós gústanos todo e explorámolo todo, e ademais é unha forma de aprender.
TL: Todo son pólas dunha mesma árbore. A raíz está no blues. É coller a súa historia, ir escollendo pequenos anacos e facelos teus. Os ingredientes están aí, pero dependendo da proporción consegues un resultado diferente.
Noto nalgunhas canción, como Plastic Jail, unha forte influencia de grupos como The Beatles.
MC: Si, ese tema é de Jorge ao cen por cen. Pero si, buscabamos unha coda dese estilo, aí o cravaches.
TL: Hai máis detalles no disco de música inglesa e dos Beatles, por suposto. Os Beatles son unha influencia innegable, pero tamén nos discos anteriores hai pinceladas deles. Quen non recoñeza aos Beatles é que non ten nin puta idea.
MC: Bueno, a Jann [Zerega, baixista] non lle gustan (risos). Que se foda!
O sábado pasado presentastes o disco no JJ Copas de Ponteareas. Poderemos escoitalo en directo proximamente en Vigo?
TL: Ata a volta do Nadal nada… Ao final alongouse todo un pouco. Preferimos agardar e facelo despois. Non temos a presión de produtoras ou do mercado, así que preferimos facelo máis tarde.
MC: Todo está cadrando bastante ben: o disco saíu agora que é cando todo o mundo estrea, o vinilo chegará para o Nadal, a xira comezará a principios do ano que vén… Non hai presa.
TL: Eu sempre digo que somos artesáns, por como facemos as cancións e por como as movemos no mercado. Ao non ter esa maquinaria detrás, é imposible que saquemos un tema e ao día seguinte estea soando na radio.
MC: Pasamos de pagarlle 2000€ a un tipo para que ao día seguinte de sacar o disco xa estea soando na radio. É así como funciona. É un desencanto pero é como é.
Outra das cousas que destacaría do voso son é a capacidade que tedes de medirvos ou controlarvos á hora de tocar, xa que sodes seis na banda e todos sabedes cando tocar e cando non.
TL: Nós temos claro que hai que tocar para a canción. O tema vaite dicindo o que precisa: máis ou menos intensidade, máis ou menos instrumentación… Eu como cantante non soporto aos que cantan todo o tempo, é algo que me quita de quicio. Se a canción pide un momento instrumental pois eu voume a un segundo plano e toco percusión, por exemplo. Hai que baixar os egos e entender que o primeiro é a canción.
MC: É moi difícil que coincidan seis persoas coma nós. Hai xente moi boa por aí pero moi pesada, queren demasiado protagonismo. Un cantante que é capaz de non cantar nunha parte instrumental de máis de tres minutos é ouro puro. E o mesmo cos guitarristas. Nese aspecto temos moita sorte.
TL: É algo que se busca e se contaxia. “Menos é máis”, é unha frase moi recurrente.
E por se erades poucos, engadides ás vosas cancións instrumentos como o saxofón, harmónica ou percusión.
TL: É o bo de facelo na casa, que podes tirar de xente que sabes que funciona. Coñecémonos todos e sabes exactamente con quen falar para conseguir algo en concreto. Sabiamos que todos ese arranxos ían enriquecer os temas. Os metais en Rainbow Pills ou Everybody Runs danlle unha forza que non conseguirías nin con sete guitarras. Foi un plus que ten este disco que non teñen outros.
Neste disco seguimos atopando letras que van desde o amor á loita social.
TL: O tema da composición nas letras levámolo Mauro e eu, e o bo é que facemos un tándem un pouco contraposto: eu son máis visceral, de falar do que sucede ao meu redor, do que vexo na sociedade… En Better Days Are Coming falo da miña paternidade deste ano, por exemplo. As letras de Mauro son letras máis cinematográficas, de contar historias. Segundo o que pida o tema fai a letra un ou outro. Somos como as dúas cara dunha moeda.
Xa contades con máis de medio centenar de cancións, polo que imaxino que cada vez será máis difícil facer a lista para cada concerto. Como o facedes?
MC: Sobre todo evitando o tedio. Cada vez énos máis difícil tocar unha mesma canción todo o verán, entón antes de que nos canse pois a quitamos, a modificamos ou rescatamos unha antiga e a cambiamos, que é algo que cada vez facemos máis.
TL: Tocar un tema tal cal o gravaches fai 8 anos… ti xa non es o mesmo. E a canción tampouco.
MC: Pero cambiala de verdade. Neste caso, estes próximos concertos van ser máis directos, con temas máis curtos e potentes. O outro día tocamos oito cancións do novo disco, de dez que ten. Co anterior, que era máis contemplativo, non podiamos facer iso porque nun concerto non te vas a poñer a dar a turra.
TL: A medida que vas tocando as cancións van cambiando e xa vas vendo. Unhas cáense, outras permanecen. O noso directo vai mutando. Hai cancións que se desgastan elas soas, e ves que perden intensidade. Antes de tocar unha canción mecanicamente quitámola do repertorio e metemos outra. Como dis, hai cancións de sobra.
Nunca vos pasou, cansarvos dunha canción de tanto tocala?
TL: Si… bueno, as deixamos antes de acabar queimados dela. Deixámolas descansar durante meses e despois as retomamos, ou non. Non temos ningún tipo de mágoa por deixar de tocar un tema. Pasounos con Big Chief [do seu anterior disco, Untitled], que era o gran colofón final dos concertos. Chegou un momento que xa nos cansaba. Imaxina un verán enteiro tocando a mesa canción… non quero imaxinarme un artista que fai o mesmo durante 30 anos. Se algún día chegamos a iso non sei como coño imos facer (risos)
MC: Pasando (risos)
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Revista de Nadal: A cultura a exame - 5 Decembro, 2024
- A cultura de Vigo a exame - 3 Decembro, 2024
- O libro que demostra que os anos 80 en Galicia foron moito máis que a Movida Viguesa - 29 Novembro, 2024
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024