ASNEVES
REVISTA MAIO

Santi Araújo: “Non me apatece contar historias, xa bastante teño con entenderme”

Santi Araújo (Ponteareas, 1983) mostra ao falar unha mestura entre humildade e confianza en si mesmo moi pouco habitual no mundo da música. Unha actitude de quen non ten nada que demostrar pero si moito por mostrar. Tras a súa etapa en La Familia, Araújo entrou nun longo periodo de barbeito que, unha vez finalizado, deu unha gran colleita chamada Catedral. Un EP de cinco cancións cun son moi coidado e intimista, no que se apreza o agarimo e a profesionalidade do seu autor. Falamos con el antes do seu concerto de presentación na Fábrica de Chocolate deste sábado 6.

Santi Araújo nunha foto promocional de Catedral | Ernie Producciones

Este sábado presentas en Vigo o teu EP Catedral, o teu primeiro traballo en solitario. Como decides embarcarte nesta aventura?

Pois non decidíndoo, a verdade. Eu levaba 5 ou 6 anos sen facer cancións. Os artistas que estamos entre dúas augas, que tocamos por aí pero non vivimos diso nos enfrontamos a moitos espellos que nos poden desviar do verdadeiro motivo polo que facemos cancións. O planeta Terra vai seguir xirando aínda que eu non faga cancións, o que precisa facelas son eu. Nun momento de catarse volveron aparecer como un volcán que vai collendo forza e acaba por explotar. Pasei de non facer unha canción en anos a facer dúas ao día durante mes e medio. Era a única maneira que eu tiña de psicoanalizarme, de atoparme un pouco mellor. Decateime do importante que era a música para min e que pase o que pase na miña vida, sempre vai estar aí.

E así naceu Catedral, entendo.

Ao ver todas esas cancións rematadas sentín unha especie de responsabilidade de facer algo con elas, de levalas ata algún punto. Se saíron será por algo. Falei con Raúl Quílez, que era a persoa idónea para darlle forma a isto, e todo saíu dunha maneira moi natural. Paso a paso. Eu non esperaba estar falando contigo hoxe, nin que todas estas cousas estiveran a acontecer. En ningún momento dixen “Santi quere volver á escena”. Nanai. Facer un disco ten cousas que dan moita pereza e moito traballo, como podes imaxinar. Non foi unha decisión consciente.

Fálame de La Familia.

La Familia era un proxecto un pouco estraño porque eran as miñas cancións presentadas detrás dunha banda. Era unha maneira de compartilas, pero á vez estaban agochadas. Eran cancións moi persoais e integramente escritas por min. Entre este e outro proxecto acabei alonxándome do motivo polo cal eu facía cancións.

“Non vivo da música, e iso pode ser un alivio.”

Ti te consideras un artista indie?

É que como non sei o que é ser indie xa, pois non podería responder. Eu só sei que son un tipo que fai cancións porque lle fai ben e que de momento non vive da música, e que incluso por momentos iso pode ser un alivio. Non sei se mola vivir da música, igual si ou igual non. Eu non o sei porque non me aconteceu. Pero en certo modo penso que ao ter un traballo fóra da música o meu achegamento á música é puramente artístico e terapéutico, non mercantil. Desta forma mimo moito máis o que fago. Só preciso sentirme ben comigo mesmo e verme nun disco e recoñecerme.

Polo que entendo, compós por puro egoísmo, por e para ti.

O punto de partida é ese, pero evidentemente ten unha cara B, porque senón as gravaría só para min. Eu creo que as cousas cando se comparten son mellores. Para min compoñer é un proceso místico, case ancestral, no que a música sae non sabes moi ben como. Tes que deixarte levar e romper con moitos prexuízos. Eu sinto unha certa obriga de compartilas. É como cando falas cun amigo do que tes na cabeza e ao verbalizalo ves as cousas doutra forma.

Comentabas que despois de anos sen compoñer nada, comezaron a saír decenas e decenas de cancións. Como decides finalmente sacar un EP de só 5 temas?

Agora estou metido de novo facendo moitas cancións moi dispares. Que sexan só cinco ten varias respostas. A primeira é que buscaba a máxima sofisticación, non achicalas. En La Familia pasou porque era un proxecto moito máis humilde e entre amigos, con todas as limitacións que iso supón. Aquí quería que as cancións mandaran, e buscamos as cinco que mellor casaran entre si. Non ten sentido meter de máis cando non hai un fío condutor. Ás veces menos é máis. É un disco gravado nun estudio moi profesional e cuns músicos moi profesionais, foi a miña primeira vez a ese nivel. Foi unha aposta difícil, pero creo que é unha carta de presentación coherente e coidada. Agora estou perfilando o que será o próximo disco e estou no mesmo punto, con moitas cancións e centrándome nalgunhas.

Ademais destas cancións, Catedral vén acompañado de varios videoclips e dun vídeo de 8 minutos no que explicas a orixe de cada tema. Nótase que lle estás poñendo moita paixón a este proxecto.

Hoxe en día os conceptos de videoclip e de disco son moi abstractos. Para min é como ir ao psicólogo, se eu me minto nas cancións non vou a ningunha parte. Polo tanto, era difícil defender iso con videoclips moi de postureo, do tipo eu tocando cunha guitarra desenchufada nunha roca en Baiona, con gafas de sol e camiseta de tirantes. Quería regalarme os videoclips para min, e que os propios vídeos foran unha experiencia en si mesma. No de Vencejos entérranme literalmente, aínda que coa música poida parecer ficcionado. Foi das cousas máis intensas da miña vida. A sensación de abafo foi real. Aínda que o videoclip fose unha merda, o acto en si xa valía máis que os likes e as visitas.

Catedral é un traballo moi intimista que fala sobre a túa vida e as túas inquedanzas. É doado exteriorizar eses sentimentos tan persoais e plasmalos nun disco?

Si. Algunha xente achegada a min dicíame que me estaba a expoñer demasiado. Pero como dicía, non o fago conscientemente e as cancións son para min, non me podo enganar. Eu non podo facerlle unha canción a unha rapaza do Carrefour que non coñezo. Non son Sabina. Non me apatece contar historias, xa bastante teño con entenderme. Axúdame a crer máis en min.

“Estou a descubrir que hai xente á que non coñezo que vén a vernos”

A pasada fin de semana estiveches presentando o teu EP en Madrid. Que tal foi a acollida?

Pois moi guai. Estou a descubrir que hai xente á que non coñezo que vén a vernos. É algo que me fai moi feliz porque non estaba nas miñas expectativas. Non deixo de ser un rapaz de Ponteareas, totalmente descoñecido e cun só disco. Por outra parte iso é bo porque é bastante liberador, non tes nada que demostrar. Pensamos que non iría ninguén e todos quedamos moi sorprendidos ao ver que foi moita xente á sala, moi contentos co disco, pedíndome que os asinara… A mesma sensación nos Concertos de Radio3, a xente se sabía as cancións, todos en silencio… O disco está conseguindo conectar coa xente. Eu son o primeiro sorprendido.

Tamén podemos verte no cartel do PortAmérica acompañado por outros artistas locais como Presumido ou Pablo Lesuit, ademais doutros de talla mundial como Madness ou Calamaro. Que se sinte ao estar nun dos festivais máis importantes de Galicia?

Xa che direi (risos). Mola, como non vai molar? Mola compartir isto co máximo número de xente posible. Pero xa che digo, concertos que pensas que van ser unha merda son incribles e viceversa. Os concertos tamén se fan co público. Ultimamente teño levado sorpresas moi boas, pero xa che direi en xullo que tal foi. Poder ver a Madness é xenial, eu era súper fan. Lémbrome de rapaz de mercar un disco deles en Santiago porque non me chegaba o diñeiro para outra cousa.

Que plans tes a curto prazo? Supoño que disco e xira.

Si. Nos próximos meses teño moitos concertos e teño unha banda da que estou totalmente namorado. Penso que todos o estamos. Coincidimos seis persoas que estamos no mesmo proceso. Nunca me sentira tan ben tocando, aínda que supoño que é algo que se di sempre. Pero neste caso é totalmente real. Un dos puntos clave é seguir facendo grupo e seguir afianzándonos. Nos directos estamos aproveitando para tocar cancións novas, unhas seis ou sete. Seguir facendo cancións e sobre todo seguir gozando, non esquecerme de por que fago isto.

(GMT+01:00) La Fábrica de Chocolate

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.