CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

O amor nos tempos do cole

«Xa botaches mozo?», «e de noivas que tal?». Parecen preguntas inocentes cando llas dicimos á rapazada de parvulario. Seguramente as intencións non sexan malas, pero a cativada desas idades non entenden de picarescas. Queres saber o que provocan estas preguntas nos seus caletres? Os pequerrechos interactúan indistintamente do xénero. Dálles igual se son nenos ou nenas, só pensan en brincar, correr, gabear… con semellantes. Non interpretan o amor romántico tal e como o facemos na vida adulta, nin falta lles fai.

CAMELIAS NADAL

Se a un cativo lle preguntamos se ten ou non parella ou, peor aínda, cantas parellas ten, estamos alterando a forma natural de relacionarse, porque acabará entendendo que só pode establecer amizade con persoas coas que comparta xénero, namentres que o resto serán potenciais parellas, impedindo unha base de relacións saudables. Estamos ensinando erroneamente a diferenciar, a insinuar ao que debe aspirar, a valorarse polo feito de gustarlle ao resto, a coleccionar conquistas e pretendentes.

Pode ser que, remedando o mundo adulto, digan que teñen parella. Isto só quere dicir que se levan mellor con alguén ou que lles gusta máis xogar cunha nena ou cun neno que co resto. Que ten máis afinidade. Nada que ver co que entendemos como amor. Temos a manía de adiantar etapas innecesariamente. Os petises teñen que voar en naves espaciais, baixar ás profundidades do océano, meterse na boca dun dragón, convivir con dinosauros e converterse en superguerreiros ou superheroínas. Xa virán tempos de amores e desamores. Entrementres podemos construír para eles un mundo libre e equilibrado, sen a necesidade de seguir padróns de conduta que non lles corresponden.

Lourdes Tomé
Redactora

The following two tabs change content below.
Educadora Infantil e Educadora Certificada en Disciplina Positiva pola Asociación Española e Americana. É ademais nai de dous pequenos que, segundo di, son os que a fan medrar e aprender cada día. Encántalle a natureza e viaxar aínda que a súa maior paixón son os nenos e a infancia como demostra no seu blog Little Scaler, onde aposta pola crianza respectuosa e amosa que criar sen berros e sen castigos e posible.