CAMELIAS MASCOTAS

Noemi Chantada, Antón Veiga e David Fidalgo: tres directores galegos no VIIFF

O Festival de Cine Inclusivo segue a apostar polo talento autóctono, neste caso incluíndo no bloque de curtas de ficción (sábado ás 18h no Auditorio Municipal )o traballo de tres directores galegos: Noemi Chantada, coa que falamos hai unhas semanas tras arrasar no Festival de Cans con Xoves de Comadres; Antón Veiga, co que contactamos antes da pandemia mentres filmaba a súa curta Para sempre, Malévich no Porriño; e David Fidalgo, co que aínda non falaramos pero a súa obra si que está a dar moito que falar: nominado aos Goya coa curta Homomaquia, gañador do Mestre Mateo e premiado en lugares como o Primavera do Cine, Málaga, Cans, Madrid, Castellón, Zaragoza, Burgos ou Romanía. Como novidade, neste caso serán eles mesmos os que se pregunten entre si para coñecer máis en profundidade tanto as súas obras como o artista que hai detrás delas.

Antón Veiga, Noemi Chantada e David Fidalgo | Fotos: Mateo H. Soto, P. Vázquez e P. Cermeño

David a Noemi: Xoves de comadres é unha historia que se desenvolve dunha maneira moi orgánica cunha naturalidade do cotián moi presente, gustaríame saber, tentando que non aparezan spoiler, como é ese momento no que decides que a curtametraxe ten que terminar así e non doutra maneira? Sería moi fácil que se alongara e non o fai, o cal para min é un acerto.

A verdade é que, neste caso, é unha decisión xa de guion, así que supoño que nace de forma orgánica coa historia. Se teño que darlle unha volta ao por que diría que é porque Xoves de Comadres xorde como un relato de sororidade e coidado, dalgunha forma, positivo, así que creo que é o final que merecen Aurora e Mari.

Noemi a Antón: Que traballos cinematográficos destacarías dos últimos tres anos? Que soñabas ser de neno?

De seguro que non van ser os que destacaría ningún creador de certame de curtas que aspire a algo neste mundillo. Pero ben, sempre fun un chisco suicida nestas cousas. Van tres pelis que, curiosamente, son todas do mesmo ano:
Mandy (2018). A peli de Panos Cosmatos ten unha fotografía incrible. Tolísima, saturada, case a podes escoitar se ves a peli sen audio (fíxeno, recoméndollo a todo o mundo, só con subtítulos).
– Spider-Man: Into the Spider-Verse (2018): As roturas de cuarta parede. A estructura narrativa robusta. O xeito de facer animación que tende pontes entre todo tipo de públicos. Se non fosen debuxos e non tratase dun superheroe, estudiariase nas escolas.
High Life (2018): Non todo o mundo atura o ritmo da película de Claire Denis. Pero non sei se é por ser pai ou por que pero logrou tragarme como un buraco negro. No seu primeiro visionado, é unha obra que recomendo a todo o mundo. Pode que algo dela teña que ver cos ritmos de Malèvich.

Sobre a segunda pregunta, nisto sempre fun un tipo raro (jo, se únicamente o fose niso…). En 8º de EGB (2º da ESO para os millenials) tiven claro que quería ser creativo publicitario. Era bo nalgunhas cousas (matemáticas, literatura…) pero se nalgo notaba que destacaba, era na imaxinación. E decidín que se tiña que tirar proveito profesional diso, precisaba unha profesión con esa base. Podería ter tentado ser escritor, pero as clases de literatura deixaronme claro que, na meirande parte dos casos, esa xente vendía cando xa morreran. E eu non tiña pensado ter que morrer como xeito de ter cartos para vivir. Curiosamente, tras ser director de proxectos web, redactor de tv, guionista, creador de formatos, director de programas de televisión, humorista, técnico de son, e mesmo mordomo; ao final, hoxe en día, son o director creativo dunha axencia de publicidade, Elemental Chefs. Así que xa sabedes, nenos e nenas, os soños poden cumprirse. Tede coidado!

Antón a David: É parte do voso plan de dominación mundial gañar todos os premios do mundo? Non vos chega co Goya e o Mestre Mateo? Acaparadores! Dito isto con moita admiración. E un chisco de envexa.

O plan de dominación mundial está aí pero non será polos premios, que non gañei tantos eh, as redes sociais agrandan moito as cousas. O Goya non o conseguín gañar e non pasa nada por gañalo algunha vez, hai suficientes.

Dito isto os premios non son importantes, están guai, pero para min o premio é poder seguir producindo as miñas obras sen preocuparme de nada máis, economicamente falando, e estes premios non o solucionan. Nin sequera estar presente en mil festivais, debido a que participamos nun circulo estraño onde os curtametraxistas non cobramos polo noso traballo: os festivais deberían pagarnos por proxectar, quizais quitando os cartos dos premios e repartindo entre as curtametraxes seleccionadas. O premio sería estar no festival e así quitar a competición absurda entre nós, esa é, para min, a única e verdadeira forma de apoiar á curtametraxe e de crear cultura. Proxectar simplemente non vale de nada, volves a casa coas mans baleiras e pásalas canutas para seguir producindo. Se todos entendemos que a xente ten que cobrar polo seu traballo, porqué o curtametraxista non? Como dixo Agnés Varda ao recibir premio Donostia: ’’Preferiría que me desen cartos no canto de premios’’.

David a Antón: Para sempre, Malévich é un título con moita presenza e poética, diría eu. Poderías falarme sobre a decisión de que este sexa o título e sobre a metáfora que establece coa curtametraxe?

O título da curta ten truco, e ademáis, é un spoiler. A curta, adapta os relatos do libro Galería de Saldos do escritor Diego Giráldez. E o relato do libro que adaptamos, remata precisamente con esa frase: “Para sempre, Malévich”. Calquera que lise o libro de Xerais saberá por que digo que é un spoiler.

Tan pronto rematei de ler aquel primeiro relato no 2016, tiven claro que quería levalo a imaxes. Adaptar un material doutro autor é, por un lado, algo que impón respecto. Pero, por outro, para un creativo coma min, é unha bendición. Non existe o risco do folio en branco nin quedar sen ideas, por que todo está na obra orixinal que adaptas. Logo, tes toda a liberdade para coller, retorcer ou modificar o universo do que partes. Eu fíxeno, modifiquei á protagonista, mesturei personaxes dun e doutro relato, fixen chiscadelas e bromas internas que só pode pillar quen coñeza as dúas obras… Pero todo, desde a tranquilidade dun colchón ben bonito que era o libro orixinal. Por certo, do mesmo xeito que no relato, o título non aparece na curta ata o final. E iso tamén foi unha decisión consciente. Non queriamos que houbera ningunha rotura inicial entre o espectador e a obra. Que a historia comezase e non te sacase da narración ata o final. E entón, en braille, aí aparece o título, sobre a música de Eladio Santos. E un xa pode quedar máis que contento para ser a súa ópera prima.

Antón a Noemi: Xa pasaron anos desde que traballamos xuntos naqueles spots de Bodegas Gallegas. Cómo se sobrevive no audiovisual, e máis sacando tempo para proxectos non comerciais?

A pregunta podo entendela desde o punto de vista económico ou emocional, pero creo que en ambos os casos a resposta é “con agarimo”. Neste momento en Islandia Producións facemos traballos de moitos tipos, algúns son menos estimulantes a nivel artístico, pero aliméntannos e axúdannos a seguir adiante, e decidimos destinar unha parte do seu capital para outros que non teñen un beneficio tan visible, pero que son historias importantes para nós, impúlsannos doutra forma. Buscamos un equilibrio entre ambas as formas.

REVISTA NOVEMBRO

Noemi a David: Que che inspira fóra do audiovisual? A que che dedicarías se non dirixises?

Pois quitando o mundo audiovisual, vou dicir que o mundo do cómic independente e o da arte contemporánea. Veño de Belas Artes, polo que a parte visual e conceptual das obras interésame moito, así que ir a exposicións e ter unha boa rede en Instagram é algo importante para min, mantenche nun estado de conexión constante, é moi enriquecedor.

Seguramente tiraría pola publicidade e concretamente de creativo, paréceme que pode ser algo moi dinámico, estresante e divertido. Pero tamén me tira moito a cociña, ou sexa que nunca descartaría ser cociñeiro.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.