CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

Noemí Chantada: «Talvez haxa que abordar os temas de maneira menos morbosa»

Quedei con Noemí Chantada (Vigo, 1982) no Café Uf, que por fin volveu abrir. Sentamos ao fondo do primeiro andar aproveitando unhas raiolas de sol. Ao son dunha música cubana, casualmente acaida, pois a directora estivo algún tempo vivindo na illa caribeña, onde acudiu á Escuela Internacional de Cine y Televisión de San Antonio de los Baños (EICTV), experiencia que adeixou marcada. A sensibilidade que ten esta cineasta nos seus filmes, mais tamén na súa fala, tan firme como pausada.

A túa curtametraxe Xoves de Comadres recibiu moitísimos premios, coma o Mestre Mateo. Esperabas tal éxito?

Para nada, é un traballo moi persoal, a miña nai é coidadora e eu quería reivindicar ese traballo. De feito, cando o rematei deille un visionamento e pensei que igual non resultaba moi entendible para a xente que non estivese relacionada co mundo da xeriatría, e moito menos fóra de Galicia. Fun a primeira sorprendida pola chamado do Festival de Málaga. Houbo xente que me escribiu ou se achegou a min comentándome que a curta lles recordaba ás súas propias avoas e caín na conta de que o cariño é algo máis persoal do que eu pensaba.

Talvez parte dese éxito radica en que é un tema que precisaba ser tratado, non che parece?

Exemplos xa había, pois a xente maior xa aparecía noutras historias. Das cousas que máis se destacaron da peza é que se trata dun traballo sutil, pois non pretende amosegar na ferida, a idea era retratar o tema dunha forma moi digna. Igual iso é o que fai falta: abordar os temas de maneira menos morbosa e sensacionalista, buscando menos que se bote a lagrimiña.

Esta foi a túa primeira incursión na ficción. Quedarás neste eido ou logo volverás ao terreo do documental?

Non o sei, porque non é unha cousa que decida previamente. O que me interesa é a historia e logo busco a forma de sacala. De feito, Xoves de Comadres ía ser un documental, botei un par de semanas nunha residencia con persoas con inicios de Alzhéimer, e tanto as profesionais que traballaban alí como eu mesma démonos conta de que ía ser bastante prexudicial para unha persoa que se atopase nesa situación meter un equipo de traballo na súa vivenda. Dándolle unha volta, decidimos levar todo iso a ficción. Pero unha ficción limpa, con poucos artificios, porque era como me sentía máis cómoda ao vir de traballar en clave de documental. Ao inicio da curta non sabes se o que estás mirando é realidade ou ficción; cando aparece a coidadora empezas a ser consciente de que aquilo non é real.

En que momento decidiches que te querías dedicar ao cine?

Nin agora o sei. O que me gusta é contar historias. Contar cousas que de momento foron filmadas, cando era cativa escribía moito e cando estou en confianza falo de ti a ti. Non sei se de verdade son cineasta. Penso que me vén grande o vocábulo. O que me gusta é contar como poida.

Despois dunha tempada como traballadora no sector audiovisual, fundas Islandia Producciones canda Óscar Pardo. Por que deches este paso?

Levabamos máis de trece anos facendo traballos para outra xente, cousa que está ben, pero chegou o momento en que nos apetecía contar cousas de xeito máis persoal e traballar á nosa maneira.

Como foi ese camiño?

Moi guai. Traballamos arreo, porque ser autónomos é unha tolemia, pero iso tamén ten vantaxes: poder definir as pautas de como queres facer un traballo fai que te poidas rodear de xente coa que estás a gusto. Neste sector é moi difícil delimitar os límites entre a vida persoal da profesional, porque se lle dedican ao choio moitas horas, fins de semana, sacrifícanse vacacións… Así que é básico sentirte plenamente cómoda co que fas, sabendo que podes dicir o que queiras porque estás na casa.

Este mes arrancan varios festivais de cine pola contorna. Parece un bo síntoma…

Agora mesmo Galicia é un territorio de referencia no audiovisual. É un sector que nos está representando, ademais en formatos diferentes. Desde traballos vangardistas e experimentais ata filmes e series máis comerciais que se están movendo en plataformas por todo o mundo. É unha forma de identidade que merece ser valorada. Penso que os festivais axudaron un mundo a que se puidese xerar esta escola da que agora están saíndo traballos que están percorrendo o mundo.

Como é vivir do audiovisual?

Reivindico unha forma de traballar con orzamentos máis grandes. E iso, ás veces, ten que saír das administracións. Non estou chorando por cartos, non penso que o audiovisual teña que vivir da subvención, pero si que creo que debería estar respaldado por medidas de axuda á cultura que non sempre se dan. Para que o público vaia ás salas hai que poñerllo fácil e non sempre o é. Así que non, vivir do audiovisual non é sinxelo, e menos dun audiovisual máis pequeno. As produtoras máis grandes teñen formas máis industriais, pero o cine pequeno tamén existe, tamén representa e tamén precisa respaldo para saír adiante.

Está a mudar na sociedade galega a percepción do audiovisual de noso?

Sinto que ese prexuízo xa non existe, porque hai cine de todos os tipos. Desde cine máis intimista, ata cinema de acción ou de terror. Hai un pouco de todo. Ao haber máis oferta, creo que hoxe hai menos posibilidades de que alguén diga que non lle gusta o cinema galego, pois non hai un só cinema galego, hai moita máis variedade que noutrora.

Como é ser muller no audiovisual, porque non hai moitas, ou?

Non, non hai. Supón ter orzamentos máis pequenos e verte limitada á hora de contar certas historias, porque vas ter que facelo desde a precariedade na maioría dos casos. Alén diso, nunca ninguén me vetou por ser muller, aínda que si que se sorprenden e miran o teu traballo con lupa. O noso labor é demostrar que o podemos facer exactamente igual que calquera.

Antes de iniciar as gravacións, aproxímaste moito ás persoas que queres retratar. Non resulta emocionalmente esgotador?

Fágoo así porque non sei facelo doutra maneira. Se quero retratar unha historia que conte unha forma de vida que non teña que ver coa miña é necesario achegarse. Nunca conseguirás saber ao cen por cento como se sente a persoa, pero se non te achegas quedas na primeira capa da cebola. Si que esgota. Nas investigacións dos traballos que temos levo chorado a mares, pero tamén é a parte que máis me gusta, con moita diferenza.

Foto: P. Vázquez

O documental A muller invisible, onde retratasmulleres da prostitución, non foi particularmente difícil atopar testemuñas que se puxesen ante a cámara?

Achegueime a Médicos do Mundo, que en en Vigo que teñen un grupo dedicado a tratar a prostitución; comenteilles o que quería facer e empecei acompañalos nas saídas. Esas mulleres, de entrada, dicían que estaban ben e que o facían porque querían, pero se conversabas con elas un anaco axiña vías outras cousas. Sacaban unha foto dos fillos ou da familia á que levaban moito tempo sen ver e caías na conta de que o relato que de primeiras che contaban non tiña nada que ver cos sentimentos que gardaban. Ao final botei dous anos sen rodar, saíndo con eses médicos, e eu mesma fíxenme voluntaria. Con iso xa me chegaba, porque eu pretendía achegarme a unha historia para poder comprendela e así xa o estaba a facer. Logo, pasado un tempo, pensei que o relato que esa mulleres me contaban era necesario que o coñecese máis xente. Empecei por falar do tema coas rapazas coas que tiña un pouco máis de confianza, e moitas dicíanme que non lles importaba que rexistrase as súas voces cunha gravadora, pero non querían que se lles vise o rostro. A idea que eu quería plasmar era que non teñen nada do que avergonzarse; invisibilizalas sería ir en contra desa idea. Decidín esperar, ata que un día apareceu Luísa que, cunha visión parecida á miña, dixo que si.

Cal foi a reacción desas mulleres ao veren o documental?

Fixemos varios pases en Médicos do Mundo e a reacción case sempre era que a peza tiña que resultar máis crúa, que pasan cousas máis duras do que se vía aí. O que me gustou foi que se sentisen tan representadas como respectadas.

E cal foi a reacción da túa nai ao ver Xoves de Comadres?

CAMELIAS NADAL

Un pouco a mesma. Dicíame que ás veces sufrían máis do que se vía aí, pero tamén lle gustou sentirse representada. Había unha cousa que me sorprendía sempre que a acompañaba a traballar: a tenrura que tiña coas persoas ás que atendía. Nun ambiente que ás veces pode resultar hostil, con persoas que non queren ser coidada, que queren ser independentes, ás que lles custa moito pensar que precisan axuda… e as coidadora séguenlles tendendo a man. Penso que é vital, porque é a maneira de que non se degrade o derradeiros grao de dignidade. Para calquera persoa ten que ser moi duro e difícil, despois de toda unha vida, asumir que nos teñen que bañar, limpar, dar de comer… Procuremos ter en conta todo iso, que non se perda a calidade humana.

Tamara Novoa
Redactora xefa

Pablo Vázquez
Fotógrafo

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.