Muga Dojang, o círculo das artes marciais
Hana, dul, set… Desde este mes de santos, na cidade deportiva do Círculo Mercantil de Vigo séntese falar en coreano. Isto é grazas á chegada de Muga Dojang, unha escola de taekwondo e outras artes marciais que Alberto Neira abriu en 2017 na avenida de Balaídos, e que agora se acaba de trasladar á estrada das Plantas.
Taekwondo non é o único que se practica sobre o tatami de Muga Dojang. Ademais do deporte olímpico, Neira imparte clases doutras dúas disciplinas de artes marciais coreanas: Hapkido Jin Jung Kwan e Haidong Gumdo, ambas as dúas en exclusiva na nosa provincia. A primeira é un estilo de defensa persoal que ten aplicación na defensa persoal e que procura a rapidez e a efectividade. «É un arte marcial moi eficiente, utilizado por forzas de seguridade como os SWAT de Corea do Sur», explica o mestre. A segunda é a arte da loita con espada coreana, similar en forma e medidas ás coñecidas catanas xaponesas, inspirada nas antigas técnicas utilizadas nos campos de batalla; nesta disciplina si que entra en xogo unha compoñente estética, xa que as secuencias están acotío coreografadas e conteñen xiros, piruetas e traballos de precisión técnica moi vistosos, como o corte de papel ou o apagado de candeas. «Máis que o combate coas espadas coreanas, traballamos a concentración e a precisión».
A escola forma grupos sen límite de idade a partir dos dous anos. Nas primeiras etapas da vida, por ter un carácter máis deportivo e orientarse máis á competición, chama a atención o taekwondo. Nas clases para adultos a disciplina que máis triunfa é o Hapkido. «Nunca é tarde para empezar desde cero; temos principiantes de cincuenta e sesenta anos que conseguen mellorías físicas e mentais», asegura Neira. Unha das novidades son as clases de defensa persoal feminina, que se inician este mes cun seminario de dúas horas no que se presentan algunhas das ferramentas útiles para defenderse ante unha situación de urxencia.
Alberto leva competindo desde cativo, cando quedou prendido do taekwondo no club Tao. Os seus tres mestres así llo inculcaron: Miguel Meilán, pioneiro desta arte marcial en Vigo e mentor de Alberto durante a infancia; e máis tarde o coreano Lee Dong Kyu e o barcelonés Álvaro Sanz. «As artes marciais non consisten en dar patadas e puñazos, senón en adquirir disciplina, seguridade e compañeirismo», conclúe Neira, en referencia aos beneficios da para a saúde mental e o autocontrol.
Círculo Mercantil e Industrial de Vigo, estrada das Plantas, 131 | @mugadojang
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Omichi: o camiño do bo ramen - 28 Novembro, 2024
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024