Mítico Jicho de Vigo: “Propuxéronme presentarme ás eleccións e dábanme máis votos que ao PP”
Eskisa, faso, labiada, viello, Sinforosio Ambrosio, peritas, fulero, perkal… Se algunha vez utilizaches algunha destas palabras, o máis seguro é que coñezas ao Mítico Jicho de Vigo. Desde o seu nacemento en 2015 converteuse nun referente absoluto do humor local na rede, primeiro en Facebook e actualmente en Instagram (@miticojicho). Os seus memes, dun estilo personalísimo e desenfadado, conseguen remover algo no noso interior e facernos lembrar ese Vigo que existiu e xa nunca volverá. Baixo unha capa superficial de humor sinxelo e incorrecto atopamos un coñecemento profundo en clave de comedia da sociedade viguesa, especialmente da xuventude das últimas décadas. Para manter a esencia do entrevistado ao máximo posible, algunhas das palabras non foron traducidas ou corrixidas.
Cando fuches consciente de que Vigo tiña un universo e un ecosistema propio para crear este personaxe?
Pois alá polo 2014 cun colega xa rachabamos rememorando batallitas míticas de varias xeracións de vigueses cando iamos cegos… Estabamos fóra e entrábanos a morriña. Tiñamos a idea de crear unha páxina web na que subir fotos de personaxes e lugares míticos de Vigo e que a peña puidese votar ‘’ MOI MÍTICO / CERO MÍTICO’’. O que pasa é que claro, iso seguro que non era legal e tampouco tiñamos fotos de toda a peña e ao final pasamos. Un ano despois, estaba na casa todo atrapao, abrín a páxina en Facebook e ao cabo duns días foise das mans. Lembro chegar a casa o día que se empezou a facer viral e non ter nin batería no móbil de todas as notificacións que chegaban. O resto creo que xa se sabe… aínda que houbo un parón moi longo ata a volta o ano pasado.
Pasaches a Instagram porque Facebook estaba cheo de viellos?
Así é meu, no Facebook hoxe en día só están as miñas tías e os amigos dos meus viellos subindo memes horribles do Dinoseto, fotos de churrascadas e de gatos… xa non rende nada. Ademais o Insta está cheo de eskuisas, así que perita.
Un día preguntaches aos teus seguidores polos peores grupos de Vigo. Agora quero pedirche eu que te molles e nos digas os teus favoritos, xa sexa de agora ou de hai uns anos.
Hai anos me cosqué de que Gabry Ponte non era de Ponteareas e foi un baixonazo. Pero o que está clarísimo que A Santísima Trindade do rock Vigués está formada por KANNON (deuses do rock vigués), Siniestro Total (época punkie unicamente) e Piratas. Terán que pasar moitos anos para que iso cambie. Outros menos coñecidos que me renden a vida son Hi-Fi Stamina, pero creo que xa non tocan. A Semen Up tamén lles metín caña no seu día. E sempre máximo respecto para os rapaces do que foi Banana Bahia… en especial para Kaixo.
Cal é o lugar que xa non existe en Vigo que máis botas de menos?
O Only One e o Valentín en Sanjurjo Badía a partes iguais. Ambos foron lugares de culto e peregrinación que deberían de ser eternos. No último aprendín a xogar ao fubolo, nun Presas 2000 Competición eskisísimo. A ver se Caballero os reabre e pon uns carteis de “Alcaldía” ben tochos, para que se saiba que xa están humanizados.
Non sei se máis xente cho dixo, pero eu síntome identificado con moitos dos teus post mesmo sen vivir nada do que contas. Cal é o secreto?
Pois son o mítico que garda recortes do Faro e lembra de todas as batallitas dos colegas, así que non resulta demasiado difícil. En casa teño un bo museo de jichadas e no móbil hai arquivo para longo. Supoño que son un apaixonado da cultura viguesa. Tamén é certo que Vigo é unha cidade que conta cun idioma propio e unha lista de personaxes (ou preas) interminable, o que facilita bastante o labor. Por último, moitas batallitas ou labiadas íanse contando de grupo en grupo na época e sobreviviron o paso do tempo, polo que igual ti non as vivises pero o mítico bojas do teu grupo contoucha fixo. Hai bulas míticas que xa están ao nivel de grandes batallas épicas da Historia, morao.
Tiñas 16.000 seguidores en Facebook e máis de 6000 en Instagram. Nunca tiveches a tentación de descubrir á persoa que se atopa detrás do jicho?
Estes anos chegaron ofertas tolísimas… desde facer publicidade para autoescolas ata actuacións pagas en despedidas ou entrevistas en directo pola radio cun disfrace do jicho. Mesmo impostores que se facían pasar polo jicho en Churruca para safar… e a mellor de todas: a posibilidade de presentarse ás eleccións municipais. A peña que o propuxo daban máis votos ao Jicho que ao PP naquel momento, tiñan estudos feitos e a de deus. Pero se te fixas, nunca se investiu nin un pavo en publicidade e a diferenza de seguidores entre Facebook e Instagram hoxe é enorme: 10.000 persoas menos en insta. O que é unha vergoña é que non me siga o alcalde Caballero. Con Perli Porro lévome peras, seguímonos mutuamente e iso que eu case non sigo a ninguén. É moi riquiña. O obxectivo de todo é que sexan risas… Sacar o orgullo vigués de dentro e rememorar nosa propia historia moderna, que xa estamos ata o carallo de chapar ao Cachamuíña!
Como sería o día máis mítico posible?
Para isto, hai que viaxar no tempo, así que imos tentalo…
Hai que levantarse cedo para aproveitar o día, polo que o seu sería empezar xa de After nalgún dos míticos da cidade. De almorzo, ou ben un Only Pito ou se non nada como o Eco’ s… visita ao WC incluída, por suposto. Despois, tremendo resome para repoñer forzas (comida da viella adoita axudar) e xa de tarde achegarse polo Pasillo para mandarlle uns bocks. Pilla preto da bocatería L’ Squina, así que piramos alí a jalar algo para aguantar unha longa noite de troula. Acto seguido, pillamos priva no 24h de Carral e directos ao macro-botellón multitudinario no Nadador (onde as risas veñen todas xuntas). Daquela todo Deus ao centro. Se Copero nos deixa mandámoslle unhas no Remache e rematamos no Manco. De súpeto che coscas que todo volve empezar… Outras cousas que axudan para que todo sexa mitiquísimo serían: chegar a casa e que sobrase Piza do Piza Móvil da cea, vitoria do Celtiña, safada furtiva coa eskuisa no Espigón ou que sexa o teu cumpre e poñan a túa foto no Xabarín.
Como sobrevive o Mítico Jicho despois de tantos meses sen pasar por Vinos ou Churruca?
Faise moi duro.. sobrevivo a base dunha dieta de licorka caseiro e bocadillos icónicos vigueses como o Lourdes do Papo’s. Mentres, entretéñome cos memes, vexo reposicións de TeleVigo e busco memorabilia viguesa en lugares recónditos. Mención especial para os seguidores que mandan cousas persoais para compartir, a pandemia púxoos a fuchicar nos caixóns e sempre rende cando mandan esas cousas.
Ovo, Rin Ran, Club de Campo, Toni’s, Hotel Bahía, a Pedra, Ecos, Academia Salgado… Cal é a túa Top 3 de sitios míticos?
Imposible elixir entre tanta variedade, pero se me obrigas diríache que:
Para jalar: Only One forever aínda que xa non podamos gozar dos seus manxares. Dos que sobreviven, quedo co Rin-Ran.
Para saír: o Toni’s é o Toni’ s, non hai máis. Patrimonio vigués.
Para ir coa eskuisa: Monte da Guía, aínda que unha vez convidásenme ao Bahía e mimá…
De Shakespeare dicíase que podían ser varios autores asinando cun único pseudónimo. Ocorre o mesmo co Mítico Jicho?
É un afago a comparación con Shakespeare pero tampouco botes por fóra, pillao. Diríache que todos somos o mítico jicho… pero deixemos que siga o misterio. De todas as maneiras, cando algún seguidor comparte algo guapo, sempre se publica, así que xa sabedes meus, colaboracións abertas!
Igual agora non é o mellor momento, pero nunca se che pasou pola cabeza facer un espectáculo en directo con este material?
Estaría guapísimo reabrir o Teatro Fraga e montalo alí, con colaboracións de estrelas locais… ou que deixasen saír na Cabalgata de Reis unha carroza con forma de Jogito xigante (co Yasuni e todo) e a peña disfrazada de vigués da época. Pero o que de verdade sería eskiso sería unha exposición de Historia do Jichismo Vigués no Quiñones de León. Agora xa en serio, hai moitas cousas pendentes: cancións, fotos e demais, a ver que carallo pasa… “veñen cousiñas” que se di agora.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024