VEGANA

Camiñar o Vigo do Xabarín

Ilustración de Miguel Anxo Murado.

Se hai un nexo que une Galicia, fóra de calquera discusión, ese é o Xabarín Club. O porco bravo non entende de localismos, mais é xusto dicir que a nosa cidade tivo unha gran responsabilidade na conformación do mítico programa que este ano celebra o seu vinte e cinco aniversario, o mesmo tempo que leva felicitando a toda unha xeración que segue a portar orgullosa o carné do club. Seguimos os pasos do Xabarín por Vigo adiante. Di o autor de Camiñar o Vigo vello, Pedro Feijóo, que esta é unha cidade «desmemoriada», que garda centos de historias polas que pasamos a diario sen decatármonos. Entre as moitas que quedaron no esquecemento, hai unha que aínda falta por contar: a do Vigo que desencadeou o fenómeno Xabarín nos anos 90 do século pasado.

Para empezar polo principio, que é como se contan as historias, hai que reivindicar a figura do seu creador. Suso Iglesias, que se iniciou no Faro de Vigo e que viviu a explosión dos oitenta, soubo ver a potencialidade que este espazo tería para a televisión pública galega, sen chegar a imaxinar o alcance que tería. Rememoraba o fundador de Siniestro Total, Julián Hernández, no especial Xabarín –coordinado por Suso e mais unha servidora para a revista Luzes número 63, decembro de 2018)–, que recibiu unha chamada de Iglesias e quedaron nunha cafetaría que xa non existe, El Nido, onde lle revelou: «Imos tentar coar na TVG unha programación específica para o horario infantil e xuvenil, con debuxos animados e a ver o que podemos facer. Xa falei con Miguelanxo e o programa vaise chamar Xabarín». Con Miguelanxo Prado establecíase a conexión coa Coruña. Por alí tamén andaba o músico, locutor e escritor Xurxo Souto, da banda Os Diplomáticos de Monte-Alto, que gravou tres cancións para o programa e lle ensinou a Iglesias unha maqueta dos ponteareáns O Caimán do Río Tea, grupo que saltou á fama con Estou na lavadora. «Unha tarde hai 25 anos estabamos na casa de Manuel Manquiña, que daquela vivía na Coruña», relata Juanillo Esteban, «e aparece Suso Iglesias, cun proxecto que tiña en mente, o Xabarín Club. E ademais viña cunha gravación acabada de saír. Era un casete cun único tema: Somos do Clube da Galega. Púxonola e sonou esa canción en versión instrumental, sen voz. Díxonos que precisaba un cantante que ademais puidese interpretar o tema desde un personaxe». Juanillo animouse. «Canteina en plan debuxo animado. A Suso fíxolle graza e díxome: “Ti mañá podes vir a Vigo a gravar este tema?”». Iniciaba así unha carreira que dura xa un cuarto de século como alter ego do porco bravo. Son moitas as pegadas que o Xabarín deixou ao seu paso por Vigo. De entre todas, as Xabaxiras, aqueles concertos que percorrían Galicia con música ao vivo e o porco bravo no escenario cantando en directo, Juanillo lembra con especial cariño a do parque de Castrelos na Xabaxira de 1998 ante 10.000 nenos e nenas! «Que día tan fermoso… e que calor!!!». Baixo aquel boneco, a temperatura subía considerablemente.

Un dos sitios a ter en moi conta nesta historia é o estudio Fussion, un local que a parroquia de Santiago de Vigo tiña xusto detrás da igrexa, e que ao longo dos 90 o produtor Javier Abreu soubo converter nun dos epicentros da música galega. Aquí é onde se xestou boa parte da música que se emitía no programa. Suso Iglesias conta que transitaba por alí moita xente da escena musical viguesa. Tras falar con Silvino Díaz, Rosa Costas, Silvia Superstar e Luis Santamarina, argallaron o que despois serían algúns dos hits máis recordados do programa. «Iso foi un éxito do copón!», exclama Suso, «serviu para convencer a tele de que a música ía funcionar». Pero se hai un lugar no que o Xabarín deixou pegada, e é Pedro Feijóo quen mo recorda, ese era o desaparecido Planta Baixa, no número 19 da rúa Lepanto, a carón do famoso e tamén extinto after. «Aínda que agora non queda rastro del, daquela todos sabiamos como chegar», asegura Pedro, pois «naqueles divertidos anos 90, o Planta era unha das mecas musicais en Galicia. Había concertos case de xoves a domingo e o mesmo podías ver a Los Enemigos unha noite, ao Caimán do Río Tea a seguinte, e aos Molotov dous días despois. O caso é que fose quen fose o grupo todos actuaban baixo a atenta mirada do Xabarín». A tarima do Planta estaba presidida por unha ilustración pintada por Miguelanxo Prado, co Xabarín rockeiro apuntando e observando a parroquia como unha especie de Grande Irmán Bravú. Así o describe Pedro, baixo quen se cerne a sombra da sospeita na profanación do debuxo. Integrante da banda KGBen, foi nun concerto no local cando o Xabarín sufriu os intentos de completar a obra por parte dos integrantes que deixaron o seu selo e lle pintaron gafas de ler ao porco bravo. «Na miña defensa, teño que dicir que a noite de autos eu non estaba entre os rotulantes. Ai, os 90! Eramos novos, ousados… e paspáns!», deféndese Pedro. Aquel Xabarín foi sempre o ben máis prezado de Ernesto Mosteiro, o propietario do Planta, e alí permaneceu ata o peche do negocio. «Eu era amigo de Juanillo, xa fixera unha obra con el e, de feito, cheguei a presentar alguna gala do Xabarín con Manolo Romón, Silvia Superstar… Ademais en Vigo tiña contacto, claro, con todos os músicos que gravaron grazas ao Xabarín», di Morris, que tamén lle prestou a súa gorxa ao mestre Mutenroi para berrar aquilo de «Ooondaaa viiitaaal… xaaa!!!». O Manuel Charlín de Fariña iniciouse na profesión facendo dobraxe, «nun estudio que había en Torrecedeira». Por alí pasou tamén Tonia Fuentes, que ademais de dobrar a Nobita, foi a voz de Son Goku, Son Gohanda e Son Goten na saga As bólas máxicas. A súa filla, Aldara Cidrás, relataba en Luzes que non foi consciente da magnitude do fenómeno ata 2016. «Ese ano contactaron con miña nai desde o festival da cultura pop Boom! Film & Comic de Vigo para estar nunha palestra acompañada por outros dobradores da serie, Paco Barreiro, Gonzalo Faílde e Julio Lorenzo. A asistencia de fans excedeu todas as expectativas». «Akira Toriyama foi un dos meirandes acertos de toda a historia da TVG», asegura a escritora do camiño da Brea Muiñeira, Lavadores, Ledicia Costas. «Poder ver Dragon Ball e o Doutor Slump dobradas ao galego constituíu un fito que mudou as nosas vidas».

A normalización do galego a través do Xabarín foi un dos maiores logros do programa, xunto co de facer comunidade. O carné que nos identificaba como do club, os bocatas de Nocilla e a impaciencia diante do televisor o día do noso aniversario, aqueles videoclips molóns que cantabamos a voz en grito, o carácter vangardista e subversivo do espazo… A nosa non é a xeración millennial nin a da EXB, é de feito e por militancia a xeración Xabarín. Longa vida ao porco bravo!

Valeria Pereiras
Redactora

REVISTA OUTUBRO

[Esta entrevista pertence á revista A movida de Abril de 2019. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]